Declaración da Portavocía Nacional de Anova-IN

Por Anova IN o 31 de Agosto de 2015 en Comunicados

Perante o panorama do estadio no que se atopan arestora en Galiza os variados procesos de análises e diálogos en curso por parte dos diversos actores cívicos e políticos, no horizonte das vindeiras eleicións lexislativas ás Cortes do Estado español, a Portavocía nacional de Anova-IN quere manifestar públicamente o que a seguida se expón:

1. Diagnose sucinta

A índole dos vindeiros comicios lexislativos estatais non é a dunhas eleicións ordinarias ás Cortes españolas, nas que se tratar simplesmente de reconfigurar a composición das dúas cámaras, Congreso e Senado, para unha nova lexislatura. O evidente esgotamento e descomposición do actual rexime e máis das suas institucións políticas cardinais, acelerado e agravado nos últimos anos polo proceso deconstituinte acometido, lexítimamente dende abaixo, pola rebelión cívica en curso e; espuriamente, dende arriba, pola actuación dos dous partidos dinásticos desta IIª Restauración borbónica nas cámaras lexislativas, que leva derogado de facto os postulados, normas cardinais e cláusulas garantistas do ‘Estado democrático e social de dereito’ e máis da ‘economía social de mercado’ declarados na Constitución de 1978; obriga ás diversas forzas e organizacións cívicas, sociais e políticas, leais á cidadanía do común integrante da maioría social, a encararmos esas eleicións como a ocasión histórica ineludíbel para recuperarmos a democracia, en combate frontal contra os poderes económicos e políticos que están a nos impoñeren un rexime oligárquico disfrazado de constitucional, e unhas correlativas políticas agresivamente antidemocráticas, exercidas por governos e maiorías parlamentares que actúan contra os dereitos, intereses e necesidades esenciais do común cidadán.

O noso reto consiste, portanto, en darmos remate ao apodrecido rexime actual, mediante o protagonismo da cidadanía activa nun proceso sociopolítico de creba ou ruptura democrática que abra paso a un proceso constituínte ex novo en dous níveis combinados, tanto o de cada un dos povos que compoñen a realidade plurinacional do ámbito do Estado, para exerceren o seu dereito de autodeterminación mediante a libre decisión, canto o do conxunto do Estado e das suas institucións xurídico-políticas.

Cónstanos que, perante este panorama, as forzas e partidos dinásticos do rexime andan á percura dun acordo que lles permita furtar á cidadanía esta ocasión de remuda constitucional e apertura dun novo ciclo histórico-político, para amañaren un novo pacto de transición, análogo ao consumado ao remate do franquismo, cun lavado e recebado da fachada das actuais institucións e reformas constitucionais e eleitorais que legalicen e até constitucionalicen contra-reformas antidemocráticas, xa consumadas por iles mesmos, e demáis que sexan necesarias para o imperio dos poderes oligárquicos, tanto no interior do Estado coma no ámbito da UE.

Entramentras, os diversos actores cívicos e políticos que tentamos concluír acordos a prol da rexeneración democrática da sociedade, os dereitos dos povos e os cidadáns, e a remuda do rexime actual, andamos a comezar a construción da nosa casa común polo tellado, é dicir, polas fórmulas para elaborar candidaturas alternativas, no canto de definirmos conxuntamente os eixos vertebrais dunha estratexia de unidade popular acaída para conquerirmos a creba democrática e abrirmos o subseguinte proceso constituínte: un obxectivo estratéxico que galvanice á cidadanía, sexan cais sexan as probabilidades que neste intre inicial do proceso calculemos que poida ter logrármolo xa nos vindeiros comicios, mais que mesmamente van depender, chegadas as eleicións, da estratexia que teñamos acordado e praticado.

