O potencial do agro en Galiza fronte ás políticas do espolio

Dende que lin no libro de Xoan Carlos Carreira ‘Calín’ O pequeno e grande: A agricultura familiar: unha alternativa, que Galiza presentaba unha balanza alimentaria negativa de preto de 1000 millóns de euros anuais estou sorprendido de que este feito non ocupe espazo no debate político en Galiza, e que as políticas agrarias non xiren ao redor á intención de darlle a volta a esta situación.

Hai pouco volvín consultar os datos do ICEX sobre exportación e importacións do sector agroalimentario galego, que só ten en conta os intercambios co estranxeiro e non co resto do Estado, un dato que incrementaría o desequilibrio. Eses últimos datos oficiais referidos a decembro de 2017 din, por exemplo, que a diferencia entre os cereais que importamos e os que exportamos é de 202 millóns de euros anuais, e que dende o 2007 o desequilibrio, lonxe de reducirse, seguiu medrando.

Estes millóns de euros son fundamentalmente da compra de insumos da gandeiría galega, que ben poderían producirse aquí, mellorando así a viabilidade deste sector e evitando desprazamentos quilométricos de alimentos, un dos factores que máis contribúe ao quecemento planetario.

Por iso, en 2016 no proceso de elaboración do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, presentei dentro dun documento de achegas do grupo parlamentario de AGE, centrado  na recuperación de soberanías, a proposta de lograr que nese periodo se equilibrase a balanza incrementando e diversificando a produción nacional galega, e achegaba algunhas medidas para conseguilo. Esta achega, como a maioría, non foi tida en conta polo goberno galego, empeñado no seu catecismo neoliberal e en facer políticas para as multinacionais extractivistas. Dende entón os datos non deixaron de empeorar.

Ao feito da balanza alimentaria negativa multimillonaria súmase o descenso de gran parte das principais producións vexetais en Galiza nos anos do goberno Feijóo, como amosan as estatçísticas do IGE: no período 2009-2020 reducíronse as producións de cereais de gran, cultivos forraxeiros, tubérculos, leguminosas de gran e hortícolas e froitos de horta. Estes datos non son casualidade.

Porque non se trata do desempeño mellor ou peor das agricultoras ou agricultores galegas. Se estes están abandonados á súa sorte, sen un sistema público que actúe como rede onde se poidan apoiar, moitas iniciativas potencialmente viables fracasarán por falta de apoio técnico, por falla de terras en cantidade e calidade, ou por falla de redes comerciais apropiadas.Estamos ante unha deliberada política de desmantelamento dun sistema público que sosteña unha agricultura familiar e sustentable, para fomentar un modelo extractivista do espolio onde o monocutivo do eucalipto, as plantas de biomasa, os eólicos pertencentes ao gran capital ou as mineiras son o obxecto de coidado da Xunta de Nuñez Feijóo.

AS FUNCIÓNS DUN SISTEMA PÚBLICO PARA MANTER A PRODUCIÓN E CREAR RIQUEZA

En primeiro lugar a ordenación do territorio, para que a utilización dos seus solos estea ligada ás súas aptitudes, coa protección dos que teñan boa aptitude agraria, xa que é un recurso non renovable e valiosísimo para o futuro.

Desterrar para o futuro o modelo da produción de cultivos enerxéticos para producción enerxética. É totalmente irracional e antiecolóxico producir biomasa para queimar, sobre todo cando non producimos nin os alimentos que consumimos. A terra é un dos factores limitantes para moitos gandeiros e agricultores que teñen que competir con outros usos e convivir cuns prezos moitas veces elevados por esta competencia no uso.

Outra función fundamental é promover e soster a investigación, a formación e o asesoramento técnico agrario. Só as grandes empresas poderían aspirar a facer estas tres cousas sin soporte público, e aínda así, na realidade, utilizan os fondos públcos para facer a “súa” investigación no seu beneficio. O desenvolvemento dunha agricultura vizosa e extendida polo noso país precisa persoal técnico no terreo, precisa acompañamento para as transformacións necesarias para afrontar os retos dunha maior sostenibilidade e da viabilidade económica das explotacións e precisa ese soporte público para o suceso de novas incorporacións de mozas e mozos ao agro.

O sistema público tamén debería de ter liñas de actuación na comercialización: a compra pública que priorice o consumo local, circuítos curtos de comercialización,  fortalecer o cooperativismo e calqueira tipo de asociacionismo, apoiar iniciativas sectoriais na creación e soster as marcas de garantía.

Estas e outras medidas son imprescindibles, e unha oportunidade de futuro para crear emprego e riqueza no rural revertindo a tendencia dunha impresionante destrución de emprego agrario dende a chegada de Feijóo, cando se destruíron 1 de cada 3 empregos no sector agrogandeiro e forestal: No terceiro trimestre de 2009 había unha poboación ocupada no sector agrario, gandeiro e silvícola de 71.600 persoas, e segundo os últimos datos referidos a 2020, no segundo trimestre, hai 47.700 persoas. Case 24.000 empregos destruídos, unha auténtica sangría.

E QUE (NON) FAI A XUNTA?

É urxente tamén rexuvenecer o sector, garantindo o relevo nun sector agrario no que apenas o 5% dos titulares das explotacións son menores de 40 anos. Que fai ante esta realidade o Goberno galego?

No referido á ordenación do territorio e a utilización racional do solo, Galiza non conta nin siquera cun mapa de solos oficial que o clasifique en función das súas aptitudes. Isto é a base para a protección dos solos fértiles que nunca deberían forestarse ou urbanizarse. O PP prefire a laxitude e a flexibilidade e así a reforestación avanza en superficie a costa das terras agrarias.

