O triunfo da moción de censura contra Rajoy debe propiciar un goberno de cambio para o Estado e para Galicia

Por Anova IN o 1 de Xuño de 2018 en Actualidade, Comunicados

Ábrese un novo momento político. Amosamos a nosa satisfacción contida polo desaloxo dun goberno dirixido por un partido condenado por anos de prácticas corruptas. A derrota de Mariano Rajoy e do Partido Popular debe ir acompañada por unha nova axenda de prioridades no goberno do Estado. Cómpre un goberno de limpeza democrática, que articule medidas contra a corrupción sistémica e o uso partidario dos bens públicos. Son precisas novas políticas sociais que palien as consecuencias das políticas neoliberais das últimas décadas, corrixan a desigualdade e rematen coa precarización das condicións de vida de moitas cidadás. É obrigada unha axenda de diálogo para atender a cuestión do encaixe das nacións e o recoñecemento da súa soberanía.

Despois do cambio de presidente, é imprescindible un cambio de políticas. Moita é a responsabilidade de Pedro Sánchez, a primeira de todas é respectar os apoios parlamentarios que o fixeron presidente do Goberno para avanzar na rexeneración democrática, no xiro á esquerda nas políticas sociais e na construción de solucións dialogadas para o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado.

Como defendeu Miguel Anxo Fernán Vello na sesión da moción de censura moitas son as políticas do Estado que hai que mudar para corrixir décadas de discriminación con Galicia e evitar o espolio dos seus recursos, impulsados, aplaudidos e consentidos polo Goberno de Mariano Rajoy co visto bo da Xunta de Galicia. De modo inmediato, cómpre activar a transferencia da AP-9, a derrogación da prórroga de ENCE na ría de Pontevedra, mudar os usos especulativos que a Autoridade Portuaria impoñía para os terreos do porto da Coruña, e revisar a política de infraestruturas e conexións ferroviarias.

O novo executivo deberá rematar co saqueo do público, impulsando medidas que palien as consecuencias negativas da crise económica para as maiorías sociais. O novo goberno debe combater o aumento das desigualdades e activar as ferramentas do Estado para garantir benestar freando as políticas privatizadoras do común e de servizos esenciais básicos como a sanidade e a educación.

Outra das prioridades é finiquitar a deriva autoritaria do Réxime do 78. O novo goberno do PSOE deberá solucionar problemas políticos mediante a política, o diálogo e a transacción, evitando procesos xudiciais nos que diferentes tribunais europeos mostraron as eivas democráticas do Estado español. Pedro Sánchez debe poñer fin á participación do PSOE na coalición do 155 e ás súas consecuencias, con represaliados políticos. Crear as condicións para enfrontar un novo proceso de procesos constituíntes é unha das necesidades estratéxicas que o Goberno de Pedro Sánchez debe concertar coas forzas que garantiron a maioría parlamentaria á moción de censura.