Anova denuncia a inxustiza imposta polo Tribunal Supremo en relación ao Imposto das Hipotecas

Por Anova IN o 7 de Novembro de 2018 en Actualidade, Comunicados

Antón Sánchez: «Temos que tomar novamente as rúas e as prazas de Galicia para derrotar á alianza dos poderosos. Esta sentenza demostra que o Tribunal Supremo toma partido: pon por diante o negocio da banca por riba dos intereses da cidadanía do común».

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2018.- Antón Sánchez afirmou hoxe que «temos que tomar novamente as rúas e as prazas de Galicia para derrotar á alianza dos poderosos» e valorou que «esta sentenza demostra que o Tribunal Supremo toma partido: pon por diante o negocio da banca por riba dos intereses da cidadanía do común». «Os dereitos que nos rouban hai que recuperalos mediante a mobilización e a rebelión cívica» salientou o Portavoz Nacional de Anova.

A decisión sobre o procedemento sobre o Imposto das Hipotecas supón unha vergonzosa concesión ao poder dos bancos que queremos denunciar publicamente. Estamos diante dun procedemento sen precedentes no funcionamento de calquera tribunal ordinario nun Estado democrático. Trátase de preservar unicamente un aforro para as entidades bancarias que se situaría entre os 3.200 e os 5.000 millóns de euros. Un aforro para a banca custeado polos cidadáns.

A decisión dos maxistrados do Tribunal Supremo evidencia a súa conexións cos principais poderes económicos do Estado español. Só as presións da Banca poden explicar a modificación de criterio que desautorizan as últimas tres sentenzas sobre este tributo na que se ditaminaba que eran os bancos os que tiñan que pagar este imposto.

Non sería a primeira vez que unha sentenza arbitraria da xustiza española é anulada polos tribunais europeos. Xa aconteceu coas cláusulas solo, na que finalmente os tribunais europeos primou o interese da cidadanía do común por diante dos intereses das entidades bancarias. Bancos moitos deles rescatados con cartos públicos que aínda non devolveron. Estamos diante doutro episodio de roubo legalizado para engordar os beneficios das corporación bancarias, unha mostra máis da falta de lexitimidade do poder xudicial do Réxime do 78.

A revisión da sentenza é anómalo en calquera democracia, a independencia do poder xudicial respecto dos grupos de presión é unha farsa que sacrifica a seguridade xurídica dos cidadáns e enxalza a a influencia dos poderes na sombra para deturpar o Estado de Dereito.