Os datos tampouco minten neste caso: a superficie agraria útil leva décadas descendendo e só de 2013 a 2016, os últimos datos oficiais da Enquisa de Estructuras Agrarias, Galiza perdeu 34.000 hectáreas de solo agrario (5%) a un ritmo catro veces superior á media estatal, perdendo 150.000 has nas últimas tres décadas.

A Lei 2/2016 do Solo de Galicia sinala que serán solos de especial protección agropecuaria os de concentración parcelaria e aqueles que estén recollidos nun catálogo oficial de solos. Como non hai Catálogo Oficial de Solos quedan desprotexidos terreos con boa actitude agronómica que poden ser adicados á forestación ou urbanización. Este feito, que denunciei durante a elaboración da Lei, debería de ser ruborizante para calqueira gobernante ocupado en traballar para o interese público. Non é o caso dos que ocupan San Caetano.

Que fixo a Xunta de Galicia durante os últimos anos co sistema público de coñecemento, é dicir, investigación, formación e asesoramento? Debilitalo sistemáticamente. Tanto as oficinas agrarias comarcais como os centros de formación ou os centros de investigación sufriron a carencia cada vez maior de medios materiais e humanos dende que o PP chegou ao goberno. Sucedéronse as OACs que carecían técnicos para atender ao público, porque reiteradamente non se cubrían baixas ou xubilacións.

Para consolidar novas incorporacións á agricultura de xente moza, para a desexable diversificación de cultivos ou para as transformacións das técnicas de cultivo necesarias é imprescindible o apoio técnico.

Cos recursos humanos actuais os técnicos que quedan nas Oficinas Agrarias bastante teñen coa burocracia e non poden estar sobre o terreo e en contacto coas agricultoras e agricultores apoiándoos.

DESLEIXO COA INVESTIGACIÓN

O goberno galego seguiu a tónica xeral neste ámbito, no que se reduciron orzamentos e se perderon posicións tanto con respecto a 2009, como con respecto ao conxunto do Estado. A nivel xeral Galiza adicaba o 0,96 % do PIB a I+D+i en 2009, e hoxe adica o 0,94% segundo os últimos datos.

No sector agrario non foi diferente este debilitamento. Por exemplo, no Centro de Investigación Agraria de Mabegondo, CIAM, das 22 prazas de investigares dispoñibles están vacantes a metade, 11, dende 2013, e sin trazas de revertirse. Este exemplo non é a excepción senón a tónica xeral do trato que este goberno da á investigación.

O único modelo que coñece o PP para a “investigación” é a creación de chiringuitos co menor control adminsitrativo posible para que determinadas grandes empresas utilicen fondos públicos para desenvolver os seus productos.

Así, dous anos despois de anunciar a bombo e prato a creación de AGACAL, cuxo Director Xeral acaba de ser defenestrado, agora anuncia a creación dunha Fundación para a Investigación Agraria liderada polo Centro Tecnolóxico da Carne, centro controlado polo baltarismo e investigado dende 2017 por malversación de fondos públicos. Hai tres semanas o seu Xerente e persoal diverso foron a prestar declaración en calidade de imputados no marco de dita investigación penal.

Ése é o paradigma de organismo que defende o PP como futuro mentras hostiga e ningunea a profesionais de longa traxectoria e compromiso na función pública.

DESLEIXO TAMÉN NA COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS AGRARIOS

Un exemplo da falla de vontade de avanzar neste campo é o feito de que o PP tiña feito, á súa chegada ao goberno en 2009, un Regulamento para unha Marca de Garantía de Horta Galega, elaborado polo bipartito.

En 11 anos non foron capaces ou non quixeron poñer en funcionamento dita marca que tiña como obxetivo reforzar a súa imaxe coa garantía de orixe e de forma de cultivo. Asemade, e durante estes anos, rexeitouse calquera iniciativa no eido da compra pública que priorizase o consumo de productos locais.

Estas razóns, entre outras, son as que mostran que os nefastos datos en canto a balanza alimentaria, producións vexetais, superficie agraria ou emprego agrario, que como non podía ser doutro xeito, non son casualidade senón froito das políticas que deliberadamente son desenvoltas por este goberno.

Adicamos centos de millóns de euros en comprar a quilómetros alimentos que perfectamente se poderían producir aquí, mentras se abandona o solo agrario en favor dun modelo pobre e empobrecedor modelo forestal, e se adican 1 de cada 3 euros do orzamento da Consellería de Medio Rural á extinción de incendios.

Eses centos de millóns de euros de balanza alimentaria negativa tradúcense en empregos que lonxe de crearse se destrúen a un ritmo que non ten paragón no Estado.

Fronte este modelo, pensado para unha economía depredadora en mans de grandes empresas que esquilman o territorio, existe unha posibilidade no sector agrario de creación de emprego, de diversificación económica e productiva, de asentamento de xente moza, de desenvolvemento de servizos e agroindustria ao redor desta producción, de democratización da economía, de redución do problema dos lumes, de que o estudantado do campus de Lugo teña oportunidades de aplicar a súa intelixencia e capacidade nun reto ilusionante, de que os gandeiros incrementen a rendabilidade das súas explotacións, de loitar contra o cambio climático e de ser máis donos de nós.

As cifras e o potencial de desenvolvemento que implicaría este reto de equilibrar, cando menos, a nosa balanza alimentaria, debería mover a que se dese un debate público ao redor das políticas agrarias, máis si cabe, cando se fala dos perigos da dependencia externa, da sostenibilidade, de demografía, ou de cambio climático.