2. Galiza como suxeito político de seu

O primeiro postulado congruente coa exposta diagnose, consiste en que Galiza, en canto o povo e nación que é, debe participar como suxeito politico de seu no combate pola ruptura democrática e novo proceso constituínte que se vai librar nas vindeiras eleicións ás Cortes. O que implica que o obxectivo non pode limitarse a conquerirmos un ‘grupo parlamentar galego’. Resulta evidente: se negamos a validez das actuais institucións estatais para elaboraren políticas ao servizo do común cidadán, unha ‘minoria parlamentar galega’ nesas Cortes pouco máis podería facer que protestar: non podería lograr decisións polìticas favorábeis a Galiza nesas cámaras. Se compre, como compre, erradicarmos as políticas ultraliberais que agreden ao común cidadán galego, será necesario que o povo galego poda decidir libremente qué políticas lle conveñen, o que implica exercizo da sua soberanía, e no seu caso, a nivel do Estado, será preciso que ese estado deixe de ser un ‘protectorado da UE’, e portanto que faga fronte ao poder antidemocrático do ‘eurogrupo’ e a ‘troika’ -obxectivos que só poderán acadarse cunha remuda institucional a fondo, ou sexa, un novo marco constitucional no que a nación galega sexa suxeito soberano efectivo.

Portanto, o proceso eleitoral debe ser un motor e ferramenta para a construción do suxeito político galego -o que siñifica que ese proceso de construción non remata nas eleicións, senón que deberá culminar no subseguinte proceso constituínte a nivel galego e, no seu caso, estatal.

3. As pezas a artellar para a construción do suxeito político galego e a sua tradución en alternativa eleitoral

Son estas tres:

  1. As formas emerxentes de participación directa da cidadanía activa na confrontación política. Xurdiron no proceso cara as eleicións municipais, e configuránronse en ‘mareas’ e outros formatos de ‘candidaturas de unidade popular’ -até unha cifra dunhas setenta. Foron unha nova expresión da cultura cívico-política da esquerda social e dos valores republicanos: foron o auténtico motor do cambio cualitativo que se operou con ocasión das eleicións municipais no proceso de ‘rebelión cívica’, non protagonizado polìticamente polos partidos, inda que sen prescindiren dos aportes de aquiles que integraron á sua militancia neses procesos.
  2. O tecido asociativo da cidadanía na sociedade civil. Foi o protagonista na histórica loita de NUNCA MÁIS fronte á catástrofe do Prestige en 2002-2003. Compre que esa rede se reactive, artellando as diversas plataformas e organizacións de loita social, sindical e demáis, a xeito dunha fronte popular non partidaria.
  3. As forzas e partidos políticos da esquerda rupturista presentes e actuantes na Galiza, tanto as confesionalmente nacionalistas como as que asuman e defendan a identidade nacional do povo galego e o seu dereito a ser un suxeito político, ou sexa, a exercer a sua soberanía, tanto nacional coma popular. Son os motores auxiliares do principal, encarnado polas formas emerxentes xa referidas. Mais non por iso menos indispensábeis para o artellamento e posta en marcha do suxeito polìtico galego: para ese cometido necesario, compre inserírense e integrárense no proceso nacional de unidade popular.

4. A unidade popular

Xa está en curso. Xestouse, fraguou e trunfou no proceso das municipais. Non é preciso inventármola nen construírmola agora a partir de cero. O que compre é afortalármola, ampliármola e redimensionármola, a partir da realidade xa existente. Calquer nova iniciativa orientada a promover esa caste de movemento será positiva só a condición de asumir esa realidade preexistente e ter vocación de contribuir á sua referida ampliación, extensión e redimensionamento, o que require a sua interlocución e artellamento coas xa existentes mareas e candidaturas municipais de unidade popular, tanto as que agora governan nos concellos coma as que teñen niles presenza como oposición. Calquer outra liña de actuación só contribuiría á configuración de ‘taifas’ -algo que históricamente, por certo, nunca existira na Galiza.

