Anova-Irmandade Nacionalista quere parabenizar ao pobo escocés, e especialmente a quen loita pola súa independencia e emancipación, polo grande exemplo de madurez democrática demostrado onte.

Compostela, 19 de setembro de 2014-. “Nada vai ser igual no Reino Unido, e probabelmente en Europa, a partir de agora”. Así definía a importancia do acontecido onte en Escocia o portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras. Para Beiras “foi unha loita desigual porque se desenvolveu nun contexto oligárquico no que a forza da razón esgrimida polo movemento emancipador escocés se enfrontou á razón da forza, en forma fundamentalmente de acoso mediático, fomento do voto do medo polos poderes político e financeiro e non poucas chantaxes encubertas”.

Ao entender do voceiro de Anova, “o éxito foi enorme, porque nesa situación de participación masiva provocada polo antedito medo inducido polos poderes oligárquicos, que espertou a moita poboación anteriormente indiferente, obter o 45 por cento non era doado”. E continuou dicindo: “Quen podía pensar nunha situación e nun resultado así hai 30 anos, cando Escocia parecía un pobo adormecido? Nunha situación normalizada, sen inxerencias, o resultado sería seguramente outro.”.

Asemade, Xosé Manuel Beiras quixo incidir en que: “Non era só unha loita por unha Escocia independente, senón por unha mudanza de modelo social e político e de relación entre a política e a cidadanía. Que os escoceses querían deconstruír Europa? Diso nada, é a Unión Europea, cada día máis antidemocrática, a que está a deconstruír Europa. A expresión democrática dun pobo nunca é unha ameaza. Ameaza a constitúen eses poderes da UE que son profundamente antieuropeos”.

Martiño Noriega

Pola súa banda, o Coordinador Nacional de Anova, Martiño Noriega, quixo salientar que “Escocia deu un exemplo de madurez democrática cunha participación masiva para poder decidir o seu futuro. Iso xa é unha vitoria”. Para Noriega, independentemente do sentido da decisión popular do pobo escocés é importante sinalar que, cando menos, puideron votar e debater democraticamente. “Os poderes fácticos do Estado español, antes de interpretar os resultados deberán explicar porque aquí non o permiten. Poder decidir, decidilo todo, é un test da calidade democrática dun Estado, e no español todo indica que esa calidade está polo chan”, afirmou o Coordinador de Anova.

Na mesma liña que Beiras, Martiño Noriega quixo concluír salientando o carácter da loita pola emancipación de Escocia: “Hai que sinalar que o proceso de reivindicación identitaria en Escocia estivo acompañado estes anos pola demanda dun outro modelo económico e social no contexto da crise sistémica da zona euro”.