Posicionamento de Anova sobre o encarceramento de parte do Govern catalán e o retroceso en dereitos e liberdades

Por Anova IN o 3 de Novembro de 2017 en Actualidade, Audio

Comparecencia de Antón Sánchez para fixar a posición de Anova respecto do encarceramento do Govern.

Audio da rolda de prensa.

 

Estamos ante unha solución autoritaria do golpe do 155, articulada en 7 pasos: 1) Represión policial: 2) Negativa ao diálogo e á negociación; 3) Control mediático; 4) Coacción económica; 5) Persecución de toda disidencia; 6) Instrumentalización política da xustiza; e 7) Amedrentamento dos cidadáns e as cidadás.

A petición do fiscal e a sentenza xudicial están escritas coa mesma tinta autoritaria que usan Rajoy e Soraya Sáez de Santamaría. É unha solución baseada no matonismo político, disfrazado de intervención xudicial.

Vemos como actúa xustiza española: é forte cos débiles, e débil cos fortes. Compracente e connivente cos corruptos, brutal cos disidentes e cos opositores políticos do Réxime do 78. Vemos a ausencia total dunha separación de poderes propia dun estado de dereito. Hai tempo que isto deixou de ser unicamente unha cuestión catalana.

Os que inventan casos de rebelión e sedición son os mesmos que nos falan de terrorismo incendiario, teñen a mesma materia prima: a mentira política ao servizo dos seus intereses partidarios.

É, pois, unha sentenza infame en calquera democracia. Estamos ante o infeliz retorno aos tempos do Tribunal de Orde Pública. A España dos 2 códigos penais: o código penal para os amigos, e código penal para os inimigos.

É indecente e moi grave que Urdangarín ou Bárcenas estean na rúa e os membros dun Goberno democraticamente elixido, en prisión. Pouco a pouco semella que imos indo cara á “solución Companys” que adiantou un guionista infame chamado Pablo Casado.

É unha resposta xudicial ás sondaxes que dan a vitoria ás forzas independentistas o 21-D. Actúan coma as forzas de asalto político de Mariano Rajoy, para abrir camiño a unha vitoria electoral do “bloque constitucional” o 21-D. Algúns pretenden gañar nas salas da Audiencia Nacional o que son incapaces de gañar nas urnas. Por iso mandan retirar urnas.

Resulta inaudito que en calquera sociedade democrática se poida falar de normalidade mentres que determinados actores políticos sofren prisión preventiva e ameazas de ilegalización.

Hoxe coñecemos tamén a proposta para ilegalizar as CUP, o que vai en contra de todo fundamento democrático. Só permitimos que a xente vote cando “vota ben”, esa parece a mensaxe que nos queren mandar. Insultan a intelixencia dos cidadáns.

A innovación de Rajoy: eleccións nun Estado de excepción, para gañar como sexa, coas trampas que fagan falta. Intentaron pechar colexios electorais e secuestrar urnas o 1-O. Agora pretender ilegalizar partidos e encarcelan dirixentes.

A solución de PP, PSOE e Ciudadanos: queimar as pontes de negociación e diálogo político no pasado, no presente e no futuro. Donald Tusk, unha persoa que está moi lonxe do que nós pensamos, dixo que “debía impoñerse a forza da razón”. Non hai razón, hai forza, guerra sucia e represión. Esa é a oferta autoritaria de Mariano Rajoy, aplaudida por Ciudadanos e apoiada polo PSOE.

Esta en marcha un sistema de criminalización da disidencia, mesmo cando vén avalada por fórmulas democráticas e pola maioría da sociedade catalá.

Non só interveñen o autogoberno, liquidan as garantías democráticas. Teñen a Constitución todo o santo día na boca, pero non din que o Título I da Constitución desde hai máis dun mes está suspendido. Están suspendidas dereitos e liberdades fundamentais en Cataluña.

Os que nos recortan dereitos civís e liberdades son os mesmos que nos recortan dereitos sociais. Os dereitos e as liberdades conculcadas hoxe en Cataluña están xa en perigo en Galicia. Son tempos de afouteza e coraxe civil para a defensa das liberdades e a solidariedade cos presos.

Chamamos pois á asistencia masiva ás concentracións de defensa das liberdades e solidariedade con Cataluña que terán lugar hoxe nas 7 cidades a partir das 20.00 horas. Temos que mobilizarnos, non vaia ser que cheguemos demasiado tarde. É urxente unha mobilización democrática para frear o tsunami autoritario do 155.

Unha mensaxe para o PSOE: xa sabemos de que lado estiveron até o dagora na aplicación do 155 e no recorte de dereitos e liberdades. Estivo do lado de Mariano Rajoy, de Ciudadanos. Queremos saber se despois destas detencións van seguir do mesmo lado. Ou se está co franquismo, coa volta ao fascismo, ou están do lado da democracia. Sería moi triste que os dirixentes socialistas de que non se poñan do lado da democracia. Chamamos aos socialistas que apoiaron a Pedro Sánchez para que non gobernase co Partido Popular para que apoien isto.

Esta loita gáñase sendo valentes, sen máis cancelas de que apoien todos os que defenden os demócratas.

Esta é unha loita que pasa as fronteiras de Cataluña. Cando encarcelan a dúas persoas da sociedade civil, ningún demócrata pode pasar indiferente. Ese sufrimento, a represión, é sentida como propia. Todas as persoas de esquerdas, antifascistas, temos que facerlle frente. Existe unha potenciación do fascismo, un recorte de dereitos e liberdades, e unha criminalización das ideas que se enfrenten co Réxime.