Con todo, as mareas e candidaturas municipais de unidade popular, que no proceso das municipais lograron convirtir a enerxía cidadán potencial en acto, compre que agora fagan outro tanto na nova dimensión do combate político. Os partidos debemos contribuir, coordenadamente, a esa activación artellada a nivel nacional galego, mais non podemos, ou cando menos non deberiamos ter que ser, os propulsores desa nova andaina: equivalería a nos convirtir no motor principal, cousa que resultaría incongruente e contraditoria coa propria etioloxía das ‘mareas’, que mesmamente naceron dende fóra dos partidos e para supliren as suas deficiencias ou eivas como ferramentas de representación dos intereses dos cidadáns.

Por outra banda, as mareas, nomeadamente as que son governo nos seus concellos, deben ser moi conscientes de que nas eleicións ás Cortes xóganse o seu futuro: de non trunfar unha ruptura, ou cando menos unha mudanza de fondo que veña restaurar a autonomía municipal roubada pola contra-reforma que convirtiu aos concellos en simples unidades de xestión maniatadas e esganadas polo poder central, as mareas acharíanse indefensas e sometidas a despiadado asedio por ese poder. E pior aínda se prosperase a demolición do actual título VIII que están a cociñar os partidos dinásticos, e que pretendería reducir as CA a meros entes administrativos e inclusive faría desaparecer da constitución a mención dos concellos como suxeitos de autonomía. Xa que logo, as mareas municipais teñen a necesidade de se activaren e artellaren como marea galega cara as eleicións ás Cortes, alén mesmo dos posíbeis desencontros entre partidos que teñen militancia propria integrada nelas: non poden ficar a expensas de que, hipotéticamente, o necesario acordo de tódolos partidos a prol da construción dunha alternativa eleitoral representativa do suxeito polìtico galego non chegase a coallar. Pola contra: compre que as mareas actúen como axentes de presión cara ese necesario acordo. E para ese obxectivo contan coa modesta, mais decidida e incondicional contribución que poda aportar Anova-IN, como xa fixo durante o proceso cara as municipais.

5. Os partidos e forzas políticas

Tódolos que din asumir e defender o dereito á libre decisión dos povos-nacións do ámbito do Estado deben, congruentemente, asumir a presencia e participación nas vindeiras eleicións ás Cortes do povo galego como suxeito politico de seu. E isto tanto se consideran factíbel unha creba democrática como se somentes coidan posíbel unha reforma a fondo do contra-reformado ordenamento xurídico-político actual e unha rotunda virada de rumbo das políticas actualmente agresoras da maioría social para sustituílas polas destinadas a servir ao común cidadán. Porque mesmo nesta última hipótese, un povo sometido a espolio colonial, como o galego, só pode confiar nunha mudanza política na que il mesmo sexa actor en calidade de suxeito político de seu: nada recibiu nunca o povo galego da España, e a autonomía simplesmente outorgada no seu día polo Estado español ben demostrado está arestora que non lle servíu a Galiza para emanciparse da sua condición de serva nen como ferramenta para resolver os seus sempiternamente graves problemas económicos, sociais, ambientais, culturais e lingüísticos.

Do devandito dedúcese que unha candidatura galega apendicular de calquer candidatura estatal non é compatíbel coa necesaria presencia eleitoral do suxeito polìtico galego. Outra cousa sería o seu artellamento cunha alternativa estatal para un proxecto rupturista -do mesmo xeito que non resulta excluíbel a priori a participación do povo galego como suxeito politico na construción dun edificio confederal, como xenerosamente leva formulado o nacionalismo galego dende a Asemblea Nazonalista de Lugo de 1918 até as Bases Constitucionais elaboradas polo Consello de Forzas Políticas Galegas en 1976.

