• 1 Queremos normalidade
  • 2 Primeiro de Maio: Contra o espolio das nosas vidas
  • 3 Anova, coa moción de censura e contra o Réxime da Corrupción
  • 4 Cassandra Vera, cando o Estado trata as vítimas como verdugos
  • 5 Beiras en La Tuerka: "A miña xeración non tivo mentor ningún, os que había estaban na nosa contra"
  • 6 A soberanía dos pobos como alternativa. Xuntanza internacionalista en Barcelona
  • 7 Anova convoca a súa III Asemblea Nacional en Pontevedra
  • 8 Entrevista a Xosé Manuel Beiras (Cicloxénese Expresiva)
  • 9 No pasamento do mestre Fernando Acuña Castroviejo
  • 10 25 de xullo en irmandade
  • 11 Beiras: “Se trasladásemos os resultados do 26X ao Parlamento galego, o PP non gobernaría”
  • 12 Brexit: Calquera perspectiva de cambio pasa por abordar o funcionamento antidemocrático da UE
  • 13 Acción Feminista de Anova en solidariedade coa compañeira Laura Bugalho
  • 14 Anova fai un chamamento a seguir construíndo En Marea dende a base
  • 15 A Xunta deixa sen asistencia as mulleres galegas
  • 16 A militancia de Anova prioriza por ampla maioría o camiño común cara ao cambio político
  • 17 Anova remata as súas primarias e comeza unha nova consulta á militancia
  • 18 Anova-IN aposta por que sexan as bases quen decidan todo o importante
  • 19 Beiras: a ética debe estar por riba da política
  • 20 Unidade popular para decidilo todo
  • 21 Bruxelas e a barbarie global
  • 22 Nunca máis cómplices, nunca máis silencio
  • Queremos normalidade

    DÍA DAS LETRAS GALEGAS 17-M 2017

     Sería desexable que o Día das Letras Galegas dera ido máis alá da memoria literaria, da liturxia, dunha simple conmemoración da existencia da nosa lingua.

    Máis alá da homenaxe aos nosos escritores e escritoras e da necesaria difusión dun sistema literario erguido contra toda adversidade, o Día das Letras Galegas foise convertendo por acción popular nunha xornada de reivindicación dos nosos dereitos lingüísticos e por tanto dunha crecente extensión social do idioma que entre nós vimos creando desde hai séculos. Trátase de manter viva e con futuro a lingua, e iso quere dicir que teimamos en vivir nela o presente. Porque é ese dereito fundamental o que segue a estar en xogo: vivirmos a totalidade das nosas vidas na lingua que nos é propia. Non é, pois, a lingua en si a que debe ser reivindicada; é o noso dereito a usala en cada lugar, en cada espazo, en cada actividade, en cada momento das nosas vidas.

    LER MÁIS
  • Primeiro de Maio: Contra o espolio das nosas vidas

    O Primeiro de Maio é Chicago, a loita por mellorar as indignas condicións da explotación, as bandeiras vermellas, a represión. Catro pinceladas que encadran a loita do proletariado pola súa emancipación desde que empeza a adquirir conciencia de si como clase. Desde aquel día de 1886 ata hoxe mesmo, máis dun século de loitas, conquistas, dereitos e melloras nas condicións de vida e de traballo. A celebración non vén sendo senón a memoria renovada dese impulso emancipatorio irrefreable mesmo nos momentos máis duros, como sucedeu no Estado español cando a ditadura franquista. Non esquezamos que Galiza foi vangarda da loita obreira en momentos de enorme represión coas masivas mobilizacións dos anos 70 en Vigo e en Ferrol, cando as forzas franquistas asasinaron os traballadores do naval Daniel Niebla e a Amador Rey, hai agora 45 anos. 

    LER MÁIS
  • Anova, coa moción de censura e contra o Réxime da Corrupción

    Desaloxar a Mariano Rajoy e derrotar democraticamente o Partido Popular para rematar co Réxime da Corrupción.

    LER MÁIS
  • Cassandra Vera, cando o Estado trata as vítimas como verdugos

    Compostela, 31 de marzo de 2017-. Anova-Irmandade Nacionalista quere manifestar que repudia sen miramentos a condena a un ano de cadea e sete de inhabilitación absoluta á moza Cassandra Vera por chancear nunha rede social sobre a morte do almirante fascista Carrero Blanco hai 43 anos, máis do dobre dos que ten Cassandra nestes intres. O veredicto do tribunal é, con seguridade, un dos maiores atentados á liberdade de expresión das últimas décadas no Estado español e nos retrotrae aos tempos nos que Atila sementou as cunetas con barbarie.

    LER MÁIS
  • Beiras en La Tuerka: "A miña xeración non tivo mentor ningún, os que había estaban na nosa contra"

    Pablo Iglesias entrevista a Xosé Manuel Beiras en La Otra Vuelta de Tuerka. Vídeo completo.

    LER MÁIS
  • A soberanía dos pobos como alternativa. Xuntanza internacionalista en Barcelona

    Organizacións soberanistas do Estado reúnense en Barcelona para artellar un discurso baseado na soberanía dos pobos como alternativa tanto ao neoliberalismo hexemónico como á preocupante ascensión da xenofobia, a estrema dereita e as diferentes formas de fascismo en xeral.