O que o impide non é só a incompetencia dos responsables, senón as súas políticas que camiñan deliberadamente no sentido da desertización rural dirixidas por determinados intereses empresariais que precisan un territorio desertificado, envellecido e sin perspectivas de futuro para facilitar a implantación dos seus negocios. Unha vez máis non é unha cuestión técnica, senón política. Como se constatou na aprobación na Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais en novembro de 2017, o Partido Popular de Nuñez Feijoo está coa economía da depredación, e unha agricultura viva é un obstáculo.

Publicado orixinalmente en O Salto, no 20 de outubro de 2020

Ocupación e vivenda: a batalla do relato

Vexo, escoito e leo, sobre todo nos medios de comunicación públicos e “concertados” e secundada pola dereita deste país, unha intensa campaña alarmista, sobre o fenómeno da ocupación.

Ata se atreven a poñer o berro no ceo pola ocupación dun edificio da SAREB, ese instrumento utilizado para salvar as aventuras inmobiliarias dos bancos con diñeiro de todas nós por activos tóxicos, cando todas esas vivendas deberían estar ocupadas con xente que necesite unha vivenda para vivir si os gobernos defenderan realmente o dereito da xente a disfrutar dese dereito.

Non puxeron ese berro no ceo cando conscientemente e guiados polos intereses dos bancos rescatados non se utilizaron as propiedades da SAREB para crear un banco público de vivenda de aluguer social para as miles de persoas que son desafiuzadas diariamente.

Vexo, escoito e leo, sobre todo nos medios de comunicación públicos e “concertados” e secundada pola dereita deste país, unha intensa campaña alarmista, sobre o fenómeno da ocupación.

A estas alturas xa non sorprende que estes mesmos actores mediáticos e políticos, á vez que fabrican esa sensación de alarma por unha cuestión estatisticamente menor, calen ante a situación dunha moi importante parte da nosa xente respecto ao dereito a poder vivir nunha vivenda digna.

Non vin ningunha campaña polo feito de que en Galiza levemos máis dunha década con 2.000 desafiuzamentos anuais, cento arriba cento abaixo, segundo os datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial, dos cales segundo eses mesmos datos, como mínimo arredor duns 500 foron e son de vivenda habitual.

Vin como ante o desafiuzamentos de mulleres con fillos, en Vigo e Ourense, se lles ofrecía como alternativa unha vivenda a máis de 100 kms de onde vivían e estudaban e non se consideraba un escándalo que nin a Xunta de Galicia nin os concellos de Vigo ou Ourense tivesen unha soa vivenda pública que ofrecer na propia cidade cando hai miles de vivendas baleiras nelas.E non foi tratado como algo alarmante.

Nunca vin unha análise crítica da política de vivenda dun goberno galego que paralizou radicalmente a promoción de vivenda de protección dende a chegada de Feijóo a San Caetano. Con cifras tan rechamantes como pasar de iniciar 2900 vivendas protexidas en 2010 (inercia da política do goberno de Touriño e Quintana) a unha media de 8 nos últimos 5 anos.

Non vin ningunha campaña polo feito de que en Galiza levemos máis dunha década con 2.000 desafiuzamentos anuais. Tampouco unha análise crítica da política de vivenda dun goberno galego que paralizou radicalmente a promoción de vivenda de protección dende a chegada de Feijóo a San Caetano

Tampouco vin que se machacase día si e día tamén nas páxinas deses medios co feito que nestes momentos no Rexistro Oficial de Demandantes de Vivenda con algún tipo de Protección, haxa nada máis e nada menos que 15.000 demandantes que confían en que o seu goberno atenda as súas necesidades.

Non vin tampouco nas sisudas análises da crise demográfica de Galiza que, para a maioría dos opinólogos do star system, semella ser unha maldición bíblica, sen explicación na aplicación de determinadas políticas, falar do problema do acceso á vivenda de mozas e mozos e a influencia deste feito na posibilidade de emancipación e polo tanto emprender proxectos vitais a longo prazo.

Botei en falta tamén algunha primeira plana que sinalara que, no ano pasado, o programa estrela da Xunta de Galicia para mobilizar vivenda, o Programa de Vivenda Baleira, repartiu no conxunto do país 2 subvencións!

Non se lle deu tanta importancia á venta en Cambre de pisos de protección oficial, é dicir construídos con subvencións públicas, a un fondo voitre co permiso do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que acabou con inquilinos abandonando os seus pisos ben polo incremento dos prezos ben polo desleixo do novo propietario coa conservación do edificio, incluso cando o fondo formaba parte do grupo xestionado polo fillo de Jose María Aznar e Ana Botella.

O fondo comprador era unha SOCIMI unha desas sociedades que foi agasallada con exencións fiscais na época onde a xente do común sufría o incremento do IVE de produtos básicos.

Tampouco houbo campaña por isto nos grandes medios.

Houbo 14 anos para reparar no feito de que os sucesivos gobernos do Estado mantiveran paralizada a regulamentación e a definición da vivenda baleira, co que se logrou que aínda que así o quixesen os concellos non puidesen aplicar o RDL 2/2004 regulador das Facendas Locais para aplicar recargos no IBI aos grandes propietarios con vivendas baleiras e non lembro que éso tivese un tratamento “alarmista” nin lembro ningunha iniciativa da dereita para cumprir coa lei.

Así hai miles de vivendas baleiras en cidades onde medran constantemente os alugueres, propiedades de grandes tenedores aos que lles sae gratis non cumprir coa función social da vivenda porque os gobernos locais si así o quixeran non lles poden gravar o feito de non poñelos á disposición da xente.

Mesmo hoxe en día poderíase centrar o debate na relación que existe entre as condicións das vivendas nos barrios máis humildes e as cifras de contaxio da Covid, tanto no que ten que ver coa conservación xeral dos edificios como á cantidade de xente que vive nalgúns pisos pola obriga de compartilos de 2 ou 3 familias para poder afrontar o custe duns alugueres que non deixan de medrar.

