Llibertat para Jordi Sànchez e Jordi Cuixart!

Por Anova IN o 17 de Outubro de 2017 en Actualidade

Anova chama ás forzas democráticas a mobilizarse para lograr a excarceración dos presidentes da Assemblea Nacional Catalana (ANC) e de Òmnium Cultural. A defensa da súa liberdade é a defensa das nosas liberdades. Conquistala debe ser obxectivo inmediato de todas as forzas democráticas do Estado comprometidas coa apertura dun proceso constituínte que poña fin ao réxime do 78 e á súa deriva autoritaria.

A orde de prisión contra Sànchez e Cuixart representa un salto cualitativo na vaga represiva e autoritaria coa que o Estado quere silenciar toda decisión soberana do pobo de Cataluña. As esixencias penais da Fiscalía, a despropositada decisión da xuíza Carmen Lamela e a creba de toda independencia do poder xudicial obedecen á estratexia do Goberno do Estado, que busca impedir o libre exercicio dos dereitos civís e democráticos dos cidadáns e cidadás de Cataluña.

O proceso por sedición contra os mandos dos Mossos e os activistas sociais réxese polas normas brutais do código penal do inimigo: impóñense penas preventivas por disidencia e posición crítica e politicamente perigosa e non por comisión de delito ningún.

A saída totalitaria á profunda crise de réxime que vive o Estado español posta en vigor polas forzas reaccionarias apóiase nos grandes poderes mediáticos e empresariais, na colaboración cómplice do PSOE e no aplauso da Casa Real. É en si un ataque terminal contra a democracia, os dereitos sociais e colectivos e as liberdades civís.

Jordi Sànchez e Jordi Cuixart son presos políticos. Están na cadea por mor do seu activismo social e as súas conviccións políticas. É unha das consecuencias da negativa do Goberno español a procurar, pola vía do diálogo, unha solución democrática ao conflito aberto con Cataluña des que o Tribunal Constitucional fanou o Estatuto de Autonomía aprobado pola cidadanía.

A detención de Sànchez e Cuixart deixa claro que a retórica que apela á defensa da legalidade só serve para agachar a violencia represiva e o autoritarismo do esgotado réxime do 78, incapaz de dar respostas democráticas ás demandas sociais e nacionais de liberdade.

Alén da esixencia de inmediata liberdade para estes dous presos políticos do Estado español, Anova chama a todas as forzas democráticas e de esquerda do conxunto do Estado á unidade popular e a configurar un Bloque Democrático e Republicano de ruptura que se enfronte sen dúbidas ao proxecto de saída totalitaria que o goberno de España e os seus apoios están intentando impoñer como peche dunha crise irreversible.