Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez entrevistáronse con Oriol Junqueras e Jordi Cuixart

Por Anova IN o 10 de Decembro de 2018 en Actividades, Actualidade

Nas reunións trasladouse o apoio e a solidariedade activa de Anova Irmandade Nacionalista cos presos políticos e exiliados como consecuencia da organización do referendo do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2018.- Hoxe Xosé Manuel Beiras e o Portavoz Nacional de Anova Antón Sánchez visitaron a prisión de Lledoners para trasladar a nosa solidariedade co conxunto dos presos políticos e exiliados catalás, e analizar o actual momento político, marcado pola xudicialización do proceso catalá e o auxe da ultradereita no Estado español.

Desta maneira puidemos coñecer de primeira man cal era a situación dos presos políticos nas cadeas, e como estaban a ser abordados os recursos legais para rematar canto antes con esta situación de excepcionalidade pola que levan meses en prisión preventiva. Lembremos que nestes momentos parte do colectivo de presos políticos comezaron unha folga de fame que hoxe chega ao seu décimo día como medida de denuncia desta situación.

Vivimos un momento complexo no Estado español, onde a coalición do 155 e a resposta autoritaria ao desafío democrático posto en marcha pola cidadanía catalá abriu as portas ao auxe da ultradereita. Ese avance supón unha mudanza relevante do escenario político, no que se fai necesario compartir análises sobre o momento e establecer marcos de colaboración política máis intensos.

Nese sentido os diferentes axentes cos que nos puidemos entrevistar expresáronnos a súa vontade de persistir no camiño democrático cara a autodeterminación de Cataluña, proxecto político que defenderon dende as institucións e dende a mobilización social, compromiso polo que seguen hoxe en prisión.