Anova apela a Rajoy a rematar coa vía represiva e autoritaria, aceptar o diálogo e respectar o dereito a decidir

Por Anova IN o 10 de Outubro de 2017 en Actualidade

Na súa avaliación do acontecido este serán no Parlament de Catalunya, Anova considera que «un proceso de autodeterminación fundaméntase no poder da xente do común, na decisión democrática soberana dun pobo que non se reduce a unha declaración formal dun Goberno ou dun Parlamento. Os cidadáns e cidadás de Cataluña fixeron efectivo o seu dereito a decidir o 1-O e sinalaron a Republica Catalá como seu horizonte político soberano».

A tolerancia e o respecto fronte á criminalización

Para Anova o 1-O demostrouse «a baixa calidade democrática do Réxime do 78». Nesa liña, advirte que durante os últimos días «e desde diversas instancias, algúns adicáronse a criminalizar aos que defendemos o dereito a decidir, e mesmo a aqueles que sen compartir esa posición apostaron polo diálogo como instrumento para resolver un conflito en lugar da represión policial do estado». Neste sentido, Anova reprochou mesmo a actitude «irresponsábel e ultra de Feijoó que saltándose o seu papel institucional se adicou a crispar en vez de adoptar un rol pacifista». Desde Anova obsérvase como se aproveitou o Procés catalán para recortar os dereitos civís de toda a cidadanía do Estado español.

Unha vez escoitada a iniciativa de diálogo proposta hoxe, «cremos que non ten ningunha razón de ser a posíbel tentación do Estado español para camiñar cara un Estado de excepción, proceder á aplicación do 155 ou insistir na represión e criminalización da decisión do pobo de Cataluña. A vía autoritaria é tan só a expresión do fracaso do Goberno de Rajoy para enfrontar a crise política do Réxime do 78».

«Está claro, puntualiza Anova, que o avance do proceso depende da vontade do pobo catalán. A República Catalá ven empurrada polo pobo mediante un exercicio de democracia radical. A nosa solidariedade está coa Cataluña que quer decidir en liberdade e pacíficamente».