Bases de convocatoria aprobadas na Coordinadora Nacional do sábado 22 de novembro. CONCURSO PECHADO

FORMULARIO DE SOLICITUDE NO PÉ DA PÁXINA

1. Obxecto da convocatoria e características do posto

A presente convocatoria ten por obxecto cubrir un posto de técnico/a administrativo/a para Anova -Irmandade Nacionalista. 

A persoa contratada formalizará contrato de carácter indefinido e a media xornada coa categoría de oficial de primeira (Sector II, nível 6 a efectos retributivos), séndolle de aplicación o Convenio de Oficinas e Despachos da Provincia da Coruña publicado no BOP da Coruña de 13 de febreiro de 2014.

A persoa contratada dependerá funcionalmente da Área Nacional de Organización e desenvolverá o seu traballo no local que a mesma poña á súa disposición

2. Requisitos das persoas aspirantes 

  1. Ser afiliada de Anova – Irmandade Nacionalista cun mínimo de tres meses de antigüidade a contar desde a data de publicación das presentes bases
  2. Estar en posesión da titulación de Bacharelato, Formación Profesional de Grao Superior ou equivalente
  3. Estar en posesión do Certificado de Lingua Galega 3 (CELGA 3) ou equivalente
  4. Ter cumpridos os dezaseis anos e non exceder a idade legal de xubilación forzosa

Todos estes requisitos deberán de ser cumpridos polas persoas aspirantes antes de que remate o prazo de solicitudes, debendo ser acreditados documentalmente unha vez finalice o proceso de selección para poder tomar posesión da praza.

3. Coñecementos requeridos

  1. Dominio da lingua galega 
  2. Mecanografía, cun mínimo de 180 pulsacións por minuto
  3. Coñecementos de informática a nível básico
  4. Manexo básico de ofimática: procesamento de textos, creación e mantemento de bases de datos e folla de cálculos.

4. Publicidade e solicitudes 

As bases da convocatoria, unha vez aprobadas pola Coordinadora Nacional, serán publicadas na páxina web de Anova -Irmandade Nacionalista e remitidas por correo electrónico ao conxunto da afiliación.

Para formalizar a solicitude dispoñerase dun modelo normalizado na páxina web, que deberá ser cuberto polas persoas aspirantes e enviado ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. no prazo de 7 días naturais a contar desde o seguinte á publicación da convocatoria. As persoas aspirantes recibirán unha comunicación por escrito confirmando a recepción da súa solicitude.

Finalizado o prazo ás persoas solicitantes remitiráselles comunicación confirmando ou denegando a súa condición de admitida ou non admitida, abríndose un prazo de 3 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación para eventuais reclamacións, que serán resoltas pola Comisión Permanente a proposta da Comisionada de Organización.

Rematado o trámite a Comisión Permanente comunicará por escrito ás persoas admitidas o lugar e a data das probas selectivas, cunha antelación mínima de 7 días naturais. 

5. Proceso selectivo

O proceso selectivo constará dunha fase de oposición na que se realizarán as probas práticas para valorar os coñecementos das persoas aspirantes, dunha fase de concurso na que se terán en conta os méritos, experiencia e formación dos/as aspirantes e dunha entrevista persoal

  1. A fase de oposición suporá un 60% da nota final e terá carácter ELIMINATORIO
  2. A fase de concurso suporá un 30% da nota final.
  3. A entrevista persoal suporá un 10% da nota final.

O tribunal calificador, que será o encargado de valorar e puntuar as probas, estará conformado por CINCO persoas titulares máis outras tantas suplentes, nomeadas pola Coordinadora Nacional na mesma sesión na que aprobe as bases da convocatoria. Os membros do tribunal deberán ser afiliados/as de Anova -Irmandade Nacionalista e estar en posesión dunha titulación igual ou superior á que se esixe para cubrir a praza.

6. Exercicios da fase de oposición

Os exercicios da fase de oposición constarán de CINCO probas diferenciadas que se realizarán no mesmo día e de maneira consecutiva, e que constarán do seguinte contido:

  • 1ª Proba: mecanografía (6 puntos), que consistirá en mecanografiar un texto en galego nun tempo de cinco minutos.
  • 2ª Proba: Tradución escrita ao galego (18 puntos), que consistirá na tradución escrita dun texto do castelán ao galego mediante procesador de textos, nun tempo máximo de 20 minutos.
  • 3ª Proba: procesador de texto (12 puntos), que constará de dúas fases, unha será de realización dun escrito, nun tempo máximo de dez minutos e a outra consistirá no formateo dun texto xa escrito, nun tempo non superior a quince minutos.
  • 4ª Proba: folla de cálculo (12 puntos), que consistirá na presentación dunha folla de cálculo formateada segundo as instrucións por escrito que serán entregadas no momento da proba, nun tempo non superior a vinte minutos.
  • 5ª Proba: base de datos (12 puntos), que consistirá na creación dunha base de datos e a introdución de datos que serán facilitados polo tribunal no momento de realización da proba, para posteriormente extraer consultas básicas, informes en pantalla e formularios, utilizando o asistente.

