Antón Sánchez: “A revisión das políticas da auga debe se ir encamiñada a mellorar a eficiencia do seu uso»

Por Anova IN o 13 de Decembro de 2017 en Actualidade, Institucións, Sen categorizar

Antón Sánchez presentou en comisión unha proposición non de lei na que se insta a actuar contra a seca ante a falla de acción e previsión do Goberno galego na que destacou a necesidade de revisar a política de uso da auga nun contexto de cambio climático onde un ben escaso a preservar, como é a auga, vai escasear máis en determinados períodos. Isto tradúcese na necesidade “inmediata e urxente” de revisar o Plan da Auga e do Plan da Seca, dous instrumentos de planificación hidrolóxica, e a coordinación desta revisión coa elaboración en marcha da Estratexia de Loira contra o cambio climático.

Para Antón Sánchez “a revisión das políticas da auga debe se ir encamiñada a mellorar a eficiencia do seu uso, reducir as perdas nas redes de condución e distribución, que en Galiza son das máis altas do Estado, política para reducir o consumo dos grandes consumidores, sobre todo na industria, e medidas concretas para a redución do consumo nos fogares”. Estas medidas non están suficientemente desenvoltas actualmente “polo desleixo do Goberno galego”.

Sánchez salientou tamén a tardanza do Goberno galego para tomar en serio o que suporían os efectos do cambio climático. De feito estamos a finais de 2017 e aínda se está a comezar a elaborar a estratexia galega de loita contra o cambio climatico. A revisión do Plan Seca e do Plan Auga deberá de coordinarse con dita estratexia.

Por todo isto, fíxose unha proposición non de Lei que foi aprobada por unanimidade e cuxo texto transaccionado recolle o compromiso de instar á Xunta de Galicia a:

  1. Establecer de xeito acordado e conveniado cos Concellos que se atopen en situación de alerta ou de emerxencia, en especial cos de menos de 20.000 habitantes, as medidas necesarias para garantir un correcto abastecemento de auga, de xeito que se poidan executar as obras ou actuacións de urxencia necesarias para garantir dito abastecemento
  2. Seguir avanzando na mesa de Augas dentro da Estratexia de Cambio Climático incorporando, á maior brevidade posible, a actualización do Plan da Seca e do Plan Auga nos que xa se está traballando.
  3. Seguir avanzando nas mesas polo Pacto Local da Auga, e en colaboración cos Concellos, co obxectivo de facer máis eficiente o ciclo integral da auga a través de medidas como a estrutura tarifaria (diferenciando e discriminando dun xeito máis ponderado os usos domésticos e industrial, grandes consumidores, a prol do doméstico) así como a eficiencia no seu uso.