Rolda de prensa sobre a situación política de Catalunya tras o 1-0

Por Anova IN o 2 de Outubro de 2017 en Actualidade

Antón Sánchez: «Hai que abrir un horizonte constituínte en todo o Estado que debe pasar polo respeto ao dereito a decidir e a democracia real».

Galdys Alonso: «A xornada do 1-O foi unha vitoria da democracia e unha derrota de Rajoy e do Réxime do 78».

Gladys Afonso, membro da Permanente de Anova, e Antón Sánchez, voceiro nacional, que formaron parte dunha delegación de Anova que seguiu en Barcelona a xornada do referendo do 1-O ofreceron unha avaliación do seu desenvolvemento nunha rolda de prensa.

«Temos dito moitas veces -enfatizou o voceiro de Anova- que o Réxime do 78 estaba morto, hoxe vemos a súa esquela nos principais xornais do mundo. A actuación do Goberno español entregado ao autoritarismo máis brutal quedou reflectida nas portadas dos principais xornais do mundo. A pesar da violencia e os atrancos, onte en Cataluña celebrouse un referendo e iniciouse a constitución da República Catalá. Non a parará con represión. O pobo catalán xa se está autodeterminando». «Fracasou a operación Annubis. Fracasou o recorte de dereitos e liberdades. Foi derrotado o inmobilismo. Fracasou a política dos que non queren mudar nada. Precisamos que no Estado se abra un proceso constituínte. Onte falou o pobo. O diálogo ten que basearse nesta realidade democrática e non en negala».

«Diante da súa incapacidade e incompetencia, Mariano Rajoy nega a realidade. Negouna cando o Prestige. Negouna durante o 11M. Non atendeu o 15M, cando milleiros de cidadáns saíron a rúa para denunciar os deficits democráticos e a corrupción dun Réxime que non nos representa. A política de desconexión é a de Mariano Rajoy, a desconexión coa realidade democrática», salientou Antón Sánchez que rematou a súa intervención sinalando que «hai que abrir un horizonte constituínte en todo o Estado que debe pasar polo respeto ao dereito a decidir e a democracia real».

Gladys Afonso, pola súa parte, apuntou que «As cargas lembran tempos do franquismo, levadas a cabo contra unha poboación que con alegría foi a pedir o voto. Significou O exercicio práctico do dereito a decidir, por un pobo que quere ser cidadanía e non súbido. E foi liberdade de expresión. O que fixo o Estado foi reprimir. Aprendinos que cando un pobo quere exercer os seus dereitos non se acovardan coa brutalidade». Sánchez insistiu que «onte o pobo catalán falou, e nós aplaudimos a súa decisión soberana. Achegamos a nosa solidariedade ao pobo catalán que onte deu unha lección de afouteza democrática. Foi unha vitoria da democracia e unha derrota de Rajoy e do Réxime do 78».