Para a superación desta fase será necesario obter como mínimo 30 puntos no conxunto das probas.

As calificacións destas probas serán feitas públicas polo tribunal nun prazo non superior a 3 días, indicando relación das persoas aspirantes que pasan á fase de concurso.

7. Fase de concurso

A fase de concurso poderá sumar un total de 30 puntos en función dos distintos criterios. Con independencia dos puntos acadados dentro deses baremos, as persoas aspirantes que se atopen en situación de desemprego e estean inscritas como demandantes no servizo público de emprego recibirán 10 puntos a maiores. 

Os apartados que computarán nesta fase serán os de Experiencia Laboral (até un máximo de 15 puntos) e Formación (até un máximo de 15 puntos) segundo os seguintes criterios: 

Experiencia Laboral, que se acreditará mediante a presentación dun informe de vida laboral máis o/s certificado/s de empresa no/s que conste/n as funcións desenvolvidas ou no seu defecto copia do/s contrato/s no/s que conste o posto e/ou funcións:

Por tempo traballado como técnico ou auxiliar administrativo en calquera das categorías na empresa pública ou privada: 0,2 puntos/mes 

Formación

  • Por licenciatura universitaria en Economía, ADE, Ciencias Políticas e da Administración ou Dereito: 3 puntos
  • Por FP de Grao Superior na rama de Administración e Xestión: 3 puntos
  • Por FP de Grao Medio na rama de Administración e Xestión: 2 puntos
  • Por cursos de formación profesional  ocupacional na área de administración e xestión: 0,10 puntos por cada 30h de formación até un máximo de 5 puntos
  • Por cursos de formación complementaria relacionados coas funcións a desenvolver: 0,10 puntos por cada 30h de formación até un máximo de 5 puntos
  • Por cursos de formación especcífica en linguaxe administrativa de lingua galega: 0,5 puntos por curso até un máximo de 2 puntos

As persoas aspirantes que superen a fase de oposición disporán dun prazo de 7 días naturais para remitir ao tribunal a documentación que acredite a súa experiencia laboral e formación ao tribunal a partir do seguinte á recepción da comunicación de ter superada a fase. O tribunal poderá requerir á persoa aspirante no caso de considerar non acreditados suficientemente os méritos alegados e, de non obter resposta satisfactoria, desestimalos mediante escrito razoado.

8. Entrevista persoal

Aquelas persoas que superasen a proba escrita pasarán á entrevista curricular que versará sobre os méritos específicos adecuados ás características concretas do posto de traballo ofertado, acorde co previsto na convocatoria, podendo estenderse á comprobación e cualificación dos méritos alegados.

9. Proclamación do resultado da convocatoria 

Rematado o período sinalado para a fase de concurso, o tribunal publicará o resultado do mesmo ordenando aos aspirantes en función da puntuación obtida nun período máximo de 48 horas.

As persoas aspirantes poderán impugnar os resultados remitindo escrito razoado ao tribunal dentro dos cinco días seguintes á publicación dos mesmos.

O tribunal informará dos recursos que se poidan suscitar e remitirá os informes á Comisión Permanente, que tomará a decisión final sobre as impugnacións e procederá a proclamar á persoa aspirante que resulte gañadora da praza ofertada.

No período máximo de 15 días naturais despois da decisión da Comisión Permanente a persoa vencedora do proceso formalizará o seu contrato laboral e comezará a desenvolver as súas tarefas segundo as condicións determinadas pola Área de Organización.

10. Bolsa de emprego

As persoas aspirantes que superen a fase de oposición serán incluídas nunha lista prelada en función da puntuación obtida e que será empregada para eventuais substitucións en caso de renuncia, despedimento ou baixa laboral da persoa contratada.

Disposición Adicional 

A Comisión Permanente exercerá labores de supervisión do proceso, quedando facultada para a interpretación destas bases en caso de dúbida ou conflito.

 
  •  
    FORMULARIO PARA SOLICITUDE DE PRAZA DE ADMINISTRATIVO/A

    Cubre o seguinte formulario se cumpres os requisitos e desexas entrar no proceso de selección.
    O prazo de presentación de solicitudes é do 23 ao 30 de novembro.
    Contactaremos contigo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.

  •  
    ----------
  •  
    NOME
  •  
    APELIDOS
  •  
    D.I.
  •  
    DATA NACEMENTO
  •  
    E-MAIL
  •  
    TELÉFONO
  •  
    ASEMBLEA
  •  
    ----------
  •  
    IMPORTANTE: Cubre todos os datos e preme en enviar. Espera a que mude a pantalla (ten paciencia).

  •  
    Se tes algún problema co formulario contacta con Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  •  
    Teclea o que ves na imaxe

  •