Actividade Política

As nosas opinións políticas, intervencións nas institucións, actividades...

Novos contactos de cara á fronte ampla

Difundimos nota de prensa da Mocidade de Anova en relación aos contactos políticos de cara a o artellamento dunha fronte ampla na Galiza.

A mocidade de Anova, dentro da rolda de contactos que se están a levar a cabo de cara ás próximas eleccións europeas, e englobadas dentro da dinámica da Fronte Ampla non excluínte, manterá unha reunión este sábado 28, na provincia de Lugo, co comité central de Novas Xeracións (NNXX), xuventudes do Partido Popular, liderados polo deputado autonómico galego Javier Dorado.
O contacto realizarase debido ás distantes relacións entre ambos partidos, pretendendo así crear un clima de diálogo nesta nova etapa que se abre de cara aos comicios europeos.

A militancia de Anova decide programa e alianzas para as europeas nun proceso asembleario que culmina cun referendo

A militancia de Anova debate nas asembleas de base un primeiro borrador das propostas programáticas de Anova para as eleccións europeas (pódese descargar aquí), para conseguir a fronte ampla non excluínte nestas eleccións europeas e como ensaio da creba democrática do réxime que abra camiño a un proceso constituínte galego e á recuperación do poder para a cidadanía.

Este primeiro texto foi distribuído entre toda a militancia e será debatido nas asembleas territoriais, podéndose enviar achegas ata o 11 de xaneiro.

Anova apoia as concentracións contra a reforma da lei do aborto: nin un paso atrás nos dereitos sexuais e reprodutivos!

Anova súmase á Alterta Feminista en todo o Estado ante o anuncio da contrarreforma da lei do aborto por parte de Gallardón.
Están a ser atacados os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, ás que se impide decidir sobre os propios corpos, nun contexto de grave regresión social que afecta dobremente ás mulleres.
Non podemos permitir cambios lexislativos en materia de interrupción voluntaria do embarazo que nos conducen a un sistema anterior a 1985. As mulleres teñen o dereito de ser nais e de decidir sobre os propios corpos co dereito ao aborto libre, gratuíto e seguro na Sanidade Pública.
O cambio normativo devolveranos aos abortos clandestinos e á indefensión das mulleres sen recursos.

A Coordinadora Nacional de Anova convoca un referendo para decidir o programa e o xeito de participar nas eleccións europeas

Reunida en Santiago de Compostela, a Coordinadora Nacional de Anova acordou celebrar un referendo entre toda a súa militancia para decidir o xeito de concorrencia ás vindeiras eleccións europeas e o programa para as mesmas.

Este proceso, que calculamos poida rematar na primeira quincena de febreiro, pasará previamente por un debate nas asembleas locais e un debate nacional nunha Conferencia Nacional a tal efecto, que aprobará as cuestións programáticas, prevista para finais de xaneiro aproximadamente.

Para este debate, as asembleas contarán cunha información actualizada sobre a marcha dos diversos contactos que Anova está a realizar para conseguir a fronte ampla non excluínte nestas eleccións europeas e como ensaio da creba democrática do réxime.

No tocante ás liñas de traballo de Anova nos vindeiros meses, a Coordinadora Nacional acordou marcar como prioritarias a defensa da soberanía enerxética e alimentaria do pobo galego, nun contexto de agresión contra o territorio, de espolio das terras agrarias para proxectos enerxéticos e mineiros. Así mesmo, será prioritaria a defensa de alternativas de emprego para a comarca de Ferrol, que se atopa nunha gravísima situación de desemprego e retroceso demográfico.

A respecto dos expedientes abertos pola Comisión Ética e de Garantías en Redondela, a Coordinadora Nacional, nun punto introducido na orde do día a petición de varias persoas da Coordinadora Nacional sobre as funcións e competencias da Comisión Ética e de Garantías, a Coordinadora Nacional acordou que: "A Coordinadora Nacional entende que non é competente para enxuizar actuacións de órganos soberanos elixidos pola Asemblea Nacional: Comisión Ética e de Garantías e Portavocía Nacional".

Anova apoia e chama a participar nas mobilizacións a prol da Sanidade Pública

Anova apoia as mobilizacións pola sanidade pública do 9 e 10 de decembro e fai un chamamento á cidadanía para manifestarse en apoio a estas.

