Lara Rodríguez: «Somos precisamente as mareas municipalistas as que hai tres anos convertemos un panorama político desolador nunha realidade esperanzadora»

Por Anova IN o 28 de Xuño de 2018 en Actualidade, Destaques

Lara Rodríguez foi elixida concelleira en 2015 pola APAC (Agrupación de electoras e electores Plataforma Aberta Cidadá) en Lalín. Dende aquela forma parte dun goberno de coalición no que leva a Área de Cultura e Educación. Foi aire fresco na capital do Deza, despois de décadas de goberno do Partido Popular. Responsable de política institucional de Anova despois da nosa III Asemblea Nacional, falamos con ela sobre o momento actual que vive a Unidade Popular e sobre que políticas se poden activar dende o local para transformar a realidade.

Recentemente Anova marcou como prioridade a defensa do modelo das mareas municipalistas. Como asumides ese horizonte 2019?

Asumímolo coa forte convicción de que somos precisamente as mareas municipalistas as que hai tres anos convertemos un panorama político desolador nunha realidade esperanzadora. Continuamos traballando polo ben común e demostrando que somos as bases quen albergamos o cambio político. Para nós o 2019 é agora; lévao sendo dende o 2015.

As mareas municipalistas continuamos traballando polo ben común e demostrando que somos as bases quen albergamos o cambio político

Este sábado 30 de xuño celebrarase en Ferrol o III Encontro Municipalista, despois dos que tiveron lugar en Ourense e en Santiago. Como valorades esta iniciativa?

Iniciativas coma esa son moi necesarias, pois precisamos crear sinerxías entre todas aquelas agrupacións coas que compartimos folla de ruta. É fundamental apoiarnos entre nós e resulta imprescindíbel que manteñamos o contacto, xa que as problemáticas e as inquedanzas que nos moven e que nos moveron ata chegar aquí son practicamente as mesmas.

Iniciativas como o III Encontro Municipalista de Ferrol son moi necesarias. Resulta imprescindíbel que manteñamos o contacto

O pasado 8-M foi un punto de inflexión no que se refire ao impacto do movemento feminista na nosa sociedade. Pensas que é necesario facer unha reflexión entre gobernanza e feminismo?

Sempre é necesario; non obstante, se existe desigualdade na área política é porque a segue habendo no resto de eidos, e isto é algo que pouco a pouco intentamos cambiar dende diversos espazos. Digamos que é unha reflexión que hai que facer, pero a nivel xeral; non podemos illar o feminismo senón facelo transversal a todos os ámbitos.

Non podemos illar o feminismo senón facelo transversal a todos os ámbitos

Dende logo, nós, dende as nosas agrupacións, somos quen de crear debates e de reflexionar sobre cal é a posición da muller dentro da política e, sobre todo, sobre cal queremos que esta sexa. O que si temos claro é que aínda a día de hoxe as mulleres na política seguimos sendo consideradas de maneira diferente aos homes; nós temos que estar demostrando continuamente a nosa valía e o nivel de esixencia ao que nos someten é moito maior, pero iso non é máis ca un dos síntomas desta enfermidade social que é o machismo e o patriarcado.

Aínda a día de hoxe as mulleres na política seguimos sendo consideradas de maneira diferente aos homes

Como APAC participades nun goberno en coalición. Talvez é interesante facer balance dese feito. Como valoras esta experiencia?

É unha experiencia positiva porque me permitiu desenvolver capacidades que cría ter nun estado de letargo permanente, como a paciencia, a tolerancia ou a empatía (algo moi importante para a propia supervivencia). Dende logo, compartir goberno con tres partidos diferentes pode non parecer sinxelo, pero si é certo que o caso de Lalín debe de ser un pouco excepcional, pois a convivencia entre nós é bastante boa e as discrepancias que poidamos ter tentamos arranxalas da mellor forma posíbel. Ademais, considero que as maiorías absolutas remataron, e que resulta enriquecedor e proveitoso gobernar con outras opcións políticas, sempre e cando exista un claro convencemento de que compartimos o mesmo proxecto e as mesmas liñas de actuación. Non obstante, así como existen aspectos beneficiosos, tamén hai inconvenientes, coma o feito de que moitas das propostas que nós como APAC levamos no noso programa non se materializaron, unha consecuencia de gobernar con diferentes forzas.

As maiorías absolutas remataron, e que resulta enriquecedor e proveitoso gobernar con outras opcións políticas, sempre e cando exista un claro convencemento de que compartimos o mesmo proxecto e as mesmas liñas de actuación

Que se pode facer nun Concello como Lalín nunha área como Cultura e Educación?

