O resumo destes dez meses e vintecinco días de vida política de ANOVA-IN ben pode ser este: “Nunca tanto se fixo en tan pouco tempo”.

Efectivamente, así foi. Malia á precariedade de medios, a ter todos os elementos á nosa contra, ás dúbidas e ás incertezas, aos agoiros... ao final puido máis o amor á Terra e aló saímos navegar a mar aberto nunha travesía complicada e cunha tripulación tan variada coma plural segundo a súas procedencias políticas ou vitais. Mais o barco xa navega fóra da ría.

Persoas chegadas de diferentes lugares da política, en moitos casos afastados diametralmente, ou do mundo dos movementos sociais, do sindicalismo, do feminismo, do ecoloxismo, etc, incluso moitas delas non sempre ben tratadas neses lugares de orixe, coincidimos nunhas circunstancias compexas e que facían previsible a aparición de receos ou de sospeitas entre nós. O risco era evidente, pero grazas á xenerosidade e á responsabilidade política das persoas comprometidas nesta andaina, que souberon entender a importancia do momento histórico no que estabamos, fomos quen de conxurar o fracaso. Hoxe, ANOVA-IN é unha realidade vizosa que medra polo País adiante, non sen dificultades, contando xa con máis de 43 asembleas territoriais constituidas, 26 comarcas, varias alcaldías, catro deputados e deputadas no Parlamento Galego e ducias de concelleiros e concelleiras que desenvolven a pé de obra un importante traballo político e institucional en cadanseu ámbito. Sen caer en triunfalismos podemos dicir que xa somos o centro de gravidade arredor do cal terá que se construír o nacionalismo de esquerdas do século XXI en Galiza ou, dito doutro xeito, somos o lévedo sobre o que se estenderá a repolitización da nova sociedade galega, complexa e plural tanto na súa configuración coma nas súas demandas.

Cando se fala da existencia de dificultades ou problemas cómpre facermos autocrítica e recoñecer, na medida en que nos toque a cada un ou a cada unha de nós, segundo as nosas responsabilidades, que algunhas cousas non se fixeron ben. Temos que mellorar na transmisión da información facendo que sexa máis áxil e eficaz, procurar que os debates sexan máis participados e abertos e, en consecuencia, que as decisións e os acordos tomados sexan tamén máis compartidos ou horizontais, pero, sobre todo, temos que afastar definitivamente da nosa relación política a desconfianza. Sen dúbida, o remedio para superar estas eivas non é outro que a xenerosidade e o respecto. Hai outros defectos que a práctica e a acción política en común irán resolvendo.

En todo caso, e como xa se dixo, a carencia de medios, o traballo voluntarista en exceso, os vicios adquiridos de outras militancias e, se cadra tamén o feito de estarmos a construir algo novo que a moitos e moitas de nós pode resultar descoñecido, tiveran algo que ver neses erros cometidos. Mais agora cómpre poñer en valor o novo marco político, organizativo e de relación coa sociedade que puxemos en marcha na asamblea constituinte do 14 de xullo de 2012. Nestes poucos meses de vida ANOVA-IN xa deu mostras abondo das posibilidades que temos de conexión con amplos sectores da sociedade galega e coas súas demandas e maneiras de entender a política. Unha proba evidente disto é este mesmo proceso asemblear da nosa primeira asamblea nacional.

COMO NACEMOS NÓS

Chamados á rebeldía cívica, experiencias colectivas de distinta índole, un debate político e ideolóxico que trascende, o proprio cambio dialético da sociedade e, por suposto, o feito histórico da Asemblea de Amio que aos efectos poderíamos comparar coa Iª Asemblea Nazonalista de Lugo de 1918, xunto á decisión de varios centos de militantes nacionalistas de abandonar o BNG, e as expectativas que semellante acontecemento creaba no ámbito da política galega, conseguiu que por fin fose posíbel a aparición dunha nova organización nacionalista de esquerdas.

Foi entón que comezaron a tomar forma polo País adiante un arquipélago de persoas agrupadas en colectivos, asembleas abertas, grupos de reflexión, etc, mais todas elas co denominador común de estar a prol dun novo proxecto político, plural e participativo, que a partires de agora temos a obriga colectiva de consolidar.

O 24 de maio de 2012, dende o NPC do Val Miñor-Oia faise o primeiro chamado a todas as asembleas das que se tiña coñecemento da súa existencia até esa altura, co rogo de que o estendesen a todos os recunchos do País onde houbese algo organizado na liña do aquí exposto, é dicir, transmitir a necesidade de nos xuntar para valorar conxuntamente a posibilidade de crear algo novo.

Cómpre recoñecer que no inicio desa andaina tivo unha grande importancia a conexión e boa sintonía entre o eixo formado polo Val Miñor e Ferrolterra. Froito de todas esas sinerxias, o 2 de xuño de 2012 ten lugar no Concello de Teo o primeiro encontro de asembleas por un novo proxecto común. Acoden ao mesmo 43 asembleas ou grupos organizados que acordan constituírse en Coordinadora Nacional provisional, cuxo manifesto se transcribe literalmente pola súa importancia e valor documental.

