Anova-IN e Podemos inician un diálogo político para procurar fórmulas de cooperación

Por Anova IN o 29 de Xullo de 2015 en Comunicados

Trala última Conferencia Política Nacional, Anova-Irmandade Nacionalista encetou encontros e diálogo con organizacións políticas coas que entendemos que é posíbel encontrar fórmulas comúns de participación en procesos de unidade popular e en alianzas para as próximas eleccións xerais.

Neste contexto, iniciamos tamén con Podemos Galicia conversas que teñen como obxectivo explorar coincidencias e puntos de encontro primeiramente desde o punto de vista político, independentemente da fórmula de concorrencia electoral que finalmente se dea.

Así, logo dun primeiro contacto, comprobamos importantes coincidencias con Podemos Galicia nos seguintes aspectos:

  1. Anova e Podemos entendemos Galiza como Nación e o Pobo Galego como suxeito de soberanía.
  2. Ambas as dúas organizacións coincidimos en que a participación nunhas eleccións ás cortes españolas debe dar lugar a un espazo parlamentario propio que teña a Galiza como o seu espazo de representación.
  3. Concibimos as nosas organizacións como instrumentos da cidadanía do común, non como fins en si mesmas. As organizacións son simples ferramentas a disposición do pobo para poñer en valor a conquista das arelas de cambio que se evidencian nestes tempos. Nese proceso se insire a necesidade dunha creba democrática que permita novas formas de exercer acción de goberno baseadas en favorecer mecanismos de participación popular e de devolución das institucións á cidadanía. As institucións deben servir para reverter as políticas de agresión contra a maioría social e para defender os seus dereitos, conquistas e necesidades.
  4. Concordamos na realidade plurinacional do Estado español e entendemos que o réxime do 78 está esgotado. Un novo marco institucional para o Estado español non é posible se non é mediante un proceso de procesos constituíntes que garanta o respecto das vontades soberanas dos suxeitos políticos das diversas nacións.
  5. Celebramos o éxito conseguido nas pasadas eleccións municipais polas candidaturas de unidade popular e cidadá. Como é ben sabido, as dúas organizacións, xunta a outras, participamos a través da nosa militancia a nivel individual en moitas desas candidaturas. Comprometémonos, pois, a contribuír con todo o noso esforzo a facilitar o traballo nos espazos de poder cidadá e os grupos municipais independentemente do resultado dos procesos de diálogo para conformación de candidaturas ás eleccións xerais.

O proceso de diálogo entre Anova e Podemos continuará aberto co obxectivo de encontrarmos as fórmulas de cooperación para a unidade popular neste intre histórico que estamos a vivir.

Galiza, 29 de xullo de 2015