«Rajoy é un presidente indecente, colaborador necesario da trama corrupta do Partido Popular»

Por Anova IN o 26 de Xullo de 2017 en Actualidade

Mariano Rajoy acudiu á Audiencia como testemuña e saíu acreditado como cómplice e colaborador necesario da corrupción da Gürtel. Deixou un testemuño de cinismo e hipocrisía. Un testemuño de desprezo á verdade e aos cidadáns e cidadás. Na Audiencia, o presidente do Partido Popular calou a verdade.

Mariano Rajoy, que medrou politicamente no aparato, primeiro, de Alianza Popular e, despois, do Partido Popular, di descoñecer como funcionaba o financiamento, a contabilidade e a contratación de provedores por parte do Partido Popular. Mariano Rajoy quixo presentarse como un político que non se mancha as mans e non fai preguntas incómodas aos seus colaboradores. Sabemos ben que son outros os que se manchan as mans por el e que Mariano Rajoy non fai preguntas simplemente porque xa sabe as respostas.

Mariano Rajoy, presidente do Partido Popular e do Goberno, insistiu que as súas responsabilidades son políticas e non de contabilidade. O financiamento irregular do PP, é unha responsabilidade política e é a súa responsabilidade. A contratación dunha trama corrupta como provedor principal do seu partido é unha responsabilidade política, e é responsabilidade súa. Mariano Rajoy é responsable político do financiamento irregular do seu partido e do mantemento de numerosas tramas de corrupción que vinculan intereses políticos e económicos co Partido Popular e os seus dirixentes. A Gürtel é unha de moitas.

A ignorancia deliberada de Mariano Rajoy ratifica súas responsabilidade políticas. «Non saber e non querer saber» é un recoñecemento explícito da súa complicidade coa política da corrupción. Deféndese o Partido Popular dicindo que Mariano Rajoy non trouxo a corrupción. Efectivamente, foi a corrupción política a que fixo de Mariano Rajoy o presidente do Partido Popular.

A corrupción económica e política engraxa o mecanismo partidario e a patrimonialización das institucións nas que se fundamenta o dominio da dereita no Estado Español. A corrupción é sistémica e cosubtancial ao réxime do bipartidismo dinástico. Mariano Rajoy é un presidente indecente, sen ningunha credibilidade e crédito democrático, responsable principal do Goberno dos sumidoiros do Estado e do partido máis corrompido da Unión Europea que sobrevive politicamente grazas á impunidade que lle garanten poderes económicos e mediáticos para evitar o derrube do réxime da Segunda Restauración Borbónica. Só un novo 15-M de dignidade democrática e rebelión cívica pode poñer fin ao goberno dos corruptos e ao réxime da impunidade.