ANOVA DENUNCIA ANTE A VALEDORA DO POBO A ESTAFA QUE SUPÓN QUE HAXA 15.000 DEMANDANTES DE VIVENDA PÚBLICA SEN ATENDER

Por Millán Fernández o 2 de Outubro de 2020 en Sen categorizar

O Portavoz Nacional de Anova, Antón Sánchez, e a concelleira da Marea de Vigo Oriana Méndez sinalaron ante a Valedora que a falla de vontade de crear un parque público de vivendas de aluguer, e de mobilización das vivendas baleiras con medidas que se demostran ineficaces, vulneran o dereito á vivenda de moita xente, nomeadamente da mocidade e colectivos como familias monomarentais.

Antón Sánchez: “Mentras a Conselleira de Vivenda constrúe cortinas de fume e campañas de propaganda, ten os seus deberes sin facer. Segundo os datos do IGE en Galiza iniciáronse só 81 vivendas de protección nos últimos 5 anos, e no periodo 2011-2020 só promove menos vivenda de protección en todo o Estado a Comunidade Autónoma de Baleares ”

Na mañá de hoxe celebrouse unha xuntanza entre a Valedora do Pobo María Dolores Fernández Galiño e o Portavoz Nacional de Anova Antón Sánchez, á que acudiu tamén a concelleira pola Marea de Vigo Oriana Méndez, como membra da Comisión Permanente de Anova.

Na xuntanza trasladóuselle á Valedora do Pobo a inquedanza pola situación de estafa que supón que sexan más de 15.000 persoas as que solicitaron á Xunta de Galicia inscribirse no rexistro de demandantes de vivenda pública. Do total, aproximadamente 11.000 demandan unha vivenda pública de aluguer.

Para Oriana Méndez isto supón: “Unha estafa máis. Sobre todo afecta ao colectivo mozo que non pode pagar os alugueiros abusivos, onde chegaron a incrementar o prezo un 30% nos últimos catro anos nalgunhas cidades”.

Familias mono-marentais de nais con nenas e nenos a cargo ou o colectivo da mocidade son os especialmente afectados, vendo extremadamente difícil a posibilidade de acceder a unha vivenda digna. Mentres esta demanda se incrementou, a Xunta de Galicia mantivo paralizada a promoción de vivenda de protección oficial ou vivenda pública. As estatísticas do IGE mostran como soamente se iniciaron cinco vivendas protexidas no 2015, catro no 2016, cinco no 2017, dúas no 2018 e sesenta e cinco no 2019. Unha media de menos de 20 vivendas ao ano, cando hai 15.000 demandades. 

Anova reclamou á Valedora que inste ás administracións públicas, especialmente á Xunta de Galicia que ten competencias en materia de vivenda, a que actúen e dean solución a esta grave situación. 

Non pode ser que a Conselleira de Vivenda se adique a participar en campañas publicitarias e cortinas de fume cando ten os deberes sin facer. Paralízase a vivenda de protección, non se promove un parque público de alugueiro que dea solución á xente moza e aos colectivos con menores ingresos, como familias monomarentais, e ao mesmo tempo regule un mercado onde os prezos non deixan de subir, non se aportan solucións efectivas para a mobilización de vivendas baleiras, co fiasco do Programa promovido pola Xunta de Galicia, e non hai suficientes vivendas nas cidades para os casos de desafiuzamentos.

Unha lista demasiado grande no debe que constitúe unha grave vulneración do dereito á vivenda de moitas persoas, pola ansia do goberno Feijoo de servir a fondos voitre, bancos e especuladores.

Ante a importancia dos feitos Anova comprometeuse coa Valedora do Pobo a manter un diálogo fluído e continuado nos vindeiros meses.

Deixa un comentario