Anova aposta por relanzar En Marea como ferramenta da Unidade Popular para a ruptura co Réxime do 78

Por Anova IN o 20 de Outubro de 2018 en Actualidade, Comunicados

A formación liderada por Antón Sánchez mantivo hoxe unha xuntanza da súa Coordinadora Nacional para definir a súa posición diante do Plenario de En Marea que terá lugar en Santiago o vindeiro 27 de outubro.

Teo, 20 de outubro de 2018.- Hoxe o principal organismo entre asembleas de Anova Irmandade Nacionalista expresou a súa preocupación polo momento que vive nestes momentos En Marea. Unha deriva burocrática, iniciada pola actual Coordinadora, dilúe a súa orientación política rupturista e lamina a pluralidade interna do espazo, convertendo na práctica a En Marea nunha opción de parte e non no punto de encontro da Unidade Popular en Galicia.

Vemos con especial preocupación que o debate do Plenario 27 de outubro teña o seu centro en cuestións internas, nun debate no que cuestións procedimentais e internas ocuparán a maior parte do tempo do debate en detrimento do necesario debate de ideas. Nese sentido o documento político que se presenta non defende ningunha orientación política e estratéxica clara, o que na práctica supón un cheque en branco para a dirección que salga electa neste proceso poida tomar calquera decisión nun momento decisivo no que hai que revalidar os gobernos municipais e ampliar a rede de mareas municipalistas.

Non compartimos os prazos dados para inscribirse no censo de En Marea. Se o comparamos cos prazos de procesos anteriores, recortan en case un mes o tempo para darse de alta no censo. Promoveremos, con outros axentes de En Marea, emendas que permitan ampliar estes prazos e que ninguén que o desexe quede sen poder participar. Tamén resulta sorprendente que o Consello de Mareas esixa que un organismo superior como o Plenario teña que ter unha maioría de 2/3 para introducir emendas ao Regulamento que establece o seu funcionamento.

Entendemos que tanto o Plenario como o proceso de renovación do Consello das Mareas debe supoñer un punto e aparte nesta forma de proceder. Debemos recuperar as posicións de ruptura e armar un espazo realmente respectuoso coa pluralidade como garantía máxima para blindar as mareas municipalistas e dar a batalla contra o Partido Popular.

Nese sentido facemos un chamamento ao conxunto do espazo de Unidade Popular – e moi especialmente ás mulleres e homes implicados no día a día da construción das mareas – para que podiamos conseguir estes obxectivos. Todas e todos somos necesarios para relanzar En Marea como ferramenta de ruptura co Réxime do 78.