Estrutura e organización territorial de Anova

Segundo os Estatutos de Anova, a estrutura e organización territorial son as seguintes:

O noso ámbito territorial é a nación galega, sen renuncia a participar e intervir en toda aqueloutra instancia política e administrativa en que poida estar en xogo, nun momento dado, os intereses de Galiza como pobo.

Anova fará un esforzo por asentar a súa estrutura organizativa nas comarcas de lingua galega das comunidades autónomas de Asturias e Castela e León.

ANOVA organízase territorialmente en tres grandes ámbitos: o local, o nacional e a diáspora.

  1. As agrupacións menores, parroquial ou de barrio, co carácter de grupo de traballo serán creadas pola Asemblea Local correspondente.
  2. Cada asemblea é autónoma para regular a súa xestión e funcionamento, independentemente, salvo o previsto nesta regulamentación dos estatutos xa sexan orientativas ou vinculantes.
  3. As asembleas nomearán unha Coordinadora Local que como mínimo de entre os seus membros designará unha persoa para exercer de Portavoz e outra para Coordinación.
  4. Poderase crear unha Permanente Local cando o desenvolvemento organizativo dunha Asemblea Local así o aconselle. Será a comisión encargada de realizar o traballo de intendencia da asemblea local.
  5. As asembleas locais poderán conxuntamente convocar puntualmente á militancia do ámbito comarcal para cuestións e consultas que afecten a ese ámbito.
  6. Para a coordinación desas cuestións poderase estabelecer unha Comisión de Coordinación Comarcal integrada por persoas designadas a tal efecto por cada asemblea constituída.
  7. As asembleas locais comprometeranse a traballar para lograr un número paritario de mulleres e homes militantes.
  8. As asembleas locais serán soberanas á hora de elaborar as listas para as eleccións locais sempre e cando as candidaturas respecten os principios ético-políticos da organización.

Asemblea Nacional

A Asemblea Nacional é o máximo órgano e está formada pola totalidade das persoas afiliadas. Entre os seus fins está definir a liña política e as actividades da organización no seu ámbito e reunirase ordinariamente cada dous anos. “Con carácter extraordinario reunirase por petición dun 35% da coordinadora, dun 35% das asembleas comarcais ou dun 35% da afiliación”.

As decisións no seu seo tenderán a tomarse por consenso, mais, de non ser posíbel, tomaranse por maioría das persoas presentes, agás para aquelas cuestións que requiran maioría cualificada.

Poderán asistir ás asembleas nacionais persoas colaboradoras e simpatizantes con voz pero sen voto do xeito que se regule para cada convocatoria.

A Coordinadora Nacional

Como órgano colexiado con funcións de dirección política no período inter-asembleario elixirase unha Coordinadora Nacional integrada por persoas elixidas directamente na Asemblea Nacional en número de entre 50 e 75, garantindo a axeitada representación territorial. Ás persoas elixidas directamente na asemblea nacional engadirase un representante por comarca do xeito e coas condicións que se estabelezan nun prazo máximo de seis meses previa elaboración dun mapa comarcal e previa consulta coa afiliación (neste momento o mapa aprobado pola Coordinadora Nacional do día 19 de xaneiro de 2013).

Para as funcións técnico executivas a Coordinadora Nacional poderá comisionar de entre os seus membros e para tarefas concretas a persoas que colexiadamente funcionarán a xeito de comisión permanente sen máis competencias que as que lle delegue a Coordinadora Nacional diante da que en todo caso responderán.

As Coordinadoras son o órgano coordinador e executor dos acordos do seu respectivo nivel asembleario. A súa asemblea de referencia decidirá o número de persoas que a compoñen e os seus cometidos concretos.

Roldas ou grupos traballo

Dentro da organización, en todos e cada un dos niveis, poderán constituírse roldas ou grupos de traballo con finalidades puntuais e concretas, por un período determinado, ou con vocación de permanencia, como ferramentas para o deseño das liñas mestras da acción social e institucional do novo referente político. Desenvolveranse baixo os mesmos principios que presiden o conxunto da organización, tendo carácter deliberativo e propositivo. Como norma xeral os grupos de traballo será abertos nas condicións que se estabeleza para cada caso. Dotaranse dun regulamento de funcionamento que deberá ser aprobado pola Coordinadora Local ou Nacional segundo o seu ámbito de funcionamento.

Anova evitará, na medida do posíbel, crear sedes da organización no sentido clásico, especialmente a nivel nacional. As sedes de Anova, de existir, tenderán a constituírse coma centros sociais –autoxestionados ou con outra forma de xestión non mercantilista– que axuden a dinamizar a nosa sociedade, dean cobertura aos movementos sociais, teñan dinámicas socioculturais propias e como consecuencia socialicen parte dos recursos da organización.