    LER MÁIS
  • Anova convoca a súa III Asemblea Nacional en Pontevedra

    A Coordinadora Nacional, celebrada o 4 de febreiro de 2017, aprobou a convocatoria da III Asemblea Nacional de ANOVA-IN, cuxo plenario final terá lugar o sábado, día 18 de marzo de 2017 en Pontevedra baixo o lema "Galiza no camiño da unidade popular".

    LER MÁIS
  • Entrevista a Xosé Manuel Beiras (Cicloxénese Expresiva)

    Realizada por Cicloxénese Expresiva. "Van xa 80 anos dende unha República que o veu nacer e que desembocou na ditadura de Franco, na transición e no período que agora vivimos. Xosé Manuel Beiras Torrado hospeda un ronsel de experiencias nas súas costas. Ten memoria por ter vivido e analiza a actualidade con perspectiva. Moitas persoas falan del como o presidente que soñaban ter, algúns aínda agora".

    LER MÁIS
  • No pasamento do mestre Fernando Acuña Castroviejo

    Anova lamenta profundamente o pasamento dun home, Fernando Acuña Castroviejo, que fixo da ciencia unha relixión; da defensa dos persoas máis desfavorecidas, unha angueira; e de Galiza, a súa paixón. O Portavoz Nacional, Xosé Manuel Beiras, acudiu hoxe para presentar os seus respectos ao funeral en San Andrés de Trobe (Vedra).

    LER MÁIS
  • 25 de xullo en irmandade

    Anova-Irmandade Nacionalista quere lembrarse este 25 de xullo, Día da Patria Galega, moi especialmente deses pais da patria que hai un século fundaron as Irmandades da Fala, de aí que escollese como lema: 100 anos de irmandades.

    LER MÁIS
  • Beiras: “Se trasladásemos os resultados do 26X ao Parlamento galego, o PP non gobernaría”

    Unha delegación de Anova encabezada por Xosé Manuel Beiras, Alexandra Fernández, Antón Sánchez, Esther Duro e Raúl Asegurado acudiu esta tarde a Madrid a unha xunta de todas as confluencias de análise dos resultados eleitorais.

    LER MÁIS
  • Brexit: Calquera perspectiva de cambio pasa por abordar o funcionamento antidemocrático da UE

    Primeira valoración de Anova, de Xosé Manuel Beiras e máis de Lidia Senra sobre o resultado do referendo no Reino Unido. Xosé Manuel Beiras afirma que “hai segmentos xenófobos, claro, pero a clave é que a maioría das clases traballadoras xa non soportan o modelo –fracasado xa– da UE”.

    LER MÁIS
  • Acción Feminista de Anova en solidariedade coa compañeira Laura Bugalho

    Con motivo do xuízo contra a activista LGTBI e sindicalista da CIG Laura Bugalho, que terá lugar o vindeiro 7 de xuño en Compostela, dende Acción Feminista de Anova queremos sumarnos os diferentes colectivos feministas que están a promover diversas campañas en solidariedade.

    LER MÁIS
  • Anova fai un chamamento a seguir construíndo En Marea dende a base

    Anova anima a tódalas forzas políticas da esquerda rupturista, ás plataformas de loita cívica, ás asociacións de toda caste e en xeral a todo o corpo social que acredite no combate democrático cara o cambio radical das políticas que nos esganan, a dar un paso adiante para mudalo todo, para que nada siga igual.

    LER MÁIS
  • A Xunta deixa sen asistencia as mulleres galegas

    Acción Feminista de Anova denuncia os recortes do Partido Popular, que pretenden vulnerar novamente o dereito a decidir das mulleres sobre o seu corpo.

    LER MÁIS
  • A militancia de Anova prioriza por ampla maioría o camiño común cara ao cambio político

    A fórmula do partido instrumental sería a preferida por Anova para concorrer ás eleccións ás Cortes.

    LER MÁIS
  • Anova remata as súas primarias e comeza unha nova consulta á militancia

    As primarias internas de Anova-IN para escoller as persoas a propor para formar parte na lista de En Marea para as eleccións do 26X remataron hoxe ás 11:00 horas cun 61% de participación da militancia.

    LER MÁIS
  • Anova-IN aposta por que sexan as bases quen decidan todo o importante

    A organización fará unha consulta interna a vindeira semana sobre a fórmula xurídica de ‘En Marea’ e as persoas de Anova a integrar nas listas nas novas eleccións.

    LER MÁIS
  • Beiras: a ética debe estar por riba da política

    Xosé Manuel Beiras foi entrevistado por Aida Pena para a Cadena Ser. O portavoz nacional falou sobre ‘En Marea’ e a forma de concorrer ás eleccións xerais, que ao seu xuízo debería ser como partido instrumental para garantir a formación dun grupo parlamentar galego na Cortes, xaora que a fórmula de coalición non funcionou. Beiras apelou ao documento fundacional de 'En Marea', presentado en outubro pasado na compostelá praza de Mazarelos, para convidar ás outras partes da coalición a loitar polo mesmo.

    LER MÁIS
  • Unidade popular para decidilo todo

    Proposta de resolución aprobada na Conferencia Política Nacional de Anova o 10 de abril de 2016.

    LER MÁIS
  • Bruxelas e a barbarie global

    Anova-IN, reafirmándose nos seus principios republicanos, laicos e de defensa da igualdade, a liberdade, a fraternidade e a convivencia pacífica entre os pobos e as nacións do mundo, fai constar a súa máis enérxica repulsa polo acontecido hoxe, 22 de Marzo de 2016, en Bruxelas, principal sede das institucións da Unión Europea.

