Anova vén de pechar un proceso constituínte que durou da orde de dous anos. Comezamos unha outra etapa que dá unha nova lectura do nacionalismo, que aposta con todas as súas contradicións por explotar a nova cultura política e por participar na acumulación de forzas que faga fronte á besta. Un artigo do portavoz nacional Martiño Noriega.
O mando capitalista,
avisas,
non entende de amabilidade.
E nós, que quixemos ser amábeis,
con dificultade,
imos máis ou menos resistindo.
Non prometemos nada.
No ceo,
os paxaros ensaian unha fuxida.
Miramos para eles e aprendemos que si,
que efectivamente temos medo
Daniel Salgado
Vivimos un período de crise do sistema capitalista que coincide no Estado español coa posible apertura dun proceso de procesos constituíntes. Todo está en cuestión. Nesa dinámica, tamén operamos no limiar dun caos sistémico, no que aquilo que hoxe é novo mañá é vello e no que a frustración crecente da cidadanía respecto aos poderes políticos e económicos coincide cunha diminución do tempo de resposta á agresión que se alicerza no emprego das novas tecnoloxías e en novas fórmulas organizativas. Nun momento en que as demandas innegociables son pan, traballo e teito, nunca cumpriu tanto acumular forzas para unha resposta nin nunca foi obxectivamente tan difícil: moita xente coida que a solución vén dada por uns resultados electorais, os dereitos individuais póñense diante dos colectivos en moitos casos, a fraternidade cotiza á baixa na bolsa de valores, e o ego, máis aló das referencialidades necesarias, é o novo deus. Operamos nas respostas, mesmo nas máis novidosas, a miúdo presos dos valores e da cultura política que herdamos e dicimos querer mudar. É o prezo que toca pagar nun momento en que o novo non termina de emerxer e o vello teima en non desaparecer. Mentres todo isto ocorre, Roma arde.
Neste contexto, ás forzas políticas soamente lles queda decidir se intentan facer parte do proceso de resposta que está en marcha, con todas as súas contradicións e os seus riscos, ou ben se insisten en fórmulas partidarias tradicionais que están cuestionadas como ferramentas transformadoras por mor da crise de representación.
Historicamente, o nacionalismo galego organizado desde finais dos anos 80 ata o remate da década pasada optou maioritariamente por darlle preponderancia á acumulación de forzas no eixe identitario; no seu discurso, subordinou a este o eixe esquerda–dereita, que se daba por sobreentendido. O galeguismo e o nacionalismo contemporáneo sempre tivo raíz popular e baseou a súa praxe en posicións progresistas, que, nalgúns casos, foron, historicamente e sen matices, de esquerda. O BNG, onde algúns militamos durante moitos anos, foi o campo de experimentación máis exitoso acollido a esta fórmula, apostou pola procura dunha hexemonía na reivindicación da cuestión nacional máis alá doutros asuntos. Nesa casa chegaron a coincidir durante a década dos 90 un abano de sensibilidades organizadas que abranguían desde posicións socioliberais a posicións que se dicían de comunismo patriótico.
A ruptura do BNG a principios do ano 2012, coa marcha de dúas das súas tres sensibilidades organizadas partidariamente naquela altura (Encontro Irmandiño, cun perfil altermundialista, e Máis Galiza, cun perfil de corte socialdemócrata), coincide co epicentro dunha sintomatoloxía que se desenvolve canda o estourido da crise e se substancia nunha maioría social orfa de referentes políticos. Unha maioría social que esixe novas formas de participación e empeza a elaborar unha emenda á totalidade, á marxe das estruturas clásicas, contra a grande estafa. Ese proceso colectivo consciente exprésase por primeira vez no 15M.
Nese contexto, desenvólvese o nacemento de Anova-Irmandade Nacionalista nun proceso asembleario de base territorial que conflúe en Asemblea Constituínte no verán de 2012. Persoas sen militancia política previa, sensibilidades sindicais coma a FOG, activistas sociais e partidos políticos que foran saíndo gradualmente do BNG desde finais dos anos 80 (Encontro Irmandiño, FPG, Movemento pola Base) configuramos unha ferramenta política ou partido movemento de novo cuño co mandado de comezar unha navegación por mar aberto. Á fronte da nave, a gran carga simbólica do liderado de Xosé Manuel Beiras, cunha función decisiva naquel exitoso BNG dos 90 que convertera en segunda forza do Parlamento de Galicia.