As posibilidades que ofrece unha vila como Lalín no eido cultural son moitas, pois existe unha tradición artística importante. Porén, resulta complicado crear público, unha das tarefas primordiais das Concellerías de Cultura, dende logo; cómpre estabelecer un hábito, que a cidadanía coñeza as propostas que se realizan e que participen delas, algo que leva tempo e que en numerosas ocasións incluso pode chegar a ser bastante frustrante, xa que ás veces non tes o resultado que che gustaría acadar. Non obstante, hai que entender que adaptarse ao cambio, neste caso, das políticas culturais é un proceso lento e de asimilación progresiva.

Cómpre estabelecer un hábito, que a cidadanía coñeza as propostas que se realizan e que participen delas

En primeiro lugar debes ter clara cal é a situación do teu Concello e cales son os actores culturais cos que conta, porque contar con eles é unha condición sine qua non. No caso de Lalín temos unha tradición musical importante, grazas non só ás numerosas bandas que hai senón tamén aos diferentes grupos de varios xéneros musicais dos que dispoñemos, contamos tamén con compañías de teatro de marionetas, narradores, artistas plásticos, escritoras e escritores… En fin, infinidade de creadores e creadoras que non só instauran público senón que, ademais, fan que Lalín se sitúe no mapa e que a cidadanía valore a cultura como algo propio.

Por outra parte, o labor da Concellería de Cultura tamén implica a xestión de diversos espazos culturais, coma a biblioteca, o salón teatro, o museo municipal ou o pazo de Liñares, un feito que engade certas dificultades, pois crear contidos ou darlles sentido a todos estes espazos é complicado, sobre todo ao non dispoñer dunha partida orzamentaria moi grande nin de persoal suficiente para dirixilos. No caso da biblioteca procuro non só aumentar os seus fondos bibliográficos practicamente cada mes senón que, ademais, programamos actividades e levamos a cabo varias campañas de animación á lectura ao longo de todo o ano.

En canto ao museo municipal, polo menos unha vez ao ano conta cunha exposición de peso, como foi a 13 Bienal no ano 2017 ou a exposición sobre Colmeiro neste ano 2018, ademais das xa consolidadas, coma o EmporcArte, que se realiza no Entroido, ou aquelas itinerantes, coma o Outono Fotográfico ou a exposición de Ruth Matilda Anderson; tamén, grazas a unha iniciativa que me propuxeron unhas rapazas de Lalín vinculadas ao mundo da arte, dende hai un ano levamos programando obradoiros de ilustración orientados a nenos e nenas, para facer do museo un espazo no que tamén se pode crear.

No salón teatro adoitamos programar sesións de teatro das compañías máis destacadas do panorama teatral galego grazas ao convenio co AGADIC; ademais, realízanse alí numerosos concertos e outro tipo de actividades. Finalmente, temos tamén o pazo de Liñares, o lugar máis complexo de xestionar, non só por falta de persoal senón tamén por falta de medios: alberga unha sala dedicada ao aviador Joaquín Loriga e o Museo Galego da Marioneta, para o cal levamos dende o ano 2016 tentando outorgarlle entidade xurídica para así darlle un sentido a un pazo do século XVII que foi adquirido hai 14 anos polo Concello e aberto ao público no 2014, un pazo magnífico e que supón un atractivo importante para Lalín, pero ao que debemos darlle un significado, unha tarefa moi complicada.

En relación á Educación, a competencia dos Concellos neste eido é escasa, xa que só se basea no mantemento dos centros. Porén, iniciativas como os camiños escolares ou a reforma dos espazos escolares mediante a participación da comunidade educativa son opcións que estamos barallando e que quereriamos levar a cabo.

Xa falta menos dun ano para as vindeiras eleccións municipais. Cal é a situación e o futuro de APAC?

APAC vaise volver presentar ás próximas eleccións. Así o decidimos e así o comunicamos o pasado 22 de xuño a través dunha rolda de prensa na que, ademais, presentamos o noso calendario de actuacións dende setembro a marzo do ano próximo. O noso proceso electoral, que inclúe a elaboración do documento político, o programa electoral, o código ético, o regulamento electoral e mais a escolla das candidatas e dos candidatos vai ser aberto e participativo e non baseado nun liderado unipersoal, pois dende APAC consideramos prioritaria a participación da cidadanía e que os contidos e as ideas estean nun posto primordial.

Así pois, celebraremos tres asembleas: unha en outubro, na que debateriamos, ratificariamos e/ou emendariamos o documento político, o regulamento electoral e mais o código ético, cuxa elaboración se levaría a cabo durante o mes de setembro; outra en xaneiro para a escolla da orde das once primeiras persoas da lista electora, e unha última en marzo na que presentariamos o programa elabora e mais a lista completa.

APAC vaise volver presentar ás próximas eleccións. Así o decidimos e así o comunicamos o pasado 22 de xuño. Vai ser un proceso aberto e participativo e non baseado nun liderado unipersoal