    LER MÁIS
  • Nunca máis cómplices, nunca máis silencio

    MANIFESTO DE ANOVA NO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

    LER MÁIS

O saqueo de AUDASA ao pobo galego en 12 actos

  • 1
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 20 Nov - 2 Dec
  • 1 Dec - 10 Dec
  • 18 Dec - 23 Dec

Comunicados políticos

  • Beiras: “Se trasladásemos os resultados do 26X ao Parlamento galego, o PP non gobernaría” +

    Unha delegación de Anova encabezada por Xosé Manuel Beiras, Alexandra Fernández, Antón Sánchez, Esther Duro e Raúl Asegurado acudiu esta tarde a Madrid a unha xunta de todas as confluencias de análise dos resultados eleitorais.

    LER MÁIS
  • A militancia de Anova prioriza por ampla maioría o camiño común cara ao cambio político +

    A fórmula do partido instrumental sería a preferida por Anova para concorrer ás eleccións ás Cortes.

    LER MÁIS
  • Anova remata as súas primarias e comeza unha nova consulta á militancia +

    As primarias internas de Anova-IN para escoller as persoas a propor para formar parte na lista de En Marea para as eleccións do 26X remataron hoxe ás 11:00 horas cun 61% de participación da militancia.

    LER MÁIS
  • O dereito fundamental a existirmos na nosa lingua +

    O peor que poderiamos facer as persoas e organizacións comprometidas co dereito a existir na propia lingua sería responder aos discursos delirantes do Secretario Xeral do Partido Popular. En casos coma ese, cómpre non lle outorgar natureza comunicativa nin política ao orneo, senón deixar que o seu eco se escoite. Porque a xente común sabe distinguir perfectamente o orneo da palabra. LER MÁIS

  • Anova-IN aposta por que sexan as bases quen decidan todo o importante +

    A organización fará unha consulta interna a vindeira semana sobre a fórmula xurídica de ‘En Marea’ e as persoas de Anova a integrar nas listas nas novas eleccións.

    LER MÁIS
  • En solidariedade cos políticos saharauis +

    Dende ANOVA queremos manifestar o noso total apoio aos presos políticos saharauís de Gdeim izik e ao resto de presos políticos saharauís nas cadeas marroquís, e unímonos con eles na reivindicación dun xuízo civil que sexa legal e se adapte ós canons do Dereito Internacional.

    LER MÁIS
  • 1
  • 2
  • 3

O ESTADO DA NACIÓN. X. M. BEIRAS (7/10/2014): BAIXAR AQUÍ

DEBATE ESTADO DA NACIÓN 2014 

Señorías:

                                - I -

     En 1994 -ano no que o meu amado pai cumplía 90- o grande pensador, historiador e analista social de formación marxián, Eric Hobsbawm, publicaba  A Idade dos extremos, rótulo da súa interpretación histórica do 'curto século XX', e derradeiro volume da serie que abrangue a evolución do sistema-mundo dende o s.XVIII aos nosos dias. Referíndose ao proceso xa en curso no intre en que escribe, Hobsbawm afirma: "O que está en crise, son as créncias e os principios nos que se fundaba a sociedade moderna dende que os Modernos gañaran a sua famosa batalla contra os Antigos no albor do s.XVIII: eses postulados racionalistas e humanistas". Mais engade: "Porén, esa crise moral non é só unha crise dos postulados da civilización moderna: é tamén unha crise das estruturas históricas das relacións humás que a sociedade moderna herdara dun pasado pre-industrial e precapitalista, e que lle permitiran funcionar". Calquera pensaría que Hobsbawm estaba a dexergar a crise mundial, daquela xa en curso, dende a mesmiña Praza do Obradoiro, quero dicir, dende o corazón da Galiza, con lentes galegos e visión de alcanzo universal. Para Hobsbawn, a crise non era só económica, social e político-institucional. Érao por riba unha crise de valores. Portanto, a involución provocada pola actual contra-reforma reaccionária a tódolos níveis,  non nos arrastraba a recú a tempos anteriores á IIª Guerra Mundial, senón a antes da Revolución Francesa; non estaba a destruír só o estado do benestar conquistado polos cidadáns a prezo de sangue, cadea e bágoas, senón a dinamitar os alicerces mesmos do Estado moderno e, xa que logo, da cultura e os valores democráticos. Mais tamén destruía as culturas e relacións humás  herdadas dun pasado precapitalista -tan ricaces na sociedade galega, até que vostedes e os seus devanceiros franquistas deron en acometer o exterminio da Galiza labrega e mariñeira, e máis da nosa cultura ancestral. Eis, en Galiza, en Europa e no Mundo, a fazaña dos amos de vostedes, aos que vostedes serven como sumisos espoliques, executando as políticas homicidas que iles decretan e exercendo o poder contra os cidadáns do común.

                              - II -

     Nefeito, estamos a vivir un período histórico de 'crise sistémica'. Máis precisamente: estamos a padecer -como cidadáns do común- un período de transición entre dous ciclos de hexemonía na etapa contemporánea do sistema-mundo, e atopámonos nunha fase de 'caos sistémico', en denominación de Giovanni Arrighi -fase terminal no declive da potencia hexemónica no ciclo que remata, ou sexa, EEUU, sen que teña emerxido aínda o novo centro de gravedade do sistema, o espazo chamado a ser potencia hexemónica no novo ciclo.    

