Día das Letras: En galego a diario para facer medrar a nosa cultura e liberdades

Por Anova IN o 17 de Maio de 2018 en Actualidade, Comunicados

Diante de todas as dificultades e as agresións que enfrontan a nosa lingua e cultura, o Día das Letras debe ser un día de mobilización cívica que tome as rúas da capital do país para defender o que nos é propio. Tomar prazas e rúas para celebrar este 17-M. Para defender os nosos dereitos temos que activar a mobilización cidadá.

A sociedade galega foi o motor da nosa lingua e da cultura durante séculos. Nos tempos escuros da represión e da clandestinidade, cando a nosa era unha lingua prohibida, a xente desobedeceu as imposicións e creou ao redor da lingua e cultura galega espazos de liberdade e resistencia democrática. Por iso o galego chegou até os nosos días. A partir de 1981, por vez primeira, existen unhas institucións de autogoberno e unha normativa legal -manifestamente insuficiente,que se incumpre todos os días- pero que, formalmente, defende e ampara a lingua nosa.

Aínda así, vemos como os inquilinos das nosas institucións realizan un labor que desprotexe a lingua. Institucións nacidas para manter a lingua e cultura de Galicia traballan na súa contra. En contra das raíces culturais que as lexitiman.

Entre as funcións da CRTVG está a promoción do galego e da cultura do país. Por iso abraia a decisión de suprimir o Diario Cultural da Radio Galega. Un programa que cumpriu xa 28 anos de emisión. Un espello da cultura e da lingua, un lugar de promoción de novos talentos e de proxectos renovadores das industrias culturais. Un espazo de liberdade que desaparecerá na vindeira temporada.

Non é a única medida contraria a lingua e a cultura galega tomada por Núñez Feijóo. Dende a Xunta de Galicia imponse unha política de subordinación do galego: en nome da normalización lingüística se pode subvencionar con cartos públicos a medios de comunicación nos que o galego ten unha posición marxinal ou inexistente, ao tempo que o libro editado en galego descende a mínimos históricos arrastrado pola perda de apoio institucional.
Vivimos un tempo adverso para a lingua e a cultura propia de Galiza. Nun mundo no que a información se manexa a golpe de chíos, o galego ten que estar máis presente que nunca en todos os ámbitos, tamén na esfera institucional xa que é esencial para activar vontades e desenvolver políticas que aseguren o porvir da lingua galega.

O galego segue vivo na xente. Precisamos o galego a diario: no lecer, no ensino, nos traballos, no deporte, na comunicación, no cinema, na música, nos libros…

En galego a diario faremos medrar a nosa cultura e liberdades.