Anova apostará, alá onde os seus ou as súas militantes obteñan representación nas corporacións municipais, por devolver o poder democrático aos veciños e veciñas e continuar no camiño da necesaria creba do réxime.
Anova rematou onte día 20, prazo máximo de presentación de candidaturas ás eleccións municipais do 24 de maio, cun traballo estratéxico destinado a facilitar e colaborar coa súa militancia na elaboración de candidaturas de unidade popular e frontes amplas, respectando sempre as especificidades locais e a soberanía das súas asembleas nos seus ámbitos locais, de acordo cos seus estatutos.
Froito deste traballo, a militancia de Anova pulou pola creación de mareas onde houbo capacidade, e no seu detrimento polas frontes amplas. Só onde non se deron as condicións para isto e onde as asembleas locais da formación o decidiron Anova concurrirá soa a estas eleccións.
Asemade, Anova participou na creación da coalición SON, que concorre a estas eleccións con 42 candidaturas de diferente tipo, dende mareas a partidarias. Trátase dunha coalición meramente instrumental, sen carácter político máis aló duns principios mínimos de esquerda, destinada fundamentalmente a dar cobertura a candidaturas que carecían de entidade xurídica propia para se presentaren e a xestionar os resultados electorais. A dita coalición extinguirase posteriormente como tal.
As cifras
En total a xente de Anova participou con éxito na elaboración de 70 candidaturas para estas municipais, existindo militantes propios da formación en 50 listas electorais de diferentes localidades. As ditas candidaturas abranguen máis do 60% da poboación galega. Alén disto, e de que a militancia de Anova participe ou non nelas, a formación política no seu conxunto quere parabenizar á sociedade galega por ter conseguido crear máis de 70 candidaturas de unidade popular e veciñais no país, o que demostra que lonxe de termos unha cidadanía morta, esta vai tomando conciencia de que debe dar o paso para recuperar o poder institucional e social.
Do total das anteditas candidaturas só 8 delas (Arteixo, Bergondo, Cedeira, Manzaneda, Ourense, Toén, Val do Dubra e Teo) están integradas na súa totalidade por militantes de Anova e, por tanto, concurrirán con esa marca ás eleccións, se ben levarán tamén na meirande parte de casos o apelido Son (Son de Teo-Anova, Son de Val do Dubra-Anova, Son de Bergondo-Anova…).
Asemade, hai casos nos que a militancia de Anova concorre en coalicións locais e en agrupacións de electores.
Asemade, cómpre lembrar que Anova-In non participa organicamente na conformación de candidaturas de unidade popular, antes ben, é a súa militancia a que achega esforzos a nivel individual.
Máis info: Programa marco de Anova-IN. Municipais 2015
Algunhas das candidaturas con presenza de militantes de Anova
- Arteixo> SON de Arteixo-ANOVA
- Bergondo> SON de Bergondo-ANOVA
- Cedeira> ANOVA Cedeira
- Manzaneda> SON de Manzaneda-ANOVA
- Ourense> ANOVA Ourense
- Toén> SON de Toén-ANOVA
- Val do Dubra> SON de Val do Dubra-ANOVA
- Teo> SON de Teo-ANOVA
- Betanzos> Betanzos Novo-SON
- Boiro> Boiro Novo-SON
- Cambre> Asemblea Cidadá de Cambre-SON
- Carral> Asemblea Cidadá de Carral-SON
- Marín> Marea Veciñal de Marín-SON
- Mos> GañaMos Asemblea Veciñal-SON
- Rianxo> Rianxo en Común-SON
- Vigo> Marea de Vigo-SON
- Beariz> Alternativa para Beariz-SON
- Boborás> Xuntos por Boborás-SON
- Cangas> Alternativa Canguesa de Esquerda-SON
- Ferrol> Ferrol en común-SON
- Malpica de Bergantiños> SON d’Aquí
- Nigrán> Nigrán Decide-SON
- O Carballiño> Alternativa Veciñal do Carballiño-SON
- O Irixo> Fai o Irixo-SON
- Abegondo> SON de Abegondo
- Ares> SON de Ares
- Carballo> SON de Carballo
- Oroso> SON de Oroso
- O Pereiro de Aguiar> SON de Pereiro de Aguiar
- A Pobra de Trives> SON de Trives
- Redondela> SON de Redondela
- Verín> SON de Verín
- Tui> SON de Tui
- Bueu> SON de Bueu
- Ponteceso> SON de Ponteceso
- Lugo (coalición)> Lugo Novo
- As Pontes (coalición)> Xunt@s Polas Pontes
- A Coruña> Marea Atlántica
- Boqueixón (AL)> Veciñ@s de Boqueixón
- Dodro (AL)> Unidade Veciñal de Dodro
- Santiago de Compostela> Compostela Aberta
- A Estrada> Móvete
- Lalín (AL)> Plataforma Aberta Cidadá
- Pontevedra> Marea de Pontevedra
- Gondomar> Gondomar Concello Aberto
- Folgoso do Courel> C@urel Vivo
- Sada> Sada Maioría