     Esta diagnose -que obviamente non é obra miña- resulta crucial para comprendermos cabalmente o que está a acontecer nos diversos espazos do sistema mundial, tanto do centro coma da periferia, tanto da UE coma de África, e nos distintos níveis e dimensións da sua realidade: o económico (a actual grande depresión), o social (a desigualdade exacerbada), o ideolóxico (o reaccionario 'pensamento único' ultraliberal), e o político (o funcionamento antidemocrático das degradadas institucións de representación e governo). En concreto, resulta indispensábel para comprender e diagnosticar a crise que padece o povo galego e a perversión das institucións autonómicas -porque non é un fenómeno 'enxebre', senón 'de importación'. E especialmente, resulta crucial para non confundirmos a crise da que estou a falar coa simples crise financeira, ou sexa, co rebentón do sistema financeiro mundial en 2008, nen coa subseguinte 'gran depresión' na que seguimos mergullados. Porque toda crise sistémica atinxe á 'globalidade' do sistema capitalista e a tódalas pezas da súa arquiteitura -inda que só a padezan as xentes do común, mentras fan o agosto os magnates do poder económico-financeiro e prosperan os seus corruptos servidores. E porque a crise financeira non é máis que unha consecuencia da crise sistémica -por iso non se remedia, senón que se agrava, con terapias monetaristas neoliberais de austeridade, ou sexa, de desnutrición para os de abaixo. E adoita ser o episodio terminal da crise de hexemonía: como sinalou certeiramente Inmanuel Wallerstein, o declive da potencia hexemónica comenza na esfera da produción -nomeadamente a industrial-, atinxe logo á do comercio internacional, mais resiste até o final no baluarte da hexemonía financeira, controlando o sistema monetario internacional, e exacerba o seu esforzo como potencia militar para tentar manterse mediante métodos belicistas na hexemonía dun sistema que xa non domina como potencia económica.

     Así acontecera no declive da hexemonía británica no mundo, dende finais do s.XIX. Na famosa belle époque, cando Inglaterra xa perdera a hexemonía industrial fronte aos USA e á Alemaña do IIº Reich, Londres seguía a ser o centro financeiro do mundo e a Libra a moeda de referencia no patrón-ouro. Mais estaba a piques de estoupar a Iª Guerra Mundial, que abriría a fase de 'caos sistémico' do período chamado 'de entre-guerras' que estoura co 'crack' financeiro de 1929 e o apoxeo dos nazi-fascismos, para rematar de vez coa apocalipse xenocida da IIª Guerra Mundial: os trinta anos de 'guerras euro-asiáticas' que foron precisas para consumar o relevo da hexemonía británica pola ianqui no mundo. Por certo que en 1892, neste recanto fisterrán, un profesor da Universidade compostelán chamado Alfredo Brañas, pronunciara a leición inaugural do curso analisando brillantemente a crise económica de aquela súa época: denunciara a concentración e centralización do poder económico e político como causa primordial, e defendera un programa de radical autogoverno para Galiza, con institucións e potestades xurídicas e políticas que hoxe farían rebentar o corsé do actual Estatuto de Autonomía. Non sei se lles soa a coñecido a vostedes, señores do PP, que instituiron unha Fundación co seu nome, para secuestrar, silenciar e deturpar o seu pensamento máis xenuino: se resucitase, berraríalles aquilo que era o seu lema: "Como en Irlanda, érguete e anda!" -menudo epifostio íase armar.

                                  - III -

     As analoxías -en contextos diferentes, claro é- coa crise sistémica presente son significativas e aleicionadoras -malia que os dirixentes políticos gringos, europeus e españois, e máis os economistas 'zombis' que disque os asesoran, teimen en non aprenderen da historia ou reneguen, por cobardía, das suas leicións. Esta crise iniciouse nos primeiros anos setenta do pasado s. XX, cando a Europa da CEE e Xapón desprazan aos USA da hexemonía industrial e comercial. A supresión da convertibilidade do dólar por Nixon é a primeira medida para manter a hexemonía no sistema monetario e financeiro internacional. A seguida, as polìticas monetaristas ultraliberais, inauguradas polo infernal tandem Reagan-Thatcher, abren a vía ao espolio financeiro do imperio, e máis á famosa 'finanzarización', ou sexa, fuxida dos capitais cara as suculentas operacións especulativas nos 'mercados' financeiros. Non resolven a crise, madia leva!, mais  instauran a 'economía de casino', ou sexa o fraude como principio de actuación no negocio bancario, e engordan á plutocracia especuladora mundial e á balanza de capitais ianqui, sostendo así a súa hexemonía financeira, a expensas do empobrecemento acelerado do común cidadán e a correlativa ampliación da desigualdade material e social en todo o ámbito do sistema-mundo. É a lóxica especulativa do 'boom' e a 'burbulla', analisada por  Brenner, no canto  da produción na economía real, a cada pouco máis 'desnutrida'. E os sucesivos rebentóns das diversas burbullas desembocan, ao cabo, no rebentón do sistema financeiro completo: o infarto de miocardio no corazón do sistema circulatorio mundial, Wall Street, no 2008.

