Fernán Vello urxe ao Ministerio a correxir o BOE e baixar a nota media para acceder a bolsas universitarias

Por Anova IN o 27 de Xullo de 2017 en Sen categorizar

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que urxe ao Ministro de Educación a correxir de imediato ao BOE do pasado sábado 22 de xullo e baixar a nota medida para acceder a bolsas de axuda á matrícula universitaria, restablecéndoa á situación anterior. Explica a Fernán Vello que o Ministerio publicou o pasado sábado no apartado de Disposicións Xerais do BOE o Real Decreto 726/2017, de 21 de xullo, polo que se estabelecen os umbrais de renda e patrimonio familiar e as contías de bolsas e axudas ao estudo para o vindeiro curso. No BOE súbese a nota media do 5,5 ao 6,5. “É dicer, o Goberno aproveita para endurecer aínda máis os criterios para que os estudantes se beneficien dunha beca universitaria, dificultando dese xeito o acceso universal á educación pública”.

O deputado de En Marea apremia ao Ministerio a facer as modificacións pertinentes e publicar no BOE unha corrección porque “por mais que diga non é preciso realizar unha modificación, a cuestión é que o BOE di o que di, e provocou unha grande alarma na comunidade educativa. Ademáis, é habitual que o Goberno asegure na súa retórica discursiva unha cousa e logo faga outra. Se a intención do Ministerio é que permaneza na nota do 5,5 como até o de agora, pois aclare a lexislación a fin de evitar ambigüedades”.

Lembra Fernán Vello que o anterior Ministerio de Educación, “nada célebre por certo, o Señor Wert, xa practicou un tesourazo importante na materia de becas e axudas ao estudo, modificou os criterios para acceder ás bolsas, ademáis de pagar con moito retraso as contías das axudas”.?“O ensino público non é o prato forte do PP”

O parlamentar de En Marea afirma que “somos conscientes de que o ensino público e de calidade non é o prato forte do PP, empeñado en instaurar unha educación elitista e privatizada. Mais, as becas e axudas ao estudo son un elemento esencial en momentos de crise económica para facilitar que aqueles estudantes con menos recursos poidan estudar. Para garantir a igualdade na educación”.?Desde En Marea, salienta, consideramos que o Ministerio debe correxir canto antes este aspecto puntual da nota, pero tamén replantexarse a política en materia de bolsas, aumentar os recursos destinados a este capítulo e flexibilizar os criterios para garantir o acceso universal á educación”.