Da man da Candidatura d'Unitat Popular (CUP), o Coordinador Nacional Antón Sánchez e a responsábel de relacións sociopolíticas, Xiana López Penedo, partirán mañá sábado para apoiar un proceso democrático e popular que o Estado español nin entende nin quere entender.

Compostela 7 de novembro de 2014-. Dende Anova-Irmandade Nacionalista queremos facer público o noso apoio e solidariedade co proceso democrático e de autodeterminación do Pobo Catalán. Ao tempo, tamén desexamos manifestar a nosa preocupación polos niveis de autoritarismo que está a manifestar o Estado español, o seu goberno e as institucións xurídicas, que no canto de ser garantes de procesos democráticos que faciliten a participación da cidadanía, que é onde reside a soberanía dun pobo, son instrumentalizados en contra das arelas democráticas e lexítimas manifestadas polo pobo irmán catalán.

Como mostra dese o noso apoio ao proceso, unha delegación de ANOVA-IN participará na consulta do 9N convidada como observadora internacional pola Candidatura d´Unitat Popular (CUP). Encabezada polo Coordinador Nacional e a Responsábel de Relacións Internacionais, Anova estará entre os máis de 100 observadores internacionais e participará mañá sábado, 8 de novembro, ás 12:00 horas nunha roda de prensa colectiva organizada pola International Commission of European Citizens (ICEC) no Ateneu Barcelonès. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, a delegación galega participará no acto de final de campaña da CUP en Cotxeres de Sants.

Pola súa parte, o propio domingo 9 de novembro, a delegación de Anova dedicará todo o día á observación da consulta por todo o territorio catalán.

Desde Galiza queremos, xa que logo, achegar o noso gran de area nesta data histórica para o Pobo catalán e para os demais Pobos e Nacións sen Estado propio, que como o galego aspiran á plena vixencia dos seus dereitos colectivos, da súa soberanía e da súa lexítima e democrática autodeterminación.