Anova centrará os seus esforzos en manter aberta a Primavera Municipalista en maio de 2019

Por Anova IN o 23 de Xaneiro de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

 

O noso Portavoz Nacional Antón Sánchez considera que «as políticas de Unidade Popular foron un éxito no pasado e, fronte o tridente da dereita, son a esperanza de cambio en Galicia.»

Antón Sánchez: «Sigue vixente a aposta de Anova pola ruptura co Réxime do 78, fronte á pobreza e a desigualdade e contra o recorte de dereitos e liberdades».

Xosé Manuel Beiras: «No estado español o fascismo é unha hidra de tres cabezas e toda a brunete mediática está empeñada que gañe o fascismo»

Iria Otero: «Anova redobra a aposta pola unidade popular real, co obxectivo de manter os gobernos do cambio e ampliar as candidaturas. Haberá un debate interno que desembocará na IV Asamblea Nacional»

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2019.- O pasado domingo 20 de xaneiro tivo lugar unha Coordinadora Nacional ordinaria de Anova, en Teo, na que se analizou un novo contexto que ten como novidade a articulación dunha tríade conformada por Partido Popular, Ciudadanos e a ultradereitista Vox. Esta é a forma autoritaria na que se pretende pechar en falso a crise do Réxime do 78.

Diante do auxe desta ofensiva reaccionaria entendemos que é fundamental manter a tensión política entorno aos principios que levamos defendendo dende a nosa fundación, mantendo a nosa aposta rupturista diante da desviación de obxectivos e o edulcoramento da mensaxe. Precisamos manter unha posición de firmeza que sexa capaz de conectar coa xente do noso país, especialmente con aqueles segmentos sociais que peor o están a pasar como consecuencia das políticas neoliberais.

Entendemos que os novos retos deben estar centrados en reforzar os espazos cidadás e as diferentes fórmulas que a nivel local ten a Unidade Popular, o ámbito no que acadamos mellores resultados, e no que logrou unha maior porosidade social e unidade na diversidade interna. Aínda que sabemos dos riscos obxectivos que existen, entendemos que os diferentes axentes nacionais deben facilitar e non tensar o espazo a nivel local, nun momento no que todos os principais poderes económicos e mediáticos do país pretenden clausurar a Primavera Municipalista que xunto con outras e outros compañeiros axudamos a abrir en maio de 2015 e agora queremos manter e ampliar. Nese sentido Xosé Manuel Beiras manifestou que «Anova centrarase no importante: nas mareas municipais e na loita común contra a mala besta monstruosa do fascismo».

O proceso de renovación dos órganos de En Marea non solucionou ningún dos problemas que estaban enriba da mesa e abriu outros moitos que teñen que ver coa verdade e a limpeza do propio proceso. Os acordos do Plenario do 27 de outubro foron violentados por parte da Dirección. Anova tomará as súas decisións con autonomía política absoluta na nosa IV Asemblea Nacional, que será convocada despois de maio de 2019 para que o noso debate interno non interfira nunha data tan importante na axenda do conxunto do espazo de ruptura.

De cara ás eleccións europeas estableceremos conversas coa idea de artellar unha alternativa en clave de esquerda rupturista con aliados do Estado e as esquerdas soberanistas. As eleccións europeas poden ser unha oportunidade para facerlle fronte ás políticas do 135 e do 155 e para fixar as consecuencias negativas que teñen en Galicia a persistencia das políticas neoliberais da Unión Europea.