O Bloque Patriótico Constitucional celebra a contrarreforma do artigo 135

Por Anova IN o 27 de Setembro de 2017 en Actualidade

Hoxe, 27 de setembro, cúmprense 6 anos da última reforma constitucional, a do artigo 135, que impuxo a norma blindada do «teito de gasto» e do pago prioritario da débeda pública por riba de calquera outro gasto do Estado. O tradicional inmobilismo constitucional do PSOE e do Partido Popular cancelouse temporeiramente para atender gozosamente as esixencias da Troika e dos señores dos «mercados». A contrarreforma do artigo 135 é a pedra angular das políticas de austeridade e de liquidación do Estado de Benestar, afectado moi especialmente á Sanidade e á Educación, aos Servizos Sociais e ás prestacións por Dependencia.

Un artigo, o 135, modificado pola porta de atrás para limitar a autonomía das CCAA e dos municipios, institucións fundamentais para atender as demandas máis próximas da cidadanía.

Austeridade e autoritarismo foron e son as solucións ofrecidas para salvar a crise económica e a crise de lexitimidade do Réxime do 78. Arestora recúncase, formalmente, no inmobilismo constitucional e instáurase, de feito, un estado de excepción que limita liberdades e dereitos fundamentais para impedir que Cataluña decida o seu futuro. O medio -o Estado de excepción- é a mensaxe.

E a mensaxe é rotunda: non hai marxe para rexeneracionismo democrático ningún, non hai posibilidade de reforma constitucional ningunha. Cataluña o 1-O, a desobediencia civil en defensa do dereito decidir e as nosas liberdades civís, sinalan o camiño da ruptura republicana e un primeiro paso para abrir procesos constituíntes no Estado Español, que recuperen soberanías.