RESOLUCIÓN. A UNIDADE POPULAR NOS CONCELLOS
As mareas municipais son a mellor expresión do proxecto estratéxico que vimos impulsando desde 2012: a consolidación da Unidade Popular como ferramenta para a transformación social e política da nosa nación. Cómpre profundar no fortalecemento desta liña de traballo nos próximos tempos: empoderamento cidadán, radicalización da democracia, transparencia, horizontalidade, proximidade, participación de abaixo arriba, creación de espazos de deliberación e toma de decisión colectivas, etc., principios adoptados polas candidaturas de unidade popular nas municipais de 2015, e recollidos nos principios expresados nos textos da Asemblea de Vigo de constitución de En Marea como espazo de unidade popular que seguimos a reivindicar.
Nestes momentos é preciso multiplicarmos esforzos na defensa dos nosos gobernos municipais, asediados pola coalición do Partido Popular e grandes grupos de intereses económicos e mediáticos. Cómpre asemade reforzar aquelas mareas que se constrúen como alternativa na oposición e apoiar e favorecer a creación de novas candidaturas cidadás nos concellos onde aínda non existen.
Os partidos suman e a participación de persoas sen adscrición partidaria dos movementos cidadáns multiplican. As dinámicas de parte dentro do espazo de En Marea debilitan a construción dunha alternativa liderada pola maioría social. Non se trata de representar unha maioría social silenciosa e silenciada senón de construír no seu seo unha ferramenta popular de emancipación. Debemos ter todo isto presente nos seguintes chanzos que deamos. Non podemos esquecer que sen cooperación e xenerosidade recíprocas non haberá nin Unidade Popular nin ruptura democrática.
Estratexicamente é necesario intensificar a metodoloxía de cooperación horizontal a nivel municipal e por iso sería positivo dar continuidade aos Encontros Municipalistas celebrados en Ourense o 18 de novembro de 2017 e Santiago o pasado 20 de xaneiro, e outros desta natureza promovidos por mareas municipais ao longo do país. Estes encontros e os que lles dean continuidade serán un espazo de coordinación e toma de decisións en común que avance liñas de traballo, sen máis límites que aqueles que se decidan establecer entre todas e todos.
As Deputacións son institucións arcaicas alleas a un modelo propio de país que queremos suprimir, pero transitoriamente deben servirnos para impulsar políticas de cooperación que contribúan a reforzar a autonomía e capacidade de xestión dos pequenos e medianos concellos rurais e polo tanto, compre pelexar polos seus
gobernos nas eleccións de 2019.
Anova debe mobilizar a súa rede de militantes e simpatizantes para activar as diferentes iniciativas municipais, coas que seguir construíndo unha ferramenta de transformación social e nacional para o noso país. Como organización política, asumimos desde sempre a nosa función de simples motores auxiliares no proceso municipalista e na consolidación da unidade popular.
Mantémonos na convicción de que o protagonismo do proceso de unidade e ruptura é da cidadanía rebelde que se autoorganiza nas mareas e nos diferentes espazos da sociedade civil. Como temos reiterado durante estes meses, e así o debatemos nas Xeiras que tiveron lugar por todo o país, o Estado español intenta pechar a crise do réxime do 78 mediante unha resposta totalitaria, unha deriva autoritaria e represiva que pon en perigo dereitos sociais e políticos e liberdades civís conquistadas con moito esforzo e sacrificio común. Esta situación, que pon fóra da lei a mesma idea de democracia e cambio social, confírmanos na vixencia e na necesidade da nosa posición estratéxica, que pasa pola ruptura democrática e pola defensa dun proceso de procesos constituíntes. Cómpre sabermos trasladar a gravidade desta situación ao seo da sociedade galega. Nese sentido, é imprescindible continuar a acumular forzas para frear este proceso regresivo e gañar un escenario de liberdade para Galicia.
Desde esta aposta estratéxica, o papel de Anova e do espazo de ruptura debe mirar máis alá de manter os ámbitos institucionais conquistados ou de desaloxar a dereita da maioría dos concellos do noso país. Nun momento en que o Estado español manifesta todo o seu autoritarismo en contra das nosas liberdades e do dereito a decidir da cidadanía e dos pobos, cómpre lembrar que para as mulleres e homes de Anova, o proxecto de emancipación pasa pola República Galega.
Teo, 17 de febreiro de 2018