O manifesto 1-O

Por Anova IN o 25 de Setembro de 2017 en Actualidade, Documentos

 

Manifesto do 1 de outubro, impulsado por Xosé Manuel Beiras e outras persoas do conxunto do estado español, en favor do dereito democrático dos pobos a decidir sobre o seu futuro #Manifesto1O

A situación en Catalunya interésanos e aféctanos a todas e a todos. Para o próximo 1 de outubro está anunciado un referendo en Catalunya para exercer un dereito lexítimo, un dereito recoñecido polas Nacións Unidas, que se acepta para moitos pobos do mundo e que, no entanto, se lle nega ao pobo catalán e aos pobos sometidos ao Estado español.
Pola súa tradición histórica, a súa mobilización e as súas reivindicacións o pobo catalán ten demostrado que é unha nación e que, por tanto, ten o dereito a decidir libre e democraticamente o seu futuro e a súa relación cos pobos que hoxe conforman o Estado español.

A esixencia do dereito a decidir non vai contra ninguén. Non é contra as clases traballadoras ou territorios que forman parte do Reino de España. É un sinal democrático o respecto e a solidariedade entre os pobos. Enfrontar uns pobos contra outros é a máis insolidaria das políticas.

As liberdades conquístanse e mantéñense exercéndoas. O dereito á folga conquistouse facendo folga. O sufraxio universal foi unha conquista democrática que supuxo moitas loitas e enfrontamentos coa legalidade de entón. Os actuais poderes cambian a legalidade e a Constitución cando lles interesa. Defendemos que o pobo catalán poida facer efectivo o seu dereito de autodeterminación.

Non temos ningunha dúbida de que esa maioría que quere decidir preferiría facelo dunha maneira acordada co goberno español, mais este negouse en redondo. Dialogar e dar a voz á cidadanía é a mellor maneira de resolver un problema político.

Existen no noso país síntomas alarmantes de degradación democrática, cada vez hai menos mecanismos de control democrático do poder; as elites enriquécense a costa do empobrecemento da maioría da poboación; a corrupción chegou a niveis insoportábeis; lexíslase recortando dereitos e agora quérese impedir o dereito dun pobo a decidir sobre a súa soberanía.

Desexamos a igualdade de todas as nacións e pobos e que ninguén poida ter privilexios por riba de outros; por iso mesmo defendemos o dereito do pobo catalán a votar en referendo. A solidariedade e a fraternidade conséguense como iguais, axudándose reciprocamente cando é necesario.

O movemento soberanista e independentista catalán é un movemento pacífico, democrático e republicano con amplo apoio popular. Boa parte deste movemento social demanda cambios que favorezan a poboación máis afectada pola crise. Por iso é un aliado de todos os pobos de España e de quen loitan para cambiar as políticas do PP e o goberno de Rajoy.

Opómonos e oporémonos a calquera tipo de represión xudicial ou policial que poida exercer o goberno español contra quen exerzan os seus dereitos democráticos e contra as/os representantes e institucións lexitimamente elixidas polo pobo catalán.

Quen asinamos este manifesto, alén da opción política de cadaquén, sentímonos comprometidos co dereito a decidir do pobo catalán, defendemos a convocatoria do 1 de outubro e apoiamos que exista o máximo de mobilización e participación no referendo para que sexa coñecida e respectada a vontade maioritaria.