     Mais a consecuencia políticamente máis grave consiste en que ese proceso sitúa no cumio do poder económico ao capital financeiro, por riba do industrial e o comercial. En prata: a grande banca, grandes fondos de pensións e demáis 'familia' plutocrática e mafiosa. De xeito que, acontecido o infarto financeiro, esa plutocracia terá poder abondo para impór aos poderes estatais -incluídos os do centro do sistema e da propria metrópole imperial- o famoso 'rescate' das mesmísimas institucións financieras disque 'privadas', causantes da catástrofe, ás costas do común cidadán: diferencia notoria co acontecido no crack do 1929, saldado con crebas bancarias e até suicidios de magnates.

     Por outra banda, o poder financeiro rompe o pacto de postguerra coas clases traballadoras e cos poderes políticos de inspiración socialdemócrata -base do chamado welfare-state- desencadeando unha contraofensiva en duas frontes: unha, contra os níveis de salarios reais das clases traballadoras; outra, reclamando para sí os espazos ocupados polo sector público, e destinados a producir bens e servizos públicos e sociais gratuitos. Comeza así unha auténtica contra-revolución ultraliberal que aborda, combinadamente,  a desmontaxe  do edificio do welfare-state, a mercantilización de toda caste de ben ou servizo -inclusive os bens clásicamente denominados 'libres' na ciencia económica, como a auga ou mesmo a atmósfera (co mercado internacional das cotas de contaminación), e as sucesivas contra-reformas das lexislacións laborais, que volatilizan o chamado 'salario social', subvencionan os despedimentos arbitrarios, endurecen as condicións de traballo, entran a saco nos dereitos constitucionais dos traballadores, xeneralizan a precarización e a inseguridade, reducen ou suprimen as prestacións por paro, condean á mocedade a ter como profisión a infrutuosa percura de traballo ou o exilio: en suma, reducen á maioría social traballadora á condición social que un clásico definira como 'escravos libres' -libres formalmente, mais escravos realmente.

                               - IV -

     Eis o verdadeiro contexto determinante do tráxico 'estado da nación galega' arestora. A causa da traxedia galega non está na crise financeira, que vostedes utilizan como coartada para non defenderen aos cidadáns, como se fose unha catástrofe natural. Oxalá fose un terremoto, como n'A xangada de pedra de Saramago, e acontecese no Padornelo, fendese os bordes do macizo xeolóxico hercinián galego e o convirtise nunha enorme xangada -entendan: balsa-  desprendida da Penínsua ibérica, que derivase uns centos de millas cara o oeste no océano, convirtida en illa como Irlanda, só accesíbel por mar, e non por terra, con augas territoriais proprias para a nosa xente mariñeira e o noso complexo  mar-industrial, con inequívoca separación física como base da nosa soberanía -e sen os ananos do país que convirten Galiza enteira en país dos ananos. É unha metáfora, claro. A causa externa do agónico estado do noso povo está nos xigantescos poderes que causaron a actual crise sistémica e someteron aos poderes políticos aos seus dictados, ao xeito do ventrílocuo que utiliza aos seus monecos para facer e dicir o que il quere sen que o pareza. E o problema interno do noso povo radica na sua absoluta indefensión fronte a eses poderes, os financeiros que toman as decisións á marxe de calquer control democrático, e os políticos que son os monecos dese leviathan ventrílocuo: a nosa carencia de poderes políticos democráticos de noso para nos defender -a diferencia do acontecido nun país tan cativo como Islandia, cunha povoación menor que a da comarca viguesa. Porque vostedes non utilizan o poder que lles deron os seus eleitores para defendelos, senón para sometelos ás agresións que lles dictan os seus amos. Os feitos están á vista: os cidadáns agredidos por esas políticas de exterminio teñen que auto-organizárense e mobilizarense  en lexítima defensa contra vostedes -é a democracia volta do revés polo forro. E  por riba vostedes executan esas agresións utilizando as institucións constituídas  para o autogoverno e a autodefensa do povo galego, conquistadas nunha longa loita popular na que vostedes non participaron. Esa conduta, nun estado democrático normal, constituiría delito de treizón. Mais ben sei que o actual Estado borbónico e vostedes todos, son anormais. E velaí, logo,  o escenario e os actores que interpretan as consignas da plutocracia ventrílocua de xeito esperpéntico, coma no corral nublado celtibérico das Luces de bohemia valleinclanescas: o “Estado ‘bubónico’ pepeísta do franquismo sen franco”, onde vostedes instauraron o enxendro dun rexime da 'partido único' de facto, na millor tradición nazi-necia-estalinista.

                                 - V –

     En 1912, o grande escritor canario Benito Pérez Galdós escribía o que lles vou ler sen traducilo -poisque vostedes son políglotas e entenderáno. "Los políticos se constituirán en CASTA, dividiéndose, hipócritas, en dos bandos igualmente dinásticos e igualmente estériles, sin otro móvil que tejer y destejer la jerga de sus provechos particulares en el telar burocrático. No harán nada fecundo (...). Fomentarán la artillería antes que las escuelas, las pompas regias antes que las vías comerciales y los menesteres de la grande y pequeña industia. Y por último, acabarán por poner la enseñanza, la riqueza, el poder civil, y hasta la independencia nacional, en manos de lo que llamais vuestra Santa Madre Iglesia". Non estraña nada que, nese mesmo ano, a Real Academia Española, da que era membro, se negase, por segunda vez, a apoialo como candidato ao Premio Nobel de literatura -'por razones políticas y sobre todo religiosas', aseveran os seus biógrafos.

