Anova apoia o referendo do 1-O e a República Catalá

Por Anova IN o 5 de Setembro de 2017 en Sen categorizar

Pase o que pase o 1 de outubro en Cataluña, o réxime da Restauración Borbónica está morto. E tamén a súa fórmula autonómica. Todo o que vemos e lemos arredor de Cataluña certifica a descomposición definitiva dun réxime construído desde arriba, mediante pacto de elites, que se sabe ameazado por un proceso cuxo corazón latexa na sociedade civil. A reacción do réxime á determinación democrática e republicana da sociedade catalá consiste nun espectáculo lamentable que atenta mesmo contra a intelixencia das persoas cando chega a confundir o exercicio democrático do dereito a decidir co golpismo e coa violencia. Non é tal. É unha determinación democrática e republicana da sociedade catalá que transcende e desborda as organizacións políticas e lles impón un roteiro de superación do marco actual.

O Estado español negouse a negociar coas institucións catalás a realización do referendo. Pero iso non deslexitima o acto democrático. Ao contrario. Outórgalle un carácter de ruptura aínda maior. A vontade popular configurou un Parlament de Catalunya con maioría absoluta de deputadas e deputados que se presentaron con programas independentistas. A sociedade catalá esixe ser escoitada, e non parece disposta a aceptar que se volva burlar a súa vontade, como ocorreu co último intento de reforma estatutaria. O goberno de Mariano Rajoy responde como sabe: coerción contra democracia. Non nos enganemos; o réxime só poderá sobrevivir mediante unha saída totalitaria. Tamén se trata de impedila.

O proceso catalán é expresión de ruptura co réxime do 78. Merece o apoio de todas as persoas e forzas demócratas, republicanas, de esquerda e rupturistas. Anova, como organización galega que se referencia neses eixos -esquerda, ruptura, democracia e república-, non ten dúbida de que no conflito a súa solidariedade está co pobo catalán, coa súa condición de suxeito activo e co seu dereito a decidilo todo, mesmo de maneira unilateral se non encontra, como é o caso, posibilidade de chegar a ningún pacto co Estado.

Se a República Catalá se abre paso, non será mediante a imposición e o despotismo, senón contra elas e a través dun exercicio de democracia radical, expresión da vontade constituínte do pobo catalán.

República Galega, 5 de setembro de 2017.