Propostas de resolución sobre os tratados de libre comercio, a protección dos animais, as Marchas da Dignidade, o patriarcado, a LOMCE e a campaña BDS, todas aprobadas por aclamación na II Asemblea Nacional de Anova –IN, durante o plenario do 12 de outubro de 2014.

TTIP e CETA

Anova-Irmandade Nacionalista é consciente das graves consecuencias que sobre o noso país e as clases traballadoras suporá a sinatura do Tratado Transatlántico de Comercio e Inversións (TTIP) entre os Estados Unidos e a Unión Europea. É por isto que se opón frontalmente á aprobación destes acordos, nomeadamente o TTIP e o CETA, e fará todo o que estea nas súas mans para divulgar e espallar as consecuencias negativas que estes terán sobre os sectores públicos e os dereitos sociais das persoas, fundamentais para o conxunto da sociedade.

Do mesmo xeito, Anova-Irmandade Nacionalista promoverá grupos e accións de denuncia para conseguir que a cidadanía tome conciencia deste grave ataque aos seus dereitos e apoiará todas as iniciativas que informen e organicen á cidadanía para defenderse desta nova agresión, de igual xeito que levará adiante todas as accións que estean na súa man para, xunto a cidadanía e pobos de Europa, conseguir que non se leve a termo esta negociación opaca, antidemocrática e de obxectivos claramente espoliadores dos nosos dereitos, bens e recursos.

PROTECCIÓN DOS ANIMAIS

A II Asemblea Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista comprométese na reivindicación das políticas públicas de defensa e protección dos animais, considerando que as diferentes administracións e organismos de Galiza teñen a obriga moral e legal de atallar o maltrato e a crueldade cara os seres vives.

A Asemblea Nacional de Anova comprométese a impulsar a abolición dos eventos tauromáquicos en Galiza e a suprimir calquera tipo de soporte ou subsidio a este entramado baseado na execución pública dun animal.

MARCHAS DA DIGNIDADE

Anova participará activamente na mobilización que impulsan as Marchas da Dignidade. Esta mobilización contará cunha primeira expresión nas manifestacións convocadas para o próximo 6 de novembro, e rematará o 29 de novembro, na ocupación da Praza do Obradoiro de Compostela, no que pretende ser un novo pulso da maioría social agredida polas políticas neoliberais, contra os gobernos e a Troika, baixo o lema PAN, TRABALLO E TEITO. O 29 de novembro, ANOVA VAI!

CONTRA O PATRIARCADO

Anova- Irmandade Nacionalista quere ter presente no peche desta II Asemblea Nacional ás mulleres asasinadas no noso país. Mulleres que desafiaron dunha maneira ou doutra a norma patriarcal perdendo a vida na súa loita pola liberdade. Para elas o noso recoñecemento, e o compromiso firme desta organización de loitas contra o Patriarcado até erradicar a violencia machista.

LOMCE

A II Asemblea Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista manifesta a súa frontal oposición á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) promovida polo Ministro de Educación do goberno español, José Ignacio Wert, que atenta contra o ensino público, que promove a recentralización do sistema educativo e a segregación por sexos nas escolas, que fomenta o uso do castelán en detrimento da lingua galega como lingua vehicular, que eleva a materia de relixión a un plano inadmisible nun Estado que se di laico e que, en definitiva supón un grave atentado contra o ensino público. A AN de Anova-IN manifesta tamén o seu apoio ás protestas e mobilizacións da comunidade educativa e dos colectivos estudantís contra esta lei.

BDS

A II Asemblea Nacional de Anova--Irmandade Nacionalista manifesta o seu inequívoco e radical apoio á iniciativa BDS (Boicot, Desinvestimentos e Sancións) a prol do boicoteo aos produtos israelís. E faino para denunciar o xenocidio planificado que o Estado Israelí executa contra o pobo palestino, ao que, desde Galiza, lle ofrecemos toda a NOSA solidariedade.