Anova denuncia un intento do Partido Popular de moción de censura encuberta no Val do Dubra

Por Anova IN o 8 de Setembro de 2017 en Sen categorizar

«O PP non asumiu os resultados, os veciños demandan que se deixe traballar»

Antonio Negreira, alcalde do Val do Dubra, e os concelleiros do goberno Óscar Blanco e Celsa Oreiro, denunciaron en rolda de prensa un novo intento de desestabilizar este goberno de cambio cando pasamos o ecuador da lexislatura. Lembremos que no primeiro ano de lexislatura o PP xa o intentou. Desta volta presentaron unha moción para retirarlle o soldo ao alcalde que se debaterá no vindeiro pleno do 22 de setembro.

Na comparecencia, informouse sobre os problemas e a situación na que se atopaba o Concello cando comezamos a gobernar. Antonio Negreira informou que “Cando en 2015 gañamos a alcaldía atopamos unha grande desorganización e abandono nos servizos administrativos e contables do Concello. Os anos do goberno do PP, e especialmente os de Ramón Varela, non foron caracterizados precisamente por un interese especial en que a institución estivese ao servizo do conxunto da veciñanza.”

Tampouco negaron os problemas que se teñen no día a día, e que están a ser solventados co esforzo sostido polo goberno da corporación nos últimos meses. Así destacou que “en canto detectamos as demoras na contabilidade do ano 16 e problemas para realizar os pagos comezamos a traballar para solucionar a situación. Nós, obviamente, somos os primeiros interesados en que o Concello funcione de forma eficiente e, por suposto, que os pequenos empresarios cos que traballamos cobren o facturado en prazos razoables.”

Posteriormente Antonio Negreira afondou neste problema: «Atopámonos cun problema herdado. De falta de recursos humanos e de moi mala xestión do PP: unha desfeita que nós comezamos a ordenar. Pese á nosa adicación nestes dous anos, boa parte del aínda o padecemos hoxe: persoal de baixa, cantidade e expedientes sen tramitar, de seguido a baixa e a renuncia da secretaria, meses con secretario acumulado, isto xunto coa baixa da contable do Concello, a única funcionaria encargada de realizar estas xestións, e problemas derivados da actual lexislación do Partido Popular, que pon moitos problemas para poder substituír a traballadores públicos». En relación á moción que presenta o PP, Antonio Negreira afirmou que «retirándome o salario non conseguirán solucionar os problemas do Concello. Máis ben todo o contrario, queren levar ao Concello de Val do Dubra ao caos. A veciñanza merécese un goberno, e se teñen os votos que articulen unha moción de censura de verdade. O PP non asumiu os resultados, os veciños demandan que se deixe traballar. E logo dentro de dous anos o pobo xulgará. Eles están en campaña electoral permanente, e non queren que se note o cambio en ningún sitio».

Anova engloba esta medida dentro da estratexia do PP, que parte dunha privatización partidaria das institucións, na que semella que vale todo á hora de recuperar alcaldías para o PP. A máis recente é Coristanco, onde vai gobernar unha persoa que só acadou unha acta nas pasadas eleccións municipais. O Partido Popular xa está en campaña electoral. Os recursos da Xunta de Galicia xa se executando non para o interese xeral e o benestar dos galegos e galegos, se non para os intereses partidarios do Partido Popular.

Nas eleccións municipais de 2015 evidenciouse un país diferente ao da maioría absoluta de Alberto Nuñez Feijoo. É por iso a prioridade do Partido Popular é destruír aos gobernos do cambio. Dentro deste taboleiro Val do Dubra é o seu seguinte obxectivo.