Dirixente histórico da Revolución Cubana, José Ramón Fernández Álvarez morreu onte aos 95 anos en La Habana. Tivo un papel destacado impulsando as relacións entre Galicia e Cuba.
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2018.- Naceu en Santiago de Cuba en 1923, sendo fillo de emigrantes asturianos. No ano 1947 gradouse na Escola de Cadetes e na de Artillería, comezando así a súa carreira militar. O seu compromiso político contra a ditadura de Batista levouno á prisión da que foi liberado no ano 1959 grazas á vitoria da Revolución Cubana.
A partir dese momento mantivo un compromiso permanente con Cuba mantendo diferentes responsabilidades nas Forzas Armadas Revolucionarias, tendo un papel destacado na defensa da illa durante o desembarco de Praia Girón. Foi deputado da Asemblea Nacional do Poder Popular dende a súa constitución en 1976 até o seu pasamento, e membro do Consello de Estado entre 1981 e 1993. Fundador do Partido Comunista de Cuba, formaba parte do seu Comité Central dende 1975. No ano 2001 concedéuselle o título honorífico de Heroe da República de Cuba.
Dende Anova queremos destacamos o seu papel impulsando as relacións entre Galicia e Cuba, e trasladamos a nosa máis sentida dor ao pobo cubano neste ano no que a Revolución Cubana fai o seu 60 aniversario.