A realidade é que hai un gran negocio ao redor da especulación inmobiliaria no que participa moita xente, que teñen os seus representantes políticos e mediáticos que fan o traballo necesario para manter un modelo que beneficia a uns pero que exclúe a moita xente dun dereito básico. Todas as súas políticas nesta materia estiveron dirixidas a manter e, si é posible, subir o prezo da vivenda aínda sabedores de que así deixarían a moita xente fora do, disque, “dereito constitucional” á vivenda.Claro que hai solucións para regular os prezos do aluguer alí onde é necesario, está xa todo inventado. Pero non se quere, porque esas medidas implican un descenso dos beneficios de bancos, fondos voitre e demais inversores do mercado inmobiliario.

Por que non se fai un plan para promover vivenda pública con prezos sociais dirixidos a, cando menos, eses máis de 10.000 demandantes que expresan que queren unha vivenda pública de aluguer (dos 15.000 totais)? Porque simplemente con esa medida “arrefriaría” o mercado inmobiliario.É difícil tomar medidas en materia de vivenda que contenten a todos. A dereita escolle bando e conta con aliados mediáticos para facilitar o camiño, creando o estado de opinión necesario e o sentido común que lles beneficie.

Non é incompetencia que en Vigo, cando sistematicamente hai despexos, non exista solución habitacional na cidade e que se lle ofrezan vivendas en Pontecesures ou A Cañiza como alternativa , creando por certo, unha segregación xeográfica en función da renda.

Nin o PP na Xunta de Galicia, nin tampouco Abel Caballero no Concello de Vigo, consideran parte das súas obrigas dotar á maior cidade galega dun parque público de vivenda que cumpra a función non só de dar solución ás persoas en emerxencia habitacional senón a de dar satisfacción á mocidade ou ás familias que gastan máis do 30% dos seus ingresos en pagar alugueres abusivos.

O realmente preocupante é que diante da gran crise económica que se aveciña, todo parece indicar que peor que a de 2008, os representantes políticos e grupos mediáticos dos grandes axentes da especulación van gañando terreo na batalla do relato

Ao contrario consideran prioritario manter a burbulla dos alugueres actuais que evidentemente fan de ouro a certos sectores.

O realmente preocupante é que diante da gran crise económica que se aveciña, todo parece indicar que peor que a de 2008, os representantes políticos e grupos mediáticos dos grandes axentes da especulación van gañando terreo na batalla do relato e están creando as condicións para poder aplicar duras políticas ante o que vén, que será a dificultade de moita xente para pagar a súa vivenda. A esquerda non se está a anticipar a esta situación actuando á ofensiva nun ámbito onde xa sen esta nova crise económica se tiña que estar actuando.

Como xa dixo Warren Buffet, “hai unha guerra de clases e imos gañando”.

Obxectivamente, cos datos na man, quen expulsa á clase traballadora das súas vivendas non son as ocupacións: son os bancos, fondos voitre, grandes propietarios e en xeral un modelo de vivenda pensado para soster unha importante cifra de rentistas. Iso é o que se trata de ocultar co establecemento do clima que coa campaña anti-ocupación se pretende establecer.

Nos anos posteriores á crise do 2008 as plataformas e movementos sociais conseguiron na rúa ser hexemónicos nas súas demandas de vivenda digna que facilitaron despois certas melloras, aínda que insuficientes. Hoxe estamos nun período de grande involución neste senso xa que estamos falando de ocupación cando se debera estar falando de como se vai garantir que a xente que quede no paro pague o aluguer ou a hipoteca, como regular os prezos nas cidades, como gravar as vivendas baleiras dos grandes propietarios, ou como crear un potente e ambicioso parque público de vivenda.

Tanto na rúa como nas institucións hai que poñer o cambio de modelo das políticas de vivenda no centro do debate como parte fundamental da loita contra unha desigualdade crecente, contrapoñendo ao discurso do darwinismo social unha aposta polas políticas públicas de vivenda que socialicen o mercado para que se cumpra con ese dereito, supostamente constitucional, de que todas teñamos o dereito a unha vivenda digna.

E si hai un caso nos que se ocupe unha vivenda habitual, sinceramente non os coñezo, e por declaracións de xuíces de longa traxectoria deben de ser moi moi minoritarios, pero si se da o caso, direi que non é de xustiza e defenderei o dereito de todas e todos a disfrutar do dereito a unha vivenda digna con seguridade.

Pero cando haxa persoas, e son moitas, abandonadas polas institucións e gobernos que gobernan para os máis poderosos, que buscan o dereito á vivenda ocupando un edificio da Sareb, ou de calqueira dos bancos que utilizaron durante anos prácticas abusivas amparados por eses mesmos gobernos e por unha cúpula xudicial vendida aos seus intereses, o Tribunal Supremo, ou bancos que foron axudados con miles de millóns de euros de diñeiro de todas que non pensan devolver, que non conten comigo para denuncialos porque sei quen exerce diariamente a violencia institucional.

Cando ocupan vivendas de fondos voitre que non pagan impostos polas facilidades fiscais aprobadas por sucesivos gobernos que se forran especulando cun dereito, que non conten comigo para sinalalos.

Mentres haxa políticas que conscientemente expulsan a xente das casas, fan case imposible para a mocidade emanciparse, forzan a que as familias traballadoras adiquen cada vez máis ingresos a pagar por unha vivenda, que non conten comigo para criminalizar a ocupación.

