En pé pola folga xeral, na defensa dos dereitos da maioría social

Por Anova IN o 1 de Maio de 2018 en Actualidade, Comunicados

 

Cada primeiro de Maio teñen lugar en todo o mundo mobilizacións e protestas para defender os dereitos das traballadoras e dos traballadores. Lembran a aquelas mulleres e homes que perderon a vida reivindicando a xornada de 8 horas tal día coma hoxe en Chicago, 1886.

Na Galicia do século XXI padecemos novas agresións que coñecen formas de resposta renovadas. Do conflito do 112 ao das traballadoras da xustiza, das mobilizacións dos pensionistas e da folga feminista do 8-M, da defensa dos servizos públicos diante do neoliberalismo, no noso país somos cada vez máis conscientes de que a crise xerou novas necesidades que precisan novas formas de organización.

Anova anima á cidadanía agredida a acudir ás mobilizacións desta xornada, para denunciar a lóxica do capitalismo sen límites, no que a conta de beneficios pon en risco un sistema de benestar logrado con décadas de loita. Aínda que sempre houbo motivos para a protesta, nos últimos tempos vemos con preocupación o aumento da precariedade e do desemprego, nun momento no que se lexisla en contra dos dereitos das traballadoras e traballadores: un bo exemplo podemos velo nas últimas reformas laborais do PSOE e do PP, feitas á medida da patronal e que lesionan gravemente os dereitos das clases subalternas.

Tamén consideramos a urxencia de convocar unha folga xeral contra a precariedade e os recortes, na defensa de traballo para a mocidade, tamén para todas aquelas e aqueles que non conseguen emprego digno no noso país. Unha folga que sexa quen de activar á sociedade galega e que non se pregue ás lóxicas burocráticas, senón que entenda que existe unha contradición entre capitalismo e vida.

Porque as desigualdades son incompatibles cunha democracia real.

Porque as nosas vidas valen máis que os salarios de miseria.

Porque precisamos unha mocidade que non emigre, e que sexa garante dunhas pensións dignas.

Por todo isto, rebélate! A Galicia que se move ten que se manifestar na defensa dunha vida digna para todas e todos.