O Partido Popular da respaldo ao nepotismo de Milagros Otero

Por Anova IN o 11 de Xullo de 2018 en Actualidade, Comunicados

Antón Sánchez: «É indecente que o Partido Popular manteña á Valedora do Pobo despois desta sentenza. Demostran que levan no seu ADN a corrupción»

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2019. Resulta un escándalo democrático de gran magnitude que, quen ten que defender os dereitos e as liberdades da cidadanía de Galicia, continúe á fronte da valeduría do pobo logo de que o TSXG anulara un nomeamento que pon de manifesto prácticas corruptas e de nepotismo.

Hoxe o PPdeG no Parlamento de Galicia vén de se situar por do lado da corrupción ao dar cobertura para a continuidade de Milagros Otero ao fronte da institución. Temos moitos exemplos de sectarismo e instrumentalización partidaria durante os seu mandato, con campañas orquestradas contra os gobernos do cambio. O PPdeG está acostumado a patrimonializar as institucións públicas e a practicar o clientelismo e o enchufismo. Unha vez máis defende os seus intereses particulares por riba do interese xeral e por riba de toda ética. A contratación en fraude de Lei de María Puy Fraga evidencia unha vella forma de entender a política que nós nos comprometemos a desterrar de Galicia: a do caciquismo e do clientelismo, a da fraude e a apropiación partidaria do común. A sentenza do TSXG así o evidencia.

Dende o primeiro momento Milagros Otero actuou non como Valedora do Pobo se non como Valedora do Partido Popular. A institución que representa ten o cometido de defender á cidadanía fronte aos abusos do poder político ou das institucións. E precisamente por iso é totalmente indecente que a quen lle corresponde levar a cabo esta tarefa abuse tan descaradamente da súa posición de poder e de privilexio, usando as institucións en único beneficio partidario e/ou particular.

Resulta especialmente rechamante e indignante tamén que o PPdeG, sempre considerándose a si mesmo defensor da legalidade e das resolucións xudiciais, argumente neste asunto que “non temos porque asumir os postulados xudiciais”. Este tipo de comportamentos destrúen a confianza que a cidadanía ten nunhas institucións baleiradas por aqueles e aqueles que queren seguir a defender os seus privilexios.