Publicado orixinalmente no dixital Praza Pública

Minería contaminante, a Xunta mira para outro lado

A economía do espolio vai acompañada sempre dun intenso tráfico de favores e dun opaco réxime de impunidade. Ese é o ecosistema no que medran os beneficios da maioría das explotacións mineiras que operan en Galiza: espolio, trato de favor e impunidade.

Para legalizar a economía da depredación dos nosos recursos naturais, o Partido Popular aprobou unha lei de barra libre. Chamoulle fachendosamente Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galiza; é coñecida xa, popularmente, como Lei de Depredación de Galicia. Unha lei para amparar o espolio. Unha lei para blindar a impunidade das corporacións mineiras.

É coñecida xa, popularmente, como Lei de Depredación de Galicia. Unha lei para amparar o espolio. Unha lei para blindar a impunidade das corporacións mineiras.

Con todo, a lei de Depredación de Galiza non liquidou todas as garantías e proteccións ambientais e sanitarias. Algunhas garantías sobreviven no papel pero non se aplican. Discrecionalmente, a Xunta de Galicia decretou silandeiramente a súa suspensión.

A complicidade cos desmandos das mineiras disfrázase de pasividade, atrancos burocráticos diante das denuncias e desleixo. Non hai actuacións preventivas, non hai actuacións de control e non hai, por suposto, accións punitivas fronte ás infraccións. Hai complicidade e impunidade á carta.

A Xunta mira cara outro lado. E o organismo que ten que ocuparse da boa xestión dos recursos hídricos, Augas de Galicia, fai outro tanto: non quere saber, non actúa, inhíbese

A Xunta mira cara outro lado. E o organismo que ten que ocuparse da boa xestión dos recursos hídricos, Augas de Galicia, fai outro tanto: non quere saber, non actúa, inhíbese. As denuncias amoréanse nas súas mesas e nos seus arquivos morren sen que dean un chío. A impunidade das mineiras medra grazas á súa indiferenza. Abondan os casos nos que é evidente o seu desleixo e abandono de responsabilidades.

A finais de 2016 , a empresa mineira Tungsten San Finx SL, pertencente ao grupo Sacyr, solicitou permiso a Augas de Galicia para verter un millón de metros cúbicos anuais de augas residuais procedentes das galerías inundadas e da escorrentía das entulleiras dun depósito de estaño-wolfram.

Varios colectivos como a Plataforma en Defensa do Mar (Plademar Muros-Noia), Adega ou Verdegaia denunciaron as irregularidades das verteduras da mina de San Fins, en Lousame, que tinguiron de laranxa os regatos da zona e provocaron un forte cheiro a xofre, a aparición de escuma e indicios dunha ameaza ambiental sobre toda a ría de Noia, destino final das augas.

Con morosidade, Augas de Galicia confirmou a contaminación provocada despois de que a empresa denunciase un membro de Adega por tomar mostras de auga nas instalacións mineiras.

A Fiscalía de Medio Ambiente acordou a apertura de dilixencias penais e vén de trasladar ao xulgado as graves irregularidades atopadas na mina de San Fins. Advirte da discutible actuación da empresa, pero tamén da Xunta, e sinala varias irregularidades, unha delas a vertedura de augas industriais.

A empresa recoñece que se realizou xa antes e durante décadas ao dominio público e, como lembra a Fiscalía, ante as reiteradas denuncias, «tanto a denuncia como as dilixencias incorporáronse ao expediente de autorización de vertidos en vez de tramitarse o correspondente expediente sancionador».

O informe da Fiscalía subliña asemade que se produciron reiterados vertidos de augas residuais industriais e que nunca foron sancionados por Augas de Galicia malia superaren en moitos puntos os límites permitidos. As cantidades de cadmio, cobre e zinc sobardan os máximos legais mesmo a 1,5 quilómetros augas abaixo da mina.

O fiscal sinala tamén a responsabilidade da Xunta xa que, «malia formar parte das instalacións mineiras, a autoridade mineira non esixiu aos sucesivos titulares a súa restauración e control» das balsas de residuos. Lembra igualmente o colapso dunha das presas e a contaminación provocada e salienta que desde a Dirección Xeral de Minas «non se obrigou á restauración» da zona afectada. Este desleixo é criticado e a Fiscalía cre que o proceder é «como pouco cuestionábel» atendendo ao estado final e á conservación da área.

Noutros países quen contamina paga e vese obrigado a paliar os danos e a restaurar as condicións naturais orixinarias. En Galiza, graciosamente, a Xunta desculpa e tapa ás empresas mineiras contaminantes e evade as súas responsabilidades. O Goberno do presidente Feijóo non atende as súas responsabilidades, burla as súas propias leis e consente un réxime de ecocidio.

O desleixo e pasividade non se limita ás minas de San Fins, Augas de Galicia e a Xunta proceden de modo semellante en Touro cos verquidos e e recheos denunciados durante anos pola veciñanza. Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente miran para outro lado e invisten en pasividade. Nada fixeron para evitar constantes verquidos contaminantes nos regatos da zona que van dar ao río Ulla. Regatos de cor laranxa e destrución de flora e fauna acuática. As denuncias de veciños foron enterradas nun labirinto burocrático de abraiante ineficacia mentres a empresa seguía contaminando sen traba ningunha.

A cartografía da impunidade é extensa.

A cartografía da impunidade é extensa. Podemos falar da canteira de Miramontes, en Grixoa, no concello de Santiago de Santiago, onde a veciñanza tivo que empregarse a fondo durante anos para que a Xunta de Galicia tomase, tardía e malamente, cartas no asunto. Cando a Consellería de Medio Ambiente fixo analíticas demostrouse a nefasta xestión da empresa de tecnosolos na canteira.