Sobre eses postulados, as organizacións polìticas da esquerda rupturista galega temos a obriga de nos artellar agora coas mareas nun proceso de unidade popular, de xeito análogo a como xa o fixeramos algunhas cara as municipais. O que implica contribuirmos á emerxencia neste proceso cara as Cortes do povo galego en clave de cidadanía do común, clases populares ou maioría social hoxe agredida, espoliada e esmagada polo poder oligárquico empoleirado nas institucións do Estado español.

6. A xenerosidade e solidariedade necesarias

Sí: xenerosidade e solidariedade, é dicir, fraternidade no seu contido semántico orixinario. Por parte de todos e cada un dos actores, en todas e entre todas e cada unha das pezas eiquí deseñadas sumariamente. E nos dous eixos da necesaria ‘confluencia’: o da cuestión nacional galega e o da cuestión social e de clase. O cal require un par de pontualizacións.

A primeira consiste en que a nación galega intégrana tódolos cidadáns que somos galegos de nación -que non de nacemento. En principio, a defensa da nosa nación implica a defensa do conxunto da cidadanía galega -incluída portanto aquela que, por alienación, non saiba ou entenda que Galiza é unha nación. Dentro dese conxunto cidadán existe o espazo que constitue o nacionalismo como realidade social, integrado por tódolos que teñen consciencia de seren cidadáns da nación galega e comparten a defensa desa identidade colectiva, inda que non aposten por unha opción ideolóxico-política nacionalista. Os que sí o fan, constituen o nacionalismo políticamente actuante como tal, e son a base das forzas esplícitamente nacionalistas. A cuestión está en non reducir o espazo social potencialmente protagonista dunha alternativa representativa do suxeito politico galego ao das forzas políticas nacionalistas, malia que elas foron históricamente e son actualmente as ferramentas primordiais da construción efectiva da nación galega como suxeito polìtico. Os partidos que somos nacionalistas debemos poñer a ese espazo social por riba e por diante dos nosos intereses imediatos como organizacións, se realmente queremos construir o suxeito político e traducilo en alternativa rompedora cara as vindeiras eleicións.

A segunda é análogamente formulábel no eixo da esquerda: a esquerda socialmente existente ten que estar por riba e por diante dos formulacións e intereses específicos de cadansúa organización política de esquerda. O que implica que ningunha forza polìtica pode erixirse en representante do conxunto da esquerda social nen en protagonista da unidade popular.

Semellante exercizo de humildade e xenerosidade resulta crucial para o artellamento das esquerdas rupturistas, entre elas, e máis coa cidadanía, activada e integrada nas xa existentes mareas e candidaturas de unidade popular; se realmente queremos contribuir á construción do suxeito político galego como auténtico protagonista dunha alternativa galega para as eleiciòns ás Cortes.

7. A xeito de conclusión e exhortación

Por todo o devandito, quixera subliñar a enorme responsabilidade na que nos atopamos. Para salvagardar a nosa nación, e a mera existencia do noso povo nunhas condicións dignas, cómpre concluír pois que estamos nun doble proceso: por unha banda, de defensa fronte ao expolio que os poderes actuantes exercen nesta última fase deste ciclo caduco, tentando construiren un novo pacto sociopolítico antidemocrático e oligárquico que poida durar varias décadas; e por outra banda, de construción creativa dun proceso constituínte democrático que poña en valor os dereitos de cidadanía da maioría social.

En síntese, o povo e nación que é Galiza áchase perante unha oportunidade histórica para contribuir a dar cabo do rexime da IIª Restauración borbónica cociñado na transición postfranquista, abordando, en alianza cos demáis povos-nación do Estado, un proceso de creba ou ruptura democrática que abra un escenario constituínte combinadamente en cada un deses povos, co exercizo de cadansúa libre decisión, e máis no ámbito e as institucións políticas do actual Estado español.

