Na memoria de Paco Lores

Por Anova IN o 16 de Setembro de 2017 en Sen categorizar

Vimos de coñecer, dende o outro lado do Atlántico, a morte aos 83 anos de idade do noso irmán Paco Lores. Nacido no Grove en 1932, chegou á Arxentina no buque Entre Rios o 1 de agosto de 1952. Axiña entrou en contacto cos galegos e galegas emigradas e represaliadas, traballando activamente na Federación de Sociedades Galegas nun activismo desbordante na defensa dos dereitos da nosa comunidade naquel país. Pero a súa loita non quedou alí, xa que foi protagonista de querelas en contra do exército arxentino por actuacións durante a ditadura do xeneral Videla, pola desaparición de persoas e de militantes políticos no período 1976-1983. No ano 2005 foi o principal animador do Museo da Emigración Galega na Arxentina, e dende a Biblioteca Galega de Bos Aires Antonio Pérez-Prado conseguiu recoller boa parte dun fondo bibliográfico impresionante, que está aberto á consulta daquelas persoas interesadas pola memoria democrática e republicana.

Dende Anova IN queremos trasladar as nosas condolencias aos seus familiares e amizades, dende a lembranza dun dos nosos compañeiros máis queridos, que pese á distancia viu con entusiasmo a fundación da nosa organización e participou nalgún dos momentos máis importantes da nosa curta historia como tal.

Que a terra che sexa leve, irmán!