POÑENDO OS ALICERCES

As persoas que en representación das asembleas locais ou comarcais, constituídas ou en fase de constitución, por un Novo Proxecto Común, integradas por persoas a título individual e que acollen unha pluralidade de visións da nación dos galegos/as reunidas o 2 de xuño en réxime de autoconvocatoria

MANIFESTAMOS

1º.- A nosa vontade de traballar pola creación dunha nova organización de carácter asembleario, aberto e plural, de integración individual e organización territorial, con vocación de continuidade na acción social, de carácter nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma.

2º.- A nosa vontade de estabelecer unha coordinación entre as distintas asembleas comarcais ou locais a fin de preparar unha reunión asemblearia de carácter nacional.

3º.- A nosa vontade de participar en futuras convocatorias electorais. 

Teo 2 de xuño de 2012

 

O 16 de xuño, unha semana máis tarde, volve xuntarse de novo en Teo a Coordinadora Nacional provisional que, entre outros acordos decide convocar para o 14 de xullo de 2012 a Asemblea Nacional constituínte do novo proxecto común en Santiao de Compostela. E así foi, o 14 de xullo e como se dixera antes do remate da devandita asemblea, nace de maneira intensa e caótica, mais tamén apaixonante, ANOVA-IN. E xunto con ela os seus órganos de dirección: a Coordinadora Nacional e a Comisión de Garantías. Á súa vez, a Coordinadora Nacional escolle o Portavoz Nacional na persoa de Xosé Manuel Beiras, e posteriormente é escollida a Permanente Nacional, ámbalas dúas figuras con carácter de comisionadas e revogables pola propria Coordinadora Nacional. Outra das tarefas encomendadas pola asemblea constituínte foi a realización do mapa comarcal de ANOVA-IN nun prazo de seis meses. Por razóns obvias de tempo e de traballo político, o mapa comarcal provisional foi aprobado pola Coordinadora Nacional o pasado 19 de xaneiro cun mes escaso de atraso sobre o prazo establecido.

COMO NACE A.G.E.

A primeira tarefa que ten que acometer ANOVA-IN con escasos días por diante é a celebración e convocatoria do Día da Patria. Ante a imposibilidade de celebrala conxuntamente coas demais organizacións nacionalistas (baralláronse varias posibilidades), ANOVA-IN decide convocar en solitario un acto público na praza de Mazarelos, e para cuxa convocatoria tívose especial coidado en non “pisar” as outras convocatorias existentes nese día, conscientes como eramos de que nesa altura aínda compartíamos moitas cousas co resto do nacionalismo galego organizado ou non.

Cómpre poñer en destaque que nese acto da Pza. de Mazarelos tiveron unha especial participación e relevancia a xente moza de ANOVA-IN, algo inaudito no resto de organizacións políticas existentes até ese momento. Un novo xeito de facer e de entender a política en Galiza comezaba a camiñar.

O 25 de Xullo, e ante o que xa era unha evidencia do adianto dos comicios ao Parlamento Galego (foron convocados por Núñez Feijoo o 27 de agosto), o noso Portavoz Nacional fai un chamado público a todo o nacionalismo galego e á esquerda que actúa en Galiza e respecta o dereito de autodeterminación para a conformación dunha Fronte Ampla para atender á inminencia duns comicios que estaban a caer e, sobre todo, para lle dar resposta a unha situación de emerxencia nacional que o País atravesa polos efectos perversos das políticas antigalegas e neolibeirais dos gobernos do PP instalados en San Caetano e na Moncloa.

O chamado público feito por Xosé Manuel Beiras o 25 de Xullo a constituír unha Fronte Ampla colle corpo na seguinte Coordinadora Nacional que lle dá trasladado formal e por escrito ao BNG, a EU e a CxG. O BNG nin respondeu e cos demais partidos só foi posible acadar un acordo con EU, formalizado posteriormente coma coalición electoral á que se sumaron Equo e Acosocialistas, dúas formacións políticas que malia ter pouca implantación en Galiza si representan o sentir de moitas cidadás e cidadáns. E así naceu a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE).

A ilusión xerada na cidadanía pola aparición dunha alternativa nova, unitaria, limpa e cos principios de actuación política moi claros; o bo ambiente de traballo e de cooperación entre as bases das diferentes organizacións políticas da coalición, así como a presenza e a figura indiscultible de Xosé Manuel Beiras, motivaron a moitos cidadáns e cidadás a participar nos actos convocados pola coalición, pero tamén a botar unha man nos traballos de intendecia, nas achegas económicas para financiar a campaña, etc. A todas esas persoas que nos axudaron xenerosa e desinteresadamente, GRAZAS!!!

Os resultados están aí, e sobardaron en moito as nosas mellores expectativas. Mais tamén aumentaron a nosa responsabilidade diante máis de 200.000 persoas que nos votaron e de moitas máis que hoxe nos votarían.

 

O FUTURO

Pois ben, se o 14 de xullo de 2012 puxemos os alicerces desta nova e novidosa ferramenta política, hoxe estamos avanzando na súa construción e consolidación; e mellorando colectivamente a súa maneira de funcionar para o futuro mais, se cadra, aínda nos ha levar algo máis de tempo en poñela a punto. Con todo, non debemos perder de vista as nosas responsabilidades e que fóra de aquí están agardando por nós. Sería imperdoable e un erro político de primeira orde o estarmos falando de nós permanentemente ou mirándonos o embigo, simplemente porque cando nos deamos conta nin temos País nin Pobo que nos queira escoitar.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2013.

Antonio Araújo Quintas, responsábel nacional de Coordinación