Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras visitarán a Oriol Junqueras e Raúl Romeva

Por Anova IN o 30 de Outubro de 2018 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Na visita á prisión de Lledoners achegaráselle a solidariedade de Anova Irmandade Nacionalista ao conxunto de presos políticos e exiliados cataláns inxustamente perseguidos por impulsar o referendo do 1 de outubro de 2017.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2018.- O encontro terá lugar o vindeiro 10 de decembro na prisión de Lledoners onde os dous dirixentes políticos permanecen en prisión preventiva á espera de xuízo. Un procedemento cuestionado por diferentes entidades defensoras dos dereitos humanos, nun tempo no que vimos como tribunais de Estados da Unión Europea se negaron a executar euro-ordes e a aplicar medidas cautelares polos mesmos actos que xustifican no Estado español medidas de excepción como a prisión preventiva.

Este encontro pretende mostrar a nosa solidariedade esixindo que dirixentes políticos de formacións legais poidan realizar o traballo político nas rúas e nas prazas, e tamén nas institucións nas que foron electos, como é o caso do dirixente de ERC Oriol Junqueras. Entendemos que o feito de que sigan en prisión preventiva é unha mostra máis da deriva autoritaria que atravesa aos poderes do Estado español diante das demandas democráticas postas enriba da mesa por boa parte da sociedade catalá.

Dende Anova Irmandade Nacionalista defendemos que en democracia todos os proxectos políticos poden ser non só defendidos, se non levados á práctica se acadan as maiorías sociais suficientes para facelo. O Estado español debera recoñecer antes ou despois o que fixeron xa Canadá ou Reino Unido: o de entender que os conflitos políticos no século XXI teñen que dirimirse abrindo as urnas, e non poñendo freos á democracia. Imaxes como a das cargas policiais nos colexios electorais nese histórico 1-O forman parte da historia máis negra do Réxime do 78 e son impropias de calquera democracia.

Nese sentido vemos con preocupación determinadas afirmacións dos voceiros da dereita española que non descartan a opción de ilegalizar partidos políticos independentistas. Este tipo de afirmacións evidencian unha concepción cativa da democracia, que non acepta a existencia dun marco de respecto dos nosos dereitos sociais e nacionais e que mesmo pon en perigo dereitos e liberdades civís consagrados no propio ordenamento xurídico vixente.

Entendemos que a mudanza de goberno no Estado español debe abrir un tempo novo no que se atendan as demandas sociais das clases subalternas, ao tempo que se amplía e se mellora a democracia. Debemos empurrar nesa dirección para blindar as conquistas sociais e conseguir un marco de benestar para as maiorías sociais, no que se consiga un marco novo que respecte o dereito a decidir dos pobos.