   Débolle o coñecemento desa sentencia galdosián á enorme cultura e erudición dun grande inteleitual republicano de esquerda amigo de meu. E seguramente a coñece asimesmo o tamén amigo, e culto, e de esquerda, Pablo Iglesias 'junior'. O máis abraiante desa frase de don Benito non é só que sintetiza un fidelísimo retrato diagnóstico da descomposición política e involución reaccionária da Iª Restauración borbónica, senón que podería estar escrita cen anos despois para retratar a IIª. Mais don Benito non foi profético nese retrato, senón lúcidamente visionario da patoloxía conxénita do Estado español dende o s.XIX até hoxe: a patoloxía que deu cabo, 'manu militare' xenocida, do único breve intervalo de política democrática e ilustrada, a da IIª República dos Azaña, Jiménez de Asúa,  Castelao e Companys -malia non ter resolto constitucionalmente o problema da pluralidade nacional do seu ámbito. Así que citar eiquí a don Benito non é nen anacrónico nen extravagante: é corroborar que a IIª Restauración  cociñada após a tiranía franquista deu en reproducir a patoloxía política da Iª, retrotraéndonos ao estado de corrupción denunciado por Galdós hai un século, nada menos. Se a vostedes non lles parece tráxico...

                              - VI -

     Non vou destragar o escaso tempo e enerxías de que dispoño en facer o relatorio de agravios padecidos dende o pasado ano polo povo galego a mans dos poderes da UE e do Estado, uns consumados direitamente e outros utilizándoos a vostedes como emisarios -poisque, en rigor, vostedes carecen de autonomía de decisión ou fan uso espúrio da que lles outorga o Estatuto. Eses agravios xa os coñecen, millor que ninguén, os cidadáns que os padecen a cotío, e nós, os da AGE, xa pelexamos todo o ano, con iniciativas na sua defensa, que baten contra o muro de formigón  co que choeron esta 'casa dos mortos' parlamentar, ao xeito -só que en versión virtual, polo de agora- dos construídos polo Estado sionista de Israel en Gaza e Cisjordania. Ademáis, pasado mañán defenderá Yolanda Díaz as nosas corenta propostas, e xa veremos que acollida teñen. Das cincuenta do ano pasado, cáseque ningunha foi aprobada, e ningún dos problemas que tentaban atallar foron resoltos nen paliados por vostedes: cáseque todos se agravaron.

     O que importa agora -e é o que estou a tentar facer- é contribuir a que, cando menos, os cidadáns galegos saiban e entendan por qué padecen os gravísimos problemas que  poñen nunha situación límite a sua supervivencia individual e como povo, e por qué os poderes políticos, lonxe de traballar para resolvérllelos, governan contra diles, mentras simulan estar ao seu servizo. Toda a miña vida loitei coa única arma que teño, a palabra veraz, dentro e inda máis fóra deste recinto, para combater as mintiras do poder, cando é que minte; para fornecer aos meus concidadáns antídotos contra o estupefaciente co que a propaganda mintireira do poder, cando é mintirán, os narcotiza para tornalos sumisos. Sempre asumin aquilo que lle dixera Castelao a un xornalista cando era deputado: "Eu non teño vocación de estupefaciente". Todo o contrario. E sigo na mesma, pase o que pase. Porque vostedes minten, e a mantenta, para convirtir aos cidadáns en súbditos confinados na ignorancia a respeito da política -pra mantelos alienados, que consiste en tomar como intereses proprios diles os que son intereses dos seus inimigos, de clase e de nación. En troques, os que combatemos pola emancipación das xentes e dos povos, teimamos en facer pedagoxía e elevarmos o nível de conciencia e coñecemento dos cidadáns para combater esa súa alienación. Por iso estamos cos vencidos e os esmagados, aínda que dese xeito as máis das veces levemos, no imediato,  as de perder. Non somos 'buscóns' da política, como vostedes. Somos xentes do povo solidarios coas xentes do povo, custe o que custe. Mentras teñamos folgos e alento, claro: non somos herois nen temos vocación de mártires, abofé.