Hai máis, moitos máis casos. As garantías ambientais son papel morto porque a Xunta e Augas de Galicia abandonan sistematicamente as súas funcións de inspección e control. Non actúa de oficio e responden tardía e torpemente a denuncia da cidadanía. Deixan facer. Impoñen a omertá, a lei do silencio cómplice cos atentados ambientais. Non controlan, non fiscalizan, non sancionan. Camuflan as responsabilidades das empresas mineiras. Evaden as súas responsabilidades políticas. A norma parece ser a pasividade. A norma é a complicidade. Miran para o outro lado.

Artigo publicado na edición en papel do xornal A Peneira, en abril de 2018.

O silencio e a submisión non derrotarán ao Estado autoritario

Sindicalistas perseguidos por reivindicar dereitos, rapeiros condenados polas súas cancións, artistas postos na picota por un pregón do Entroido, persoas presas por defender ideas políticas, todos eles, son casos que se multiplican nos últimos tempos. Valtonyc, La Insurgencia, Carlos e Serafín, Oriol Junqueras, Puigdemont, Anna Gabriel, Carlos Santiago, Emilio Cao… Un tras outro. Nas últimas semanas multiplicáronse os ataques contra a liberdade de expresión. Indiscriminados, con maior virulencia que nunca. Novas manifestación da alarmante da escalada autoritaria que padecemos dende hai anos.

O Réxime rearmouse, represiva e xudicialmente, para defender con máis forza aínda os privilexios das oligarquías en perigo ante unha sociedade mobilizada cansa de aturar o saqueo institucionalizado a custa de provocar sufrimento a traballadores e traballadoras

A Lei Mordaza aviveceu a represión cando a cidadanía saía ás rúas durante a crise para loitar contra as políticas de austeridade que causaban recortes de dereitos e maiores sufrimentos á maioría das cidadáns e cidadás. O Réxime rearmouse, represiva e xudicialmente, para defender con máis forza aínda os privilexios das oligarquías en perigo ante unha sociedade mobilizada cansa de aturar o saqueo institucionalizado a custa de provocar sufrimento a traballadores e traballadoras. Así multiplicáronse os casos de sindicalistas procesados por manifestarse, os casos de persecución da liberdade de expresión nas redes sociais ou a criminalización do dereito á folga.

A crise de Réxime do 78 non só produciu tensións de abaixo a arriba tamén rachou tamén definitivamente o modelo do Estado das Autonomías e Cataluña avanzou na loita polo seu dereito a decidir, disposta a crebar os marcos actuais da autonomía. A resposta do Goberno, da Casa Real, do IBEX e dos grandes medios de comunicación públicos e privados foi a da estaca. Intensificar a represión. Institucionalizar o Estado de excepción, primeiro, impoñer a intervención do 155 e acelerar a súa viraxe autoritara.

A solución dos poderes do Estado, dos partidos maioritarios e das grandes corporacións económicas e mediáticas á crise de lexitimidade do Réxime do 78 non é outra que enrocarse nunha orde de voz e pensamento único. Outra vez un episodio de doma e castración. Perséguese a discrepancia e o disenso político.Atacan os brazos xudiciais do Réxime toda manifestación de protesta e insubmisión.

Utilízanse partidariamente os medios de comunicación públicos para blindar informativamente a impunidade dos poderosos.Atácase co delito de odio para as críticas, e mesmo o humor irreverente. Decrétase prisión preventiva por delitos inexistentes e imaxinarios. Entorpécese toda democratización da opinión. Obstaculízase a liberdade de creación. Secuéstranse libros libros. Ameázanse redaccións e editoriais. Membros dun goberno elixido democraticamente están no exilio ou na cadea por querer que a cidadanía vote. Perséguese a liberdade de expresión…

O ascenso do fascismo nos anos trinta do século pasado foi acompañado de prácticas semellantes; agora, aléntanse como a resposta da orde legal dunha Constitución baleirada de democracia. A derrogación, discrecional e selectiva, da liberdade de expresión é un ataque as raíces de toda democracia. Representa un ataque frontal contra o pluralismo, contra a manifestación da diversidade e das diferenzas, pon en cuestión a liberdade de crear e dicir, disolve os dereitos de cidadanía. Prívanos de ser auténticos cidadáns e cidadás.

A ofensiva contra a liberdade de expresión e manifestación que padecemos pretende a restitución dunha orde servil, autoritaria, non democrática. O silencio imposto aos cidadáns e cidadás abafa todo autogoberno democrático. Sen liberdade de expresión, non hai democracia.

A ofensiva contra a liberdade de expresión e manifestación que padecemos pretende a restitución dunha orde servil, autoritaria, non democrática. O silencio imposto aos cidadáns e cidadás abafa todo autogoberno democrático. Sen liberdade de expresión, non hai democracia.

Mentres isto acontece a resposta dunha boa parte da esquerda debería de ser outra ben distinta. Esta resposta está a ser feble, non decidida senón dubitativa, mesmo sen entender que todos os fenómenos da represión, sexan ao respecto do Procés, sexan ao respecto dun rapeiro ou sindicalista, forman parte do mesmo fenómeno. Nesa esquerda non se está situando o combate da vaga autoritaria como unha prioridade.

Eludir os debates non vai calmar as ansias de contrarreforma da dereita máis ultra que se ve vencedora neste momento. O silencio e a submisión non reverterán a deriva autoritaria nin restaurarán ou farán avanzar as liberdades democráticas. Só a afouteza e o compromiso cidadán recuperará espazo social e institucional para o exercicio dos nosos dereitos fundamentais. Só con coraxe civil teremos unha democracia real. Só exercendo, dun xeito rebelde e inconformista, a liberdade protexeremos as nosas liberdades.

Publicado na edición dixital do Sermos Galiza, o 9 de marzo de 2018.

