Resolución aprobada pola Coordinadora Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista logo das eleccións municipais do 24 de maio de 2015
II AN de Anova. Extracto da tese política. Outubro de 2014
As eleccións municipais do pasado 24 de maio constataron que o ciclo político que comezou coa II Restauración Borbónica está nos seus últimos días. A rebelión cívica como motor da emancipación dos individuos, das clases e dos pobos esmagados, demostrada coa proxección da cidadanía exercente cara ás institucións políticas, pode constituír un primeiro chanzo para acadar o obxectivo da creba democrática e a construción colectiva dunha nova orde social que, para Anova, debería ter tres elementos centrais: dereito a decidir, democracia radical e novo modelo económico e social.
Ao noso xeito de ver, os anteditos comicios corroboran que as teses defendidas na constitución de Anova e no posterior chamamento á fronte ampla realizado por Xosé Manuel Beiras o 25 de xullo de 2012, coinciden co camiño común a seguir para enfíar tamén un novo proceso constituínte, cerne do proxecto estratéxico de Anova. Que milleiros de novos actores, con e sen afiliación partidaria, configurasen un novo suxeito, novos faceres, novos protagonismos, novas alianzas e novas ilusións é, xa que logo, enormemente satisfactorio. Así, este ciclo histórico que estamos a vivir é, ao noso xuízo, o remate dunha época e o agromar dunha nova na que o protagonismo debe ser dos pobos e da cidadanía, uns pobos e unha cidadanía dispostos a rematar coa soberanía e a democracia de cartón que hoxe rexe nas diferentes institucións políticas.
Neste contexto, os resultados concretos dos comicios do 24M toman máis importancia dende un ollar cualitativo que cuantitativo. Moi significativo é que as tres maiorías absolutas que ostentaba o PP nas cidades galegas fosen contundentemente contestadas polas mareas que, asemade, tamén adquiren relevancia noutras cidades, vilas e pobos, sendo nalgunhas chave de goberno. Que estruturas plurais saídas destes procesos tiveran excepcionais resultados en cidades como A Coruña e na propia capital do país é toda unha revolución dentro dun panorama político que levaba tres décadas estancado. E é, tamén, unha derrota sen precedentes do malgoberno de Núñez Feijoó.
Anova considera que se os procesos de unidade popular, co evidente e irrenunciábel protagonismo da cidadanía exercente, continúan, podemos estar, como pobo, en disposición de concorrer ás vindeiras eleccións ás Cortes para cambialo todo, por canto é nese campo de acción onde se pode dar unha mudanza a fondo do estreito marco legal. Do contrario, moitos dos esforzos realizados a nivel municipal terán demasiado efectos moi limitados na vida das persoas, pois as leis estatais esganan estas institucións converténdoas en meras consignas ou oficinas de xestión.
Así mesmo, compre salientar o papel político xogado pola sociedade galega en todo o xa longo proceso de desafío ao réxime do 78. Antes ca ninguén, este país xa ensaiou a confluencia e as novas formas de entender a política partidaria, demostrando así que somos un pobo lúcido, audaz e na vangarda política do estado español; este perfil propio é un capital político ao que, baixo ningún concepto, imos renunciar nas vindeiras eleccións xerais.
A unidade popular, a rebelión cívica, a creba democrática e a apertura dun novo proceso constituínte de múltiples dimensións, no que a nosa nación poida decidir, resumen, efectivamente, o proxecto estratéxico polo que pula Anova, mais sempre baixo o prisma de que o motor principal está na cidadanía e que as organizacións políticas deben actuar como motores auxiliares. Corresponde pois a esta cidadanía definir se os procesos continúan e se cómpre artellarse en clave galega cara a obxectivos comúns. Ese é o noso desexo e iso defenderemos de xeito transparente como organización política participante coa súa militancia nestes procesos, pero non é Anova-IN quen ten que marcar nin os tempos nin os roteiros. É a cidadanía consciente no seo da sociedade civil.
É por isto que, dende Anova-IN, non facemos lecturas de parte, porque non terían sentido, pois decidimos cooperar e contribuír na medida das nosas posibilidades coa nosa bagaxe militante, as nosas posicións ideolóxicas e políticas, as capacidades analíticas e propositivas do noso cerebro colectivo e, sobre todo, coa participación en pé de igualdade canda outros suxeitos na configuración dunha alternativa real a todo o que representa o bipartidismo e o réxime do 78.
Dito isto, Anova exhorta á cidadanía activa a que abra un proceso de interlocución entre todos e todas para catapultar toda esa forza expresada nas municipais no combate nunhas eleccións ás Cortes que abran un novo proceso constituínte.
Xa para rematar, alén de parabenizar dende Anova a todas as opcións de unidade popular que obtiveron representación nas corporacións municipais, é importante que sexamos conscientes de que a tarefa urxente agora é deixalas traballar sen interferencias para que poidan pór os concellos ao servizo dos veciños e veciñas do país. Os novos gobernos teñen unha gran responsabilidade na que virtudes como a cooperación, a humildade, a xenerosidade, a dedicación e a primacía do ben común serán fundamentais. Sen iso por diante, nada terá sentido.
Seguimos camiñando. Dende abaixo e á esquerda sempre.
Teo, 30 de maio de 2015