A Coordinadora Nacional de Anova-IN aproba o calendario para a súa II Asemblea Nacional

Por Anova IN o 20 de Xuño de 2014 en Comunicados

O plenario terá lugar os días 11 e 12 de outubro nun lugar aínda por determinar. A Coordinadora Nacional de Anova reuniuse en Teo hoxe 14 de xuño para, entre outras cousas, definir o calendario da súa segunda Asemblea Nacional, cuxo plenario terá lugar os días 11 e 12 de outubro.

O lugar de celebración deste plenario definirase nunha nova xuntanza, desta vez extraordinaria, o vindeiro 12 de xullo.

A Asemblea amorea todo un proceso radicalmente participativo que abranguerá todo o verán. Na mesma xuntanza acordouse tamén traballar para unir forzas políticas, sociais e sindicais pola defensa do dereito a decidir o Día da Patria Galega, 25 de xullo, tratando de afondar deste xeito na procura dunha fronte ampla cara a creba democrática en Galiza e no Estado.

Asemade, a Coordinadora Nacional aprobou por ampla maioría o Informe de Campaña das eleccións Europeas presentado pola Comisión Permanente, que ao tempo dou conta tamén de diversas xuntanzas e contactos con outras forzas políticas e sociais para tratar do actual contexto social e político.

Por último, a Coordinadora Nacional aprobou substituír como responsábel de Organización a Iolanda Pérez Docampo despois da súa dimisión. Esther Duro, que até hoxe tiña a responsabilidade de finanzas, será quen asuma o dito cargo, namentres que Iria Otero asumirá a responsabilidade de finanzas a maiores da de acción feminista, da que xa se encargaba.

Teo, 14 de xuño de 2014