Prohibido molestar aos bancos: os desafiuzamentos seguen

Os desafiuzamentos e a negación do dereito ao acceso á vivenda de milleiros de persoas é estrutural, non conxuntural como pretende facer ver o goberno de Núñez Feijóo. É indignante que os santos custodios da Constitución desprecen a vivenda digna, un dos dereitos fundamentais recollidos no texto constitucional, nunca atendido polas políticas dos Gobernos dos partidos do bipartidismo dinástico. Paradoxalmente, cando os gobernos de Euskadi e Cataluña aprobaron lexislación para garantir o dereito a unha vivenda digna quen as tirou abaixo foi o Tribunal Constitucional.

Segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial no primeiro semestre de 2017 os desafiuzamentos aumentaron case un 10% máis que no mesmo período de 2016, e son un total de 1416 en 6 meses
O dereito á vivenda é dereito impracticable hoxe tanto coma nos peores momentos da crise cando a expulsión de xente das súas casas polas execucións hipotecarias entrou na axenda mediática grazas á loita dos movementos anti-desafiuzamentos. En Galiza os datos son preocupantes: segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial no primeiro semestre de 2017 os desafiuzamentos aumentaron case un 10% máis que no mesmo período de 2016, e son un total de 1416 en 6 meses.

O agravamento da situación depende de dous elementos. O primeiro é o desemprego estrutural e a existencia dun mercado laboral baseado na precariedade que fai emerxer á pobreza enerxética e alimentaria. Deteriorando as condicións materiais e ameazando co desaloxo das súas vivendas a milleiros de persoas. Todo agravado por un contexto socio-laboral desfavorable, nun país que ten menos dun millón de contribuíntes á Seguridade Social, con 300.000 traballadores que gañan menos que o salario mínimo e con 20.000 menores de 35 anos emigrados desde que comezou a crise.

A precarización laboral limita drasticamente o acceso a vivenda propia: en 2008 un 41% da mocidade vivía de alugueiro, en 2016 subiu ao 71%.

O segundo elemento son as políticas públicas de vivenda que nestes anos non se renovaron para dar resposta ás novas necesidades. A visión oficial sobre a vivenda enténdea como ben de investimento, non como un dereito. O Estado español rescatou con milleiros de millóns os bancos e mercoulles os seus “activos tóxicos”. Entre a xente que ficaba na rúa e os bancos, o PP elixiu atender aos bancos. En vez apostar polo aluguer a prezos sociais para vivendas do SAREB –sacrificando os beneficios de voraces poderes económicos– acordaron renunciar a 40.000 millóns do rescate indecente dos bancos. Nada fixeron para favorecer á baixa dos prezos das vivendas, non interesaba ás contas de resultados dos amigos do complexo bancario-inmobiliario.

Para as entidades financeiras ter un piso baleiro segue a ser tan barato coma antes da crise. O Partido Popular mesmo negouse a cumprir cun mandato lexislativo para desenvolver regulamentariamente o concepto de vivenda baleira, paso indispensable para que os Concellos poidan aplicar sobretaxas ás vivendas que non se poñen a disposición da xente en cumprimento da Lei 2/2004 Reguladora de Facendas Locais.

Mentres que nos países da UE os Estados superan polo xeral o 10% de vivendas públicas para alugueiro, en Galiza non chegamos ao 1%

Os diferentes gobernos do PP e do PSOE no Estado e do PP en Galiza nunca impulsaron a creación un Parque Público de vivendas, e moito menos as destinadas a alugueiro social con prezos accesibles.Mentres que nos países da UE os Estados superan polo xeral o 10% de vivendas públicas para alugueiro, en Galiza non chegamos ao 1%. Novamente optaron por satisfacer os beneficios dos que financiaron e financian as súas campañas electorais.

As campañas publicitarias de Núñez Feijóo non poden agochar que durante os anos do seu goberno non incrementou o parque de vivendas públicas. Nestes momentos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo conta con 3.500 vivendas sobre un total de 1.600.000, poucas e mal xestionadas, con procesos de adxudicación que fan que haxa moitas renuncias e que algunhas estean aínda baleiras hoxe. Non foi por falla de oportunidades cando se podía facer por varias vías: incorporación das vivendas da SAREB, con vivendas baleiras que se adquirisen ou con construción de vivenda nova a partir do patrimonio público do solo.

O PP e PSOE decidiron non lexislar políticas correctoras de prezo e vemos como aumenta sen teito a demanda de aluguer nos espazos urbanos; así, as cidades galegas en 2016 rexistraron unha suba media dos prezos da vivenda do 6%
Ademais non hai mecanismos de control para o acceso dos alugueres con medidas reguladoras que eviten que os prezos non dependan exclusivamente do xogo de oferta e demanda. O PP e PSOE decidiron non lexislar políticas correctoras de prezo e vemos como aumenta sen teito a demanda de aluguer nos espazos urbanos; así, as cidades galegas en 2016 rexistraron unha suba media dos prezos da vivenda do 6%.

Non se pode facer un cambio de políticas de vivenda sen molestar. A Xunta non quere molestar ás grandes fortunas inmobiliarias e bancarias. As solucións para evitar os desafiuzamentos requiren de vontade política para impedir que a vivenda sexa un ben especulativo e para que sexa un dereito cidadán efectivo. Solucións que suporían grandes beneficios para as miles de persoas que hoxe están excluídas da posibilidade de acceder a unha vivenda e de ter un mínimo de estabilidade nas súas vidas.

