Os sistemas de dominación precisan a violencia para perpetuarse. No patriarcado, a violencia machista é a ferramenta para acadar a reprodución dos roles de xénero e en consecuencia a submisión da muller. Manifestarase na parella, pero irá moito máis alá diso: a desigualdade salarial, as agresións nos nosos momentos de ocio, a misoxinia que impregna toda a nosa vida e distorsiona as nosas relacións persoais tamén é violencia.
Este escenario de teimuda desigualdade pouco parece importarlle ao goberno do Partido Popular, cun presuposto destinado a paliar a violencia de xénero peor ca insuficiente e con campañas de prevención desenvolvidas desde presupostos machistas e paternalistas que non fan outra cousa que afondar na obxectualización das mulleres.
Diante deste panorama, as mulleres debemos xogar un papel fundamental que opere en todas as direccións: traballarmos nas asembleas, nas rúas e nas institucións para erradicarmos esta lacra, por fin, das nosas vidas.
É a hora de xuntarnos e tecer feminismos para rachar coas violencias machistas