Resulta por tanto obvio dicir que, para a defensa do noso povo, compre facer unha aposta clara por un suxeito político galego rupturista, congruentemente sustentado nesa maioría social, que non é outra cousa que a Unidade Popular. Ese proceso debe ser o norte ou obxectivo cardinal da participación nas vindeiras eleicións (e non só a consecución dun grupo parlamentar galego), e xa que logo debe ser encetado nelas, con independencia de que poda ser acadado xa ou nón, no desenlace desas eleicións. Por conseguinte, o povo galego ten que participar como un suxeito político de seu nese proceso eleitoral, e aproveitalo para a sua definitiva construción cara un subseguinte escenario constituine ex novo.

Desde Anova-IN, a nosa aposta de construción e consolidación dese espazo foi o motor da nosa actividade nos anteriores procesos eleitorais, así como a nosa acción política no día a día, no parlamento galego, no parlamento europeo, nos concellos, e agora seráo nas cortes españolas.

Nese proceso, fomos movendo e abrindo marcos -e non só nós, pois sabemos que nós non somos a única ferramenta útil, nin somos a plasmación homoxénea deste novo suxeito, senón simplesmente un membro del. O pasado 24M, as xa coñecidas como mareas cidadás, acadaron até o de agora o estadío máis elevado da unidade popular. Por iso elas, non só como resultado dunhas eleicións municipais, senón como cristalización dese espazo de unidade popular e ruptura, entendemos que deben ser -e nós nelas e máis o resto das organizacións políticas- o lugar a ampliar neste novo proceso no que nos atopamos. O bipartidismo tamén o sabe, e a por elas irá, se sae incólume deste proceso eleitoral.

A sociedade civil, nos diversos procesos cidadanistas, nos movementos sociais, nas asociacións de toda índole, debe exercer como lexitimadora e favorecedora de todo o que está en xogo. As organizacións políticas non podemos pensar en querer mudar por nós soas o rexime no que estamos, en defendermos con éxito o noso país, sen participarmos no espazo de ruptura a través da unidade popular, séndomos ferramentas ao servizo deste proceso, que en grao sumo, será enormemente creativo e poderá abrir unha fenda democrática dentro das cada vez máis encorsetadas e despóticas institucións que nos oprimen no interior da Unión Europea. Esa fenda democrática será, sen dúbida, o obxectivo a acadar para podermos exercer o que somos e quen somos. Calquera outra acción por parte das organizacións políticas, carecerá de sentido de responsabilidade.

Non nos enganemos: no Estado español, baixo a conformidade da coroa, os dous partidos maioritarios asumen o papel dese estado como un protectorado máis da ditadura financeira exercida pola UE a prol dos intereses da oligarquía. Quen non estea pola creba a través da democracia e de exercermos como soberanos (cidadáns e povos) neste proceso, será unha rémora: non hai reforma posíbel na ditadura á que nos someten, non hai país sen proceso constituínte que mude o pacto constitucional no estado, non hai procesos constituíntes sen exercizo libre dos suxeitos políticos desde o inicio.

Os partidos rupturistas temos a obriga de aportar a nosa decisiva contribución mediante un acordo entre todos os que suscribamos o obxectivo estratéxico da construción do suxeito político galego e da creba democrática, e o artellamento nas e coas mareas nunha candidatura de unidade popular que represente ao suxeito político galego, tanto nas eleicións ás Cortes coma no proceso rupturista e constituínte ex novo, garantindo o protagonismo da cidadanía activa, afortalado coa reactivación do tecido asociativo da sociedade civil a nivel nacional gaego.

Cidadanía, mareas, organizacións políticas: exhortámosvos a artellar a unidade popular desde o espazo de ruptura para encetarmos o proceso constituínte, a exercer como actores comprometidos para que o povo poida actuar en liberdade como verdadeiro soberano. É tempo de rachar con xa demasiadas décadas de “trágala” por unha errada transición que non deu rematado co vello e escuro. Sexamos pois ‘bós e xenerosos’.

Compostela, 29 de agosto do 2015.

Xosé Manuel Beiras
Portavoz nacional de ANOVA-IN