Non se pode facer un cambio de políticas de vivenda sen molestar. A Xunta non quere molestar ás grandes fortunas inmobiliarias e bancarias

O acceso a unha vivenda digna é un instrumento fundamental da loita pola igualdade e a xustiza social. Cando se intensifican as campañas para camuflar o avance dos desafiuzamentos e o incremento das dificultades de acceso á vivenda, máis necesario é acompañar ás plataformas sociais que seguen loitando para que non haxa casas sen xente nin xente sen casa.

Publicado en praza.gal o 14 de decembro de 2017.

Non é só unha cuestión catalá

Fronte ao autoritarismo e a cegueira antidemocrática sumamos voces para mostrar a nosa solidariedade cun pobo que quere decidir o seu futuro. Para rachar un escenario mediático represivo. As ordes de prisión sen xuízo contra os membros do Govern e dirixentes da ANC e Òmnium son propias dun Estado de excepción. O presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, dixo que “debía impoñerse a forza da razón”, tan só se impuxo a forza sen razón do Estado.

Hai tempo que a chamada “cuestión catalá” deixou de ser unha cuestión do pobo de Cataluña para ser un problema de todas as cidadás do Estado e vemos como as nosas liberdades e dereitos están en perigo no conxunto do Estado español, especialmente para aqueles e aquelas que defendemos o dereito a decidilo todo das nosas nacións. O feito de que unha norma xurídica poida estirarse, poida ter diferentes interpretacións e cargas punitivas, xera un estado de indefensión abafante que conculca dereitos fundamentais, aqueles que están recollidos no Capítulo I da Constitución, que xa se viron limitados coa Lei Mordaza e agora moito máis coa implantación do 155.

Hai tempo que a chamada «cuestión catalá» deixou de ser unha cuestión do pobo de Cataluña para ser un problema de todas as cidadás do Estado.

No Código Penal actual está tipificada a malversación con penas de 3 a 6 anos, como norma xeral, e roubando toda a caixa forte do Estado, máximo 8 anos, ou a comechura de 2 a 6 anos. Pola contra, a sedición supón penas de entre 8 e 10 anos de cadea, entre 10 e 15 se os responsables son cargos públicos, e entre 4 e 8 para calquera cidadán que participe en “tumultos”, nova forma de chamar ás manifestacións e concentracións pacificas, o que evidencia un uso desproporcionado e interesado de categorías xurídicas pensadas para estados de guerra que agora se aplican a un movemento democrático, popular, que dende a mobilización e en diferentes procesos electorais reclamou masivamente a creación da República Catalá.

A liberdade de expresión non só se exerce nas institucións. Os que pretenden reducila a iso saben que neses marcos non é doado que entren todas as voces. As ideas e as voces deben expresarse nas prazas e nas rúas. O Réxime do 78 criminaliza esas formas de expresión: nos conflitos laborais, cando a mocidade toma as rúas para criticar a privatización do ensino, durante o 15-M e sempre que un pobo se levanta, a dereita activa primeiro a maquinaria ideolóxica e se é necesario tamén a represiva. Non estamos diante dun problema menor: Cataluña evidencia a falta de mecanismos democráticos e institucionais para activar posibles resolucións a un conflito político. No fondo quen defenden a aplicación do 155 teñen unha visión uniformista e unitarial do Estado español, que descarta calquera hipótese federal ou confederal, nega a capacidade dos pobos a decidir libremente o seu futuro e converte o autogoberno nunha xestoría para descentralizar as políticas do Estado Central.

Pois, aparte dos dereitos civís, outro dos elementos que perigan neste momento é o avance cara ao dereito de autodeterminación das nacións no Estado español e, mesmo, ponse en cuestión a propia idea do autogoberno. Alberto Núñez Feijóo é un alumno avantaxado da escola unionista: en 2016 presentou no seu programa electoral as mesmas recuperacións de competencias que en 2012. A Feijóo ata lle sobra a reducida capacidade de autogoberno, como para agardar unha proposta de avance na nosa capacidade para decidir sobre o noso futuro entrementres o Partido Popular non sexa desaloxado das institución do autogoberno galego. A aplicación do 155 supón o pistoletazo de saída dun proceso de recentralización brutal, no que os Estatutos de Autonomía degradaranse até a condición de Cartas Outorgadas.

Alberto Núñez Feijóo é un alumnos avantaxado da escola unionista: en 2016 presentou no seu programa electoral a mesma recuperación de competencias que en 2012

Non estamos diante dun debate que só teña que ver coa lexítima aspiración de Cataluña a independizarse. Non nos interpela só aos nacionalistas. Interpela a todos as persoas interesadas en impulsar procesos de Unidade Popular nos que un mínimo común denominador é o recoñecemento de Galiza como nación e a defensa do seu dereito á autodeterminación. Mínimo común recollido tanto no programa de AGE en 2012 como nos diferentes programas electorais de En Marea.

Non podemos calar cando un proceso cívico e democrático, como é o catalán con clara base popular e sostido no tempo, é reprimido con penas de prisión preventiva pola Audiencia Nacional.

A aplicación do 155 supón o pistoletazo de saída dun proceso de recentralización brutal, no que os Estatutos de Autonomía se degrdarán até a súa condición de cartas outorgadas

É evidente que o 21-D vai estar atravesado por unha demanda compartida por miles de cidadáns en Cataluña: a defensa da República Catalá. Non só defenden esta idea, senón que consideran que a única maneira de chegar a ese escenario é mediante urnas, con fórmulas democráticas. Se o independentismo volve gañar unhas eleccións marcadas por un escenario de excepcionalidade e de represión, a proposta do Estado español será a mesma? Nin as cargas policiais do 1-O nin o 155 solucionan absolutamente nada. Ningún Estado é sostible se non ten o consentimento do pobo, se non artella formas de democracia real.

Publicado en Sermos Galiza o 14 de novembro de 2017

Autoría: Antón Sánchez.