     E o primeiro que ten que comprender a cidadanía toda -e digo toda porque parte dela xa o sabe, mais non abonda- é que as institucións do actual rexime político, tanto na nación galega canto no cumio do Estado, están mortas: son un cadavre que só ten movemento aparente pola acción dos vermes que inzan nil, como en certo famoso conto de terror. Hai poucos meses, unha xentil xornalista perguntábame para un xornal dixital español cál cría eu que era a saúde da democracia en España. Contesteille facendo unha indispensábel distinción. Díxenlle, rotundamente, que nas institucións políticas do actual rexime, a democracia está morta ou, ao sumo, na UVI con respiración asistida, é dicir, 'entubada'. Mais díxenlle tamén que, en troques, onde si que a democracia está viva, onde sigue a haber unha prática democrática, é na sociedade civil, no seo da cidadanía. No tecido asociativo dos cidadáns, dende as asociacións viciñais ou agrupacións culturais e artísticas, deica os colectivos feministas ou ecoloxistas. E primordial ou nomeadamente nos colectivos e plataformas que se organizan para a sua auto-defensa en resposta ás grandes agresións. Sexa fronte a un plan mineiro que tenciona convirtir Galiza en Katanga, sexa en defensa da sanidade e o ensino públicos e universais, sexa contra o saqueo dos seus aforros ou o espólio das suas vivendas, ou sexa para levar direitamente o poder cidadán ao governo dos concellos, ou para decidiren como povo o seu futuro e a forma politica de seren realmente 'povo soberano'. Porque a democracia, como a república, é primeiro de todo unha cultura cívica, antes que unha forma de estado e rexime político. E toda cultura só existe, só ten vida, se constitue unha prática da xente, dos cidadáns. A cultura lingüística galega só existe se o idioma é unha prática social na fala e na escrita. A cultura artística, só se hai cidadáns que crian, pratican e difunden, individual e colectivamente, a expresión musical ou plástica en clave autóctona e universal. Á cultura democrática acontécelle  o mesmo, e a sua prática non pode depender de que as institucións políticas funcionen democráticamente ou non: baixo as institucións totalitarias do fascista rexime franquista, a democracia agromara e logo florecera nos intersticios da sociedade civil. Moitas xeracións aprendimos e incorporamos a cultura democrática á nosa prática cívica, social e até política fóra e descontra as institucións antidemocráticas de aquel rexime infame. Por iso sabemos o que custou, que as liberdades posteriores non foron dadas de gratis -e por iso detectamos con plena claridade a deriva antidemocrática, o proceso de deturpación e logo perversión e fialmente apodrecemento das institucións constituídas na famosa transición. Até convirtírense en cadavres só movidos polos vermes que proliferan dentro diles: corrupción siñifica descomposición -de aí a expresión de 'corpo incorrupto' de san-non-sei-quen. Que non é o caso dos corpos políticos corruptos de vostedes, os da casta de don Benito.

     E a proba decisiva de que este rexime está corrupto, está en que o poder, en cáseque tódalas suas instancias  e institucións, reacciona sistemáticamente con actitudes e métodos represivos contra toda caste de práticas democráticas da cidadanía. Para o poder que vostedes representan eiquí, os graves problemas sociais que padece o común cidadán, non contan: só contan os 'problemas' financeiros que seica lles impiden atender ás necesidades perentorias dos cidadáns. E se os cidadáns pratican a democracia pola sua conta, se organizan en auto-defensa e se mobilizan, protestan e rebelan, daquela o problema non é social: é de 'orde pública'. Manexan vostedes a lei segundo e para o que lles convén, e cando non lles convén, esgrimen a lei contra o dereito -xa non digo contra a xustiza, que inda é máis aberrante. E fanno a cotío. Na educación, na sanidade, nos servizos sociais, nas condicións e dereitos laborais, no meio ambiente, no manexo e provisión dos recursos enerxéticos, nos dereitos lingüísticos, e así seguido. E no máis grave de todo: na negación do dereito dos cidadáns a decidir. Porque non só negan vostedes o fundamental dereito democrático a decidir ás nacións sen estado, esgrimindo unha constitución que vostedes violan cada día e un espúreo tribunal constitucional controlado por sicarios que dictan sentencias anticonstitucionais, ou esixindo que a decisión dun povo esteña nas mans da maioría de cidadáns do estado que non forman parte dese povo -imaxinen que unha decisión dos cidadáns do estado español sobre a sua identidade estivese condicionada á vontade de tódolos cidadáns da UE. Pois non só: tamén negan vostedes o dereito das mulleres a decidir libremente sobre o seu corpo e as suas funcións proxenitoras; tamén negan o dereito a decidir dos traballadores sobre o destino da empresa que constitue o seu medio de vida, incluso sobre as suas condicións laborais na propria empresa; tamén negan o dereito a decidir dos mozos e mozas sobre a sua formación, as suas oportunidades de traballo, ou até verbo de poderen vivir na súa propria terra; tamén negan o dereito a decidir dos labregos sobre as formas de cultivo sustentábel, dos mariñeiros verbo dos recursos pesqueiros renovábeis, dos enfermos sen cartos sobre a curación das suas doenzas, dos vellos indefensos verbo de poderen pasar o inverno sen morrer de frío. Non existe para vostedes o dereito a decidir dos cidadáns sobre nada que non teñan decidido vostedes primeiro como lles conveña a vostedes e aos seus amos. Daquela, ónde fica aquilo do 'povo soberano'? -no inferno ao que condean en vida vostedes á cidadanía do común. Non teñen escrúpulos, e portanto non teñen escusa nen perdón.

