Anova-IN amosa a súa indignación perante a brutalidade policial e sistémica contra manifestacións pacíficas de persoas que só loitan contra situacións de desigualdade e abuso

 Compostela, 19 de setembro de 2014-. Hoxe decenas de persoas solidarias fomos testemuñas de como unha familia compostelá de Arís era desaloxada da súa vivenda mediante a intervención das unidades antidisturbios. Unha familia que, como vén denunciando a plataforma ´Stop desafiuzamentos´ foi víctima da estafa dun especulador inmobiliario e tiña ao seu cargo menores de idade e persoas en situación de dependencia.

Lonxe de buscar unha solución pactada e consensuada, as unidades da policia española cortaron o acceso a esta zona do rural dende primeira hora da mañá para impedir o achegamento das persoas solidarias, trastocando así o tránsito tamén ás persoas que saían a esa hora para os seus postos de traballo. O suceso máis destacado foi a detención de Bráis González, a persoa que estaba mediando cos avogados do especulador para buscar unha solución consensuada. Este compañeiro, alén de ser membro da plataforma e militante do sindicalismo nacionalista de clase organizado na CUT, é afiliado de ANOVA dende a nosa fundación. A actitude policial foi absolutamente desproporcionada e foron moitas as persoas contusionadas, cando o único que fixemos as persoas solidarias foi manter unha actitude de desobediencia pasiva e non violenta.

Hoxe Carlos e María puxeron rostro a esa maioría social que padece as consecuencias das políticas austericidas do partido do alcalde Agustín Hernández. Alén diso, esiximos a inmediata posta en liberdade e sen cargos do noso compañeiro Brais González.

+ INFO: Imaxes aquí (Xoán A. Soler)