Anova aposta por resolver a crise de En Marea nun proceso de construción da Unidade Popular en Galiza

Por Anova IN o 26 de Maio de 2018 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Este 26 de maio tivo lugar no Hotel Congreso (Montouto, Teo) unha reunión ordinaria da Coordinadora Nacional na que se debateu a situación actual de En Marea e se definiu un vieiro de superación da súa crise retomando os consensos fundacionais da Asemblea de Vigo do 30 de xullo de 2016.

O acontecido en En Marea nos últimos meses é un proceso de perda constante dos principios e valores cos que naceron os procesos de unidade popular en Galiza.

Nun contexto de loita social na rúa, de reivindicacións laborais, de dereitos civís; co avance da ultradereita xenófoba en Europa e no Estado español, e cun goberno galego que colabora no espolio económico, financeiro, cultural e natural do país, a dirección de En Marea centrou as enerxías da organización en cuestións internas, menores, e alonxadas das necesidades da xente.

Cando unha organización está tan lonxe das demandas dos que a apoiaron no seu momento para ser a voz da indignación, non cumpre cos obxectivos para os que naceu.

Compre reconducir esta situación de xeito inmediato a través dun proceso colectivo aberto onde participen mareas, colectivos sociais, organizacións e persoas que aposten pola reconstrución dun espazo de unidade popular galego que debe de ser plural, mestizo, e de ruptura tal e como o consensuaron as mareas municipalistas, as organizacións políticas e as cidadás e cidadáns que participaron na súa fundación en xullo de 2016. Anova segue a teimar na construción deste espazo e acadar maiores cotas de éxito.

As mareas municipalistas son fundamentais xa que entramos na recta final cara ás vindeiras eleccións municipais; comicios que van ser decisivos para dar continuidade á Unidade Popular consolidando aos gobernos rebeldes das mareas que son os principais referentes da nosa alternativa ás políticas do Partido Popular. Para acadar este obxectivo, as mareas municipalistas deben manter a súa autonomía política e non ser reducidas a meras agrupacións locais. Anova comprométese a defender estes espazos conquistados pola Unidade Popular de calquera intento de dirixismo esclerótico.

A actual dirección de En Marea non representa a día de hoxe a pluralidade do conxunto do espazo e non mostra vontade de selo. Esta lousa que padecemos dende a conformación do Consello das Mareas xera disfuncións importantes e limita a capacidade de intervención política de En Marea.

A En Marea actual, debe abrir un proceso democrático de debate e renovación, que resitúe cales son os valores fundamentais do espazo e as necesidades que nel se perciben. Só achegándose novamente todos os actores pódense abordar as contradicións autoesixíndose xenerosidade e responsabilidade para a súa solución, de forma integradora e non executando un vieiro político sen capacidade de ningún tipo de rupturismo nin combate- como fai a actual dirección-, xa que do contrario estaríase limitando gravemente como alternativa de ruptura e cambio político en Galicia.

Anova entende que debemos establecer contactos e conversas cos diferentes axentes do espazo, organizacións, colectivos e mareas municipalistas, que faciliten que o conxunto das persoas poidan articular un proceso de intervención de liñas de traballo que leven á recuperación dos valores da Unidade Popular e á superación da crise de En Marea. Resituando novamente o espazo como unha ferramenta contestataria e de ruptura co réxime actual, fomentando e contribuíndo desta forma á activación de toda loita civicopolítica, discursiva, institucional, orgánica e social para poder relazar o proxecto no contexto actual como unha ferramenta útil do pobo galego e consolidando o espazo de ruptura.