                            - VII -

     Resulta evidente, portanto, que estamos perante un proceso de progresiva diverxencia entre as institucións do poder e a cidadanía do común que constitúe a maioría social. Unha diverxencia que xa desembocou en descrédito absoluto desas institucións e os seus inquilinos, e en divorcio e confrontación aberta dos cidadáns cos 'políticos'  'constituídos en casta', como pronosticara don Benito hai cen anos e como denuncian agora Pablo Iglesias e os seus. Mais este drama, na nación galega, resulta agravado por algunhas condicións peculiares da nosa realidade social e política. É unha evidencia que, no tercio de século que vai andado de Autonomía, mentras nas institucións autónomas de Catalunya e Euskadi levan governado primordialmente forzas políticas proprias que, mal que ben, defenderon as potestades de autogoverno dos seus países frente ás presións e invasións competenciais do poder central, en Galiza governaron sucursais da dereita española de ámbito estatal máis recalcitrante e chovinista: vostedes actuaron coma os 'cipaios' nas colonias, ou sexa, os indíxenas alistados no exército colonial da metrópole. De xeito que puxeron as institucións construídas para o benestar da cidadanía galega ao servizo das 'razóns de Estado' españolas, e por riba na versión reaccionaria das oligarquías finalmente corruptas que controlan ese estado -e non tampouco das necesidades da tamén maltratada cidadanía española do común. Así que o Parlamento e a Xunta de Galiza, no canto de serviren para propulsar o florecemento do enorme potencial galego en recursos naturais e humáns, do potencial agrario e pesqueiro, do tecido industrial, do patrimonio cultural, do tesouro idiomático, da ricaz diversidade dos nosos ecosistemas, no canto diso, digo, o Parlamento e a Xunta estiveron cáseque sempre, á hora da verdade, sometidos aos dictados dos poderes do Estado e da UE que colisionaban frontalmente coas necesidades  dos galegos e as galegas. Venderonnos reiteradamente cada vez que estaba en xogo o dilema de apostar por nós mesmos ou servir aos seus amos. Na breve etapa do meu diálogo institucional co presidente Fraga, cando eu o exortaba a 'blindar' as competencias do Estatuto fronte aos ataques do seu 'governo amigo' no poder central, chegou a  confesarme nunha ocasión: "Téñolle graves problemas coa direición do meu partido en Madrid" -enténdase: con Aznar e Rajoy. Nen sequer un home de estado coma il puido plantarlle cara e levarlles o pulso a eses poderes que nos esmagaban e espoliaban. Acabou comprendendo, impotente, que realmente Galiza funcionaba como unha colonia interna do Estado e da UE na que ese Estado seria finalmente reducido á súa vez á condición de 'protectorado' do IVº Reich alemán, a raíz  da crise financeira e a reforma 'alevosa' da constitución que dinamitaba a soberanía  das proprias Cortes.

     Demostrara Paul Baran hai xa ben tempo, (en The Political Economy of Growth), que na expansión do capitalismo polo mundo só se libraran de seren convirtidos en colonias os países que non tiñan recursos atractivos -e puña o exemplo do Xapón en contraste con China e a India, que eran, porén, economías e culturas máis avanzadas que a maioría das europeas no S.XVIII, co modelo que Adam Smith definira como 'revolución industriosa', e con poderosos e eficientes aparatos de estado e administración. Galiza leva séculos sometida a un constante espolio mesmamente por ser un país rico e potencialmente próspero. Mais para realizar o espólio compre impór o sometemento politico, destruir a conciencia de identidade  e sustituir a autoestima pola inoculación do 'auto-odio', o complexo de inferioridade que nos fai sentir culpábeis da eivas que padecemos, inda que a Historia demostre que levamos séculos a loitar contra o espolio e a opresión, e que xa as crónicas do s.XVI describiran a famosa 'doma e castración' de Galiza.

     Mais a onda da rebelión cívica, o proceso de auto-organización da cidadanía máis consciente e valerosa, leva camiño de se convirtir en vaga de mar de fondo e marea viva. A cidadanía galega está en marcha. Só fallamos polo de agora as organizacións políticas que temos o compromiso e a responsabilidade de aportar as nosas ideas e o noso esforzo militante a potenciar esa marea, asumíndomos que o protagonismo correspóndelle aos cidadáns, e non a nós, e que portanto non debemos pretender suplantar a esa cidadanía loitadora e autoorganizada, senón colaborarmos con ela e contribuírmos a que se artelle a nível nacional galego. Temos que ser ferramentas para esa rebelión cívica, no canto de relear entre nós polos marcos das nosas leiras eleitorais ou enredármonos en retesías por bizantinas disquisicións doutrinarias de patio de colexio. Como me dicía un dos meus máis lúcidos compañeiros mozos, "arde o país, e nós discutimos de quen son as mangueiras". Estou a falar para vós, cidadáns galegos do común activos e rebeldes, militantes ou non en calisquer opción política que aposte pola emancipación social e nacional do povo galego, ou sexa, a vosa propria emancipación colectiva. Non estou a falar para os 'ignorantes, e férridos e duros, imbéciles e escuros' que 'non nos entenden, non', como escribira Pondal no poema que é texto do himno oficial da nosa nación. Ises fan profisión de seren xordos e cegos. Estou a falar para dentro, mais sobor de todo para fóra, desta cámara. A facer un chamamento á unidade de acción, para camiñarmos xuntos e solidarios con respeito da nosa diversidade no combate contra a besta. Castelao debuxara aquela famosa estampa dunha grande escultura en proceso de construción, cun pé que dicía: "Non lle poñades chatas á obra mentras non esteña rematada. Traballade nela. Hai sitio pra todos".

     Mais pra iso compre lucidez, valor  e xenerosidade. E desculpade que este vello loitador rebelde remate cunha invocación final. O meu tío Antón, oculista, nacionalista e comunista, adoitaba dicirnos aos sobriños, aínda nen sequer adolescentes daquela, unha breve estrofa de Pondal, dirixida ás nais e pais do seu tempo: "Non lle cantes cantos brandos pra adurmiñar ao rapás. Cántalle cantos ousados que esforzado o peito fan. Cántalle o que xa cantara o nobre bardo Gundar: a lús virá para a caduca Iberia dos fillos de Breogán". Amen.

Intervención de Xosé Manuel Beiras.
7 de outubro de 2014.