Anova responsabiliza á Coordinadora en funcións da situación actual de En Marea

Por Anova IN o 19 de Decembro de 2018 en Actualidade, Comunicados

Esiximos que se solventen as eivas que denunciamos para que se poida votar con limpeza e respectando a vontade das inscritas e inscritos expresada no Plenario do 27 de outubro

A Comisión Permanente de Anova reuniuse hoxe mesmo para abordar como único punto a situación extrema que vive En Marea desde que a súa actual Coordinadora en funcións decidirá unilateralmente paralizar as primarias internas que deberan elixir unha nova dirección política.

Anova cualifica de bochornoso e dun auténtico estado de excepción todo o proceso de primarias de En Marea, responsabilizando do mesmo á actual Coordinadora en funcións liderada por Luís Villares, nunha manobra para desmobilizar ás inscritas e inscritos de En Marea. Esixe que se reinicio do proceso de primarias esta fin de semana antes do fin de ano, e se realice mantendo a formula decida e aprobada democraticamente no Plenario de En Marea. Foron violentados diferentes elementos que deben ser corrixidos:

— Que o Comité Electoral saído do Plenario do 27 de outubro recupere as súas funcións, e remate a súa suplantación polos organismos en funcións de En Marea.
— Que os recursos materiais de En Marea se poñan ao servizo do Comité Electoral para garantir a limpeza do proceso.
— Que as inscritas de En Marea coñezamos o contido das auditorías, e non a interpretación de parte que fai a Coordinadora en funcións de En Marea.
— Verificación de transparencia e de limpeza do censo.

Anova considera que deben ser solventadas estas eivas para permitir a limpeza e a transparencia do proceso. Anova aposta por recuperar En Marea como fórmula de Unidade Popular, plural e de ruptura para a maioría da cidadanía galega lonxe dos ruídos internos e funcionamentos irregulares protagonizados por unha Coordinadora que paraliza unhas primarias internas sen ningún tipo de argumento demostrado e mesmo agochando o contido das auditorías.

Non é admisible que a actual Coordinadora en funcións pretenda como órgano executivo de En Marea dirixir un proceso electoral interno do que é unha das partes, e menos substituír ao órgano lexitimado para dirixir o proceso como é o Comité Electoral, tampouco pretender erixirse en xuíz e parte pretendendo destituír a algún dos membros do Comité Electoral pois é unha competencia que non lle corresponde e sería máis ben unha acción golpista. Recordamos que este órgano foi electo polas inscritas e inscritos de En Marea no Plenario e só o Plenario pode substituír ou destituír aos membros do Comité Electoral.

Anova convocou para mañá xoves a súa Coordinadora Nacional para decidir que posición adopta nun contexto no que a actual Coordinadora en funcións pon en perigo a continuidade do proxecto de En Marea orixinado co éxito das eleccións xerais de decembro de 2015 e reforzado na Asemblea de Vigo do 30 de xullo de 2016. A proposta da Coordinadora Nacional de Anova será facer un chamamento a participar e transformar a indignación das inscritas e inscritos nun revogatorio da actual Coordinadora de En Marea e recuperar o proxecto de ruptura e a democracia interna,

Anova considera que debe cesar a maneira irresponsable na que está instaurada a actual Coordinadora bloqueando un proceso ilegalmente que debería terse celebrado con normalidade o pasado 1, 2 e 3 de decembro, debe retomarse solventando as eivas que denunciamos sen máis demora, xa que as acusacións e escusas esgrimidas non se demostraron aínda por parte da Coordinadora en funcións, o que significa un claro exercicio antidemocrático e que ataca directamente o dereito a decidir das inscritas e inscritos de En Marea.