Se nós paramos, párase o mundo!

Por Anova IN o 21 de Febreiro de 2018 en Actualidade, Comunicados

Este 8 de marzo está convocada unha folga feminista arredor de todo o mundo articulada en catro eixos: laboral, estudantil, consumo e coidados. Estes eixos conforman o desenvolvemento da totalidade da vida tal e como a coñecemos, onde as mulleres xogamos un papel imprescindible.

Os coidados son unha tarefa fundamental para a existencia humana e a súa reprodución, pese a isto na sociedade atopamos coa súa  continúa devaluación, un bo exemplo é a falta de contabilización no PIB de ditas tarefas cando se desenvolven no fogar; non obstante, exactamente as mesmas accións cando se levan a cabo no sector servizo si que forman parte de dito indicador.

Como todas sabedes, os coidados recaen na súa gran maioría sobre as mulleres sen ningún tipo de retribución e ademais atenuando o seu desgaste físico e emocional xa implícito no propio sistema. Por isto é unha necesidade inmediata a redistribución equitativa da carga de traballo que supoñen, xa sexa na súa planificación coma na súa realización. As mulleres tamén precisamos tempo de descanso no que non empreguemos a nosa enerxía na organización e desenvolvemento dos coidados, por iso o 8 de marzo imos deixar de coidar.

No eido laboral tamén chamamos a folga porque a realidade nolo esixe: topamos coa feminización dos traballos máis precarios e en consecuencia cobramos un 22,6% menos que os homes. Precisamos rachar cos teitos de cristal e chans pegañentos que  se retroalimentan entre si e implican o noso estancamento laboral en posto de traballo subalternos durante toda a vida, bo exemplo disto é con que nos atopamos cun maior número de mulleres con estudos superiores pero, non obstante, os postos de responsabilidade seguen sendo cousa de homes.

O 46% das mulleres galegas empregadas teñen mais de 45 anos, xa que as máis novas se topan cunha economía terciarizada caracterizada por os empregos de curta duración e as xornadas parciais, na que se nos esixe “flexibilidade” a cambio de un salario de miseria, pero sen o que non podemos vivir. A brecha de xénero tamén se verá reflectido no sistema de pensións, como as mulleres cotizamos moito menos tempo, cobramos menos, estando isto moi relacionado coa solicitude de redución de xornada para poder atender os coidados necesario na unidade familiar e que só recaen sobre a muller. Para vivirmos sen o sometemento as condicións laborais secundamos esta folga.

As estudantes tamén estamos citadas a folga xa que precisamos mudar o sistema educativo en tódalas súas etapas, a escola é o principal espazo de socialización no que pasamos a maior parte do noso tempo, é o lugar no que se reproducen as relacións desiguais entre homes e mulleres. Todas as estudantes vemos como a historia das mulleres, a nosa historia, foi borrada dos libros ou reducida a meras anécdotas nas marxes. Fronte a isto reivindicamos unha educación feminista, non só libre de agresións senón na que se recollan os nosos currículos, historias e vivencias na Universidade; somos máis, pero é evidente a división sexual existente á hora de elixir carreiras, atopámonos dedicadas principalmente a carreiras que implican coidados posteriormente. Ademais disto, enfrontámonos con enormes dificultades sistémicas á hora de acceder á docencia ou a postos de investigación, evidenciándose de novo este teito de cristal, e reflectidos en datos como o número de catedráticas fronte ao de catedráticos.

Apoiamos a esta folga porque é unha necesidade formulada polo movemento feminista, entendéndoa como un paso mais nun proceso de acumulación de forzas que ten por obxectivo chegar a tódalas mulleres, desbordando as organizacións e rachando coa lóxica de partes. Polo tanto a folga non é un fin en si mesmo, pero debe ser un punto de inflexión: no estado español nunca existira unha convocatoria de así, e se esta xorde é pola apreciación da potencia do feminismo hoxe en día e a capacidade que pode ter este momento de chegar a moitas mais mulleres. Ante isto é mais necesario que nunca, a dúas semanas do 8 de marzo, que as mulleres traballemos xuntas en todas as frontes.

Se nós paramos, párase o mundo!