Polo benestar dos galegos e das galegas, así como do resto do planeta, Anova-IN rexeita de plano as escuras e ilexítimas negociacións do Acordo Trasatlántico sobre Comercio e Investimentos así como os pactos que poidan resultar delas.

Para Anova-IN un dos temas que deberá centrar a atención de todas e todos nas próximas eleccións europeas será o Acordo Trasatlántico sobre Comercio e Investimento (ATCI, cuxas siglas en inglés son TTIP) que, con total opacidade e ausencia de democracia, está a negociar a Unión Europea (UE) cos Estados Unidos (EUA). Este novo asalto á democracia recibiu o beneplácito da dereita e do socialiberalismo europeo nos parlamentos estatais e no propio Parlamento Europeo. O tratado, que pretende crear a maior zona de libre comercio do mundo, será un paso máis na deriva neoliberal da Unión Europea e no seu carácter subalterno aos Estados Unidos.

As implicacións da sinatura deste acordo serán múltiples: dende abrir a porta a produtos alimentarios estadounidenses de dubidosa calidade a afondar na competición á baixa dos salarios propia da lóxica globalizadora, pasando por incrementar a ameaza de colonización cultural mediante a chegada masiva da industria audiovisual norteamericana. Ademais, constitúe un novo paso no distanciamento entre os pobos soberanos e os lugares onde se toman as decisións que afectan ás vidas das e dos subalternos. É, polo tanto, un novo ataque á soberanía popular.

Se ben Galiza non é allea a ningunha destas ameazas --e a outras moitas que se agachan no ATCI--, existe un apartado no dito tratado que resulta especialmente perigoso para a nosa nación: a vontade expresada neste documento de crear xurisdicións internacionais ad hoc para “mediar” entre o capital internacional e os Estados. Un exemplo concreto dos efectos que poderían ter no noso país estes tribunais feitos á medida é o da mina de Corcoesto. No horizonte hipotético de que a mina de Corcoesto non fose legalizada polo Goberno galego --o que cal aínda está por ver--, a multinacional Edgewater, co ACTI na man, podería interpoñer unha demanda contra a Xunta de Galiza ante este tipo de tribunais --cuxa composición escapará a calquera caste de control democrático-- para impoñer os seus nocivos plans.

Máis información: 

Seattle to Brussels Network
http://www.stopcorporateimpunity.org/
http://www.enlazandoalternativas.org
http://www.aepf.info/
http://www.climate-justice-now.org
http://www.quiendebeaquien.org
http://www.alianzasoberanialimentaria.org
http://alianzaeconomiaverdefuturoimposible.blogspot.com.br/
http://www.auditoria15m.org
http://www.auditoria15m.org