Hoxe, 25 de setembro, ás 20:30 na Casa Común dos Tilos (Teo) desenvolveuse un acto de apoio e informativo ao proceso que está vivíndose en Catalunya pero que, polas implicacións que ten nos afecta a todas. Participaron nel representantes de distintas organizacións, institucións, amigxs e viciñxs de Teo. Entre algúns dos que tomaron a palabra estaban Xosé Manuel Beiras, Martiño Noriega, Luís Villares, Antón Sánchez, Luca Chao, Iván Rodríguez, Antón Dobao, Antonio Negreira ou Rafa Sisto. Deitamos algúns dos seus titulares.
Beiras: «Este Estado de excepción anticonstitucional non ten efecto en Catalunya, porque os cidadáns alí non teñen ningún medo. Debemos estar en pé de guerra cívica e solidaria, sen armas, plenamente democrática, contra un poder autócrata».
Martiño Noriega: «O PP xa chega a dicir que os acordos plenarios non representan á cidade de Santiago e que a situamos fóra da lei. Eles!!! Só por facer unha moción en apoio do dereito a decidir. Isto danos a medida do que está a acontecer: estamos ante unha apertura democrática ou ante un xiro aínda máis regresivo. O que está a pasar é verdadeiramente grave: empregan a CE78 como arma arreboladiza. En Zaragoza, os que alí estivemos, vímoslle a faciana ao fascismo. E o peor foi ao día seguinte: ver cómo os medios branquean o que está a acontecer. As imaxes que se ven son propias doutro tempo. Veñen tempos de exercer aquelo que dicimos e poucas veces practicamos: a solidariedade internacionalista».
Luca Chao: «O momento ten moita potencialidade, e conecta con ideas que deron lugar ao 15-M: cuestionamento da representación, feminismo…».
Iván Rodríguez: “a mocidade galega ten que solidarizarse con esta oportunidade para superar o réxime do 78, que xa non ten nada que ofrecernos”
Luis Villares : «É materialmente imposible parar a vontade de autodeterminarse dun pobo en chave de liberdade. Non hai policía nin forza que deteña as ansias de exercer a liberdade de tantísima xente»
Antón Sánchez: «Os cataláns saben que é unha loita pola democracia que vai moito máis alá de cuestións identitarias. As súas liberdades son as nosas liberdades. Xa gañaron: é imposible deter coa represión a millóns de persoas que están nas rúas».
Antón Dobao: «Desta fenda histórica que se abriu resulta un antagonismo claro entre totalitarismo e democracia, entre monarquía e república».
Antonio Negreira: «Logo de 40 anos de franquismo e outros 40 de fallida transición vemos como todo foi unha fraude. Contra todo isto vemos a rebeldía dun pobo, e aféctanos a todxs. Non sei se o Réxime caerá, pero nada será igual».
Rafa Sisto: «A lexitimidade democrática do estado español aséntase no non polo non. Teño 54 anos, e non votei esta Constitución. Igual daquela non quedaban outras saídas, pero 40 anos despois ten que haber máis saídas: detrás pode estar unha república agardando».