O 25 de xullo de 2012, Día da Patria Galega, nun acto político celebrado en Compostela, Beiras fai estourar a lectura do nacionalismo galego das últimas catro décadas cunha lúcida análise da situación social que se estaba a percibir. Alí explicita por primeira vez a necesaria acumulación de forzas no campo da esquerda galega e pon soamente unha condición: que se asuma o dereito de autodeterminación de Galiza. Esa proposta, que nacía da emerxencia social do momento, abriu a porta á colaboración con formacións políticas de tradición federal e propiciou a coalición que se deu en chamar Alternativa Galega de Esquerda (AGE). A alianza de Anova, Esquerda Unida, Equo e Espazo Ecosocialista obtivo, con un mes de vida, un fulgurante éxito a finais de 2012 nas eleccións autonómicas. Foron máis de 200.000 votos que a converteron na terceira forza parlamentaria.
Non é secundaria na xénese da proposta de Xosé Manuel a súa experiencia e a súa formación. Beiras é, sen dúbida, un dos poucos referentes políticos do nacionalismo contemporáneo que nunca cortou o seu cordón umbilical co galeguismo histórico. Por razóns afectivas (seu pai foi un galeguista sobranceiro), intelectuais e políticas. Temos que retroceder á década dos anos 30 do século XX para comprendermos a análise actual de Beiras e as semellanzas dos momentos históricos. Naquela altura, o Partido Galeguista de Castelao e Bóveda tamén deu este debate e sufriu custos políticos. O PG entrou na Fronte Popular que gañou as eleccións de 1936. En ambos os casos, unha condición: o respecto aos dereitos nacionais de Galiza. En ambos os casos, un único resultado: poñer a reivindicación identitaria no eixo de rotación dunha esquerda obrigada a acumular forzas ao redor dun poder popular. A soberanía como demanda transversal. Queremos decidir, pero queremos decidilo todo.
Estes dous anos foron de todo menos tranquilos para a vida de Anova, que pechou o seu proceso constituínte o pasado 11 e 12 de outubro na súa II Asemblea Nacional. Durante este tempo, Anova compartiu éxitos electorais e centralidade de discurso tanto en Galiza coma no estado cun intenso debate interno que lle deixou feridas e mais cun acoso externo que chegou a conciliar posicións antagónicas mediáticas e tamén partidarias, coma as do BNG e o PP. Desde o éxito electoral de AGE en 2012, en Anova consolidáronse, con moitos matices, dúas sensibilidades que ocasionaron un debate nunca menor. Unha lectura máis de corte tradicional do nacionalismo contemporáneo galego, que demandaba unha modificación do camiño iniciado para volver ao porto de partida, e outra interpretación, ratificada durante todo este ano pola militancia de Anova tanto na reedición de AGE para as eleccións europeas coma na II Asemblea, que considera que o camiño iniciado é irreversible e que lle queda, en calquera caso, un longo treito por percorrer. Son moitos os retos situados no horizonte, e son maioría as urxencias para dar resposta. Non abonda con xerar novos espazos mestizos de representación partidaria. O reto, actualmente, está en buscar unha fórmula para cohabitarmos a cidadanía non organizada partidariamente, que decide participar do proceso político e nas institucións, e mais as formacións partidarias que entenden necesaria esa acumulación de forzas para mudar a natureza das cousas. Un programa de mínimos e un método de participación aberto deben pintar o campo de xogo. No horizonte, as municipais son a oportunidade. Anova decidiu na súa II Asemblea participar no impulso das candidaturas populares que están a emerxer en Galiza e teñen, na maior parte dos casos, un nome en común, diferentes maternidades e distintos apelidos: Marea Atlántica, Marea de Vigo, Marea Ártabra, Marea de Pontevedra, Ourense en Común, Compostela Aberta. Facémolo coa vocación de achegar e acompañar, arredados de calquera tentación de tutela. Facémolo distanciados dos intereses partidarios clásicos. Antepoñemos a resposta da cidadanía consciente aos miserables réditos electorais de parte. Facémolo porque queremos mollar os pés dos culpables con milleiros de mareas e poñer estes espazos públicos a nome das agredidas.
Non temos nada, pero podemos telo todo. Anova é unha organización que decidiu ser coherente co reto marcado hai dous anos. Unha organización cun discurso identificado, sen débeda bancaria, cun claro relevo xeracional, que aposta con todas as súas contradicións por explotar a nova cultura política e por participar na acumulación de forzas que faga fronte á besta. Nun proceso que non espera por ninguén, no que Galiza como nación corre o perigo de quedar excluída. Se nosoutros non somos capaces de o facer, outras o farán.
Artigo orixinalmente publicado na revista Sin Permiso