Consideramos que a corrupción do Partido Popular é a corrupción do Réxime do 78

Por Anova IN o 24 de Maio de 2018 en Actualidade, Comunicados

Antón Sánchez, Portavoz Nacional de Anova: «Gürtel é un dos moitos pozos negros do Réxime do 78, é onde converxen os intereses políticos e económicos.»

«Estamos diante do fin do estado de excepción nacido coa aplicación do 155, unha tapadeira de falsa legalidade para encubrir a podredume do Réxime do 78.»

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2018.- Resulta sorprendente como a maior parte dos membros dos gobernos de José María Aznar estiveron implicados nas tramas. Gobernos nos que tamén participou M. Rajoy.
A sentenza da Gürtel acaba de confirmar o que xa se viña publicando: Mariano Rajoy está inhabilitado como gobernante xa que a dirección do Partido Popular é a cabeza da trama de corrupción.

As maiorías electorais do Partido Popular financiáronse en negro. Acudiu dopado ás eleccións. Tomáronse decisións políticas nas institucións que gobernou para beneficiar a determinados intereses afíns: na sombra, beneficiaron a empresas a cambio de financiamento en negro.

Anova é partidaria dun acordo das forzas democráticas de esquerda e nacionalistas para formar unha maioría parlamentar no Congreso que promova a rexeneración institucional e a limpeza democrática. Un acordo para formar unha maioría para o cambio político, que remate coa deriva autoritaria que padecemos e que recupere as institucións para poñelas ao servizo das maiorías sociais.

Debemos ser conscientes de que, dende posicións de ruptura, non chega cunha simple mudanza de Goberno, e moito menos se nesa suma entra Ciudadanos. Compre rexeneración de raíz e mudanza de políticas sociais e económicas. Debemos manter a nosa aposta por un proceso de procesos constituíntes que garanta benestar para as maiorías e unha democracia real.

Núñez Feijóo debe deixar de poñerse de perfil. Debe asumir tamén responsabilidades, ou canto menos esixirllas a Mariano Rajoy. Debe facelo, se non só poderá elixir entre ser responsable da corrupción sistematizada ou un colaborador necesario.