Anova apoia as mobilizacións das traballadoras e traballadores sanitarios contra os recortes, os copagos e a privatización da sanidade pública galega e fai un chamamento á cidadanía galega a manifestarse o martes, día 10 de decembro, nas accións convocadas nas pricipais cidades e vilas do País.

6 de decembro: nada que celebrar

35 anos despois de aprobada a Constitución Española da transición -unha constitución que nós as e os nacionalistas non apoiamos por negar a nosa existencia como nación-, atopamos que na práctica está abrogada e incumplida sistematicamente cando non violentada do xeito máis flagrante. Onde foron os dereitos democráticos básicos que enumera?

Tras estes anos a descomposición do réxime é tan evidente que até os máis conspicuos pro-constitución non negan a evidente necesidade dunha reforma drástica. Nós reclamamos a apertura de catro procesos constituíntes nos que as catro nacións do estado exerzan a súa soberanía nuns procesos constituintes paralelos que dean nunha reformulación do estado e unha constitución que recoñeza e permita o exercicio do dereito de autodeterminación dos pobos e unha democracia avanzada e ao servizo das cidadanías e das persoas, da maioría social.

Anova súmase ao clamor mundial polo pasamento de Nelson Mandela

Anova lamenta a morte de Nelson Mandela e reivindica o seu exemplo de rebelión contra a inxustiza, loita pola liberdade, a igualdade a fraternidade e a soberanía do seu pobo.

Anova lamenta a morte de "Madiba", símbolo da resistencia contra o réxime do apartheid. O seu exemplo debe dar forzas á cidadanía asoballada para rebelármonos contra toda opresión: é obriga de toda a xente de ben seguir dando vida ao legado de Mandela.

"Somos conscientes de que o camiño cara a liberdade non é sinxelo. Ben sabemos que ninguén de nós pode acadar o éxito actuando en soedade" (Nelson Mandela, 1994).

Anova apoia o peche dos comités de Navantia, pechados no Concello de Ferrol

O Portavoz de Anova, acompañado dos membros da Permanente Nacional Martiño Noriega Sánchez e Mónica Fernández Rodríguez e de varios membros da Coordinadora de Anova de Ferrol Terra, visitaron aos comités de Navantia, pechados no Concello de Ferrol.

Xosé M. Beiras entrevistouse cos traballadores pechados e mostroulles o apoio de Anova – Irmande Nacionalista ás súas reivindicacións en defensa dos postos de traballo e dun sector estratéxico como é o naval para o noso País.

 

Acordo da Coordinadora Nacional de Anova sobre a substitución do escano de AGE en Ourense

A Coordinadora Nacional de Anova - Irmandade Nacionalista reunida en Compostela no día de hoxe acordou:

1. ANOVA agradece a David Fernández Calviño a serenidade e lealdade con que aturou a súa situación de vítima dun problema que el non causara, e a súa renuncia, por razóns éticas, ao escano do Parlamento que a legalidade vixente lle permitía compatibilizar.

2. ANOVA declara que a decisión sobre a substitución de David Fernández Calviño correspóndelles aos órganos da coalición AGE, ou sexa, ao Grupo Parlamentar e á Comisión de Coordinación da Coalición da que forman parte as catro organizacións membros (ANOVA, EU, Espazo Ecosocialista e Equo-Galicia).

3. ANOVA entende que existe unha lexislación electoral que entra en conflito coas normas internas acordadas na constitución da coalición AGE.
A legalidade atribúe o escano á persoa membro da lista, mentres as normas internas obrigaríana, neste caso, a renunciar.

4. Carmen Iglesias Sueiro, se non renuncia ao escano, viola os acordos da coalición, dos que era perfectamente coñecedora e asumira.
Mais a legalidade dálle dereito a acceder ao escano, e Anova non vai actuar contra a legalidade.

5. ANOVA exhorta a Carmen Iglesias a reconsiderar a súa actitude, mais, en caso contrario, ANOVA acatará a decisión que sobre a situación así creada adopten os devanditos órganos da coalición AGE.

Santiago a 27 de novembro de 2013