Sobre a moción de censura: «Hai que desaloxar o Partido Popular e garantir un goberno de cambio e non só un relevo no goberno».

Por Anova IN o 29 de Maio de 2018 en Actualidade, Comunicados

Antón Sánchez, Portavoz Nacional de Anova: «É urxente desaloxar a Mariano Rajoy da Moncloa. A aritmética parlamentaria suma para ter un  Goberno progresista que defenda os dereitos sociais das maiorías e que garanta os dereitos e as liberdades no conxunto do Estado».

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018. Despois de que fose condenado por corrupción na sentenza da Gürtel, o Partido Popular non pode seguir no Goberno do Estado. Mariano Rajoy non pode continuar como Presidente do Goberno, é o principal responsable político da corrupción do Partido Popular.

Anova defende a necesidade dun acordo das forzas democráticas de esquerda e soberanistas para conformar unha nova maioría parlamentaria, ao servizo das maiorías sociais, e para impulsar a rexeneración a limpeza democrática das institucións de representación e goberno do Estado.

É preciso un acordo de maioría parlamentaria para impulsar un cambio político que reverta a deriva autoritaria do Estado, amparada pola aplicación do artigo 155, e que poña as institucións ao servizo do ben común e non de intereses partidistas ou ao servizo dos negocios dunha minoría de privilexiados.

Unha maioría parlamentaria de cambio non é compatible cun acordo con Ciudadanos que tan só está interesado nunha saída gatopardiana que aparente cambio sen cambiar nada. Unha estratexia de cambio que non é compatible coa estratexia de relevo que anima aos dirixentes de Ciudadanos que queren tan só manter as mesmas políticas sen a mochila negra das Gürtel, Púnica e Lezo.

A derrota política de Mariano Rajoy e o Partido Popular debe ser acompañada por políticas que xeren benestar, cancelen as políticas de austeridade e rematen coas políticas represivas impostas en Cataluña e no conxunto do Estado tras o referendo do 1 de outubro de 2017.

Un goberno de cambio político debe frear a dinámica autoritaria do Estado, acrecentar a calidade democrática das institucións e crear as condicións políticas que nos permitan abrir un proceso de procesos constituíntes para garantir unha democracia real e o dereito a decidir das nacións e pobos que fan parte do Estado español.