Anova mostra a súa solidariedade co pobo de Venezuela

Por Anova IN o 23 de Xaneiro de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Animamos á cidadanía galega a participar en todos aqueles actos e concentracións de repulsa contra os que queren levar a noite de pedra de novo ao pobo de Venezuela e aos pobos latinoamericanos.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2019.- Nas últimas horas coñecemos a situación crítica pola que atravesa a República Bolivariana de Venezuela e non podemos máis que condenar, de maneira enérxica, o novo intento de golpe de Estado que está a producirse. O golpismo é a forma na que o imperialismo e os EEUU teñen de intervir na rexión cando son incapaces de conseguir apoios sociais e electorais, como aconteceu no seu día co Chile de Allende. Estamos diante dunha nova inxerencia intolerable que vai contra a legalidade internacional.

De novo os Estados Unidos de América, co seu autarca presidente á cabeza, apoiado polas oligarquías locais e a ultradereita nacional e internacional interveñen na política interna dun país soberano de Latinoamérica para propiciar o caos e a desestabilización. Foron varios os intentos nos últimos tempos, aínda recentemente abortados, máis agora mesmo está acontecendo un salto adiante do golpismo contra a democracia naquel país. A auto-proclamación coma presidente dun líder opositor conta co recoñecemento dos gobernos dereitistas e ultradereitistas da contorna, poñendo en risco a estabilidade rexional.

Os EEUU de Trump, como responsables directos, e os gobernos axeonllados coma o novo Brasil de Bolsonaro, Perú, Colombia…atentan contra a independencia de Venezuela e tratan de enterrar os soños de integración e progreso para os pobos de América, que viñeran manifestándose na última década e media. Non podemos máis que reaccionar con indignación ante o avance do fascismo (tamén na outra beira do Atlántico) que, usando os peores métodos, quere asaltar o poder en detrimento dos intereses das maiorías populares. Anova manifestaráse e posicionaráse sempre en contra do imperialismo, o colonialismo e todo aquilo que somete a vontade democrática dos pobos que, libremente, intentan construír o seu propio camiño. O goberno actual foi democraticamnete elixido polo pobo, e debe respectarse a vontade popular. Instamos ao goberno español a que condene este golpe e impulse na UE e na comunidade internacional un posicionamento en defensa da soberanía nacional venezolana.

Animamos á cidadanía galega a participar en todos aqueles actos e concentracións de repulsa contra os que queren levar a noite de pedra de novo ao pobo de Venezuela e aos pobos latinoamericanos. A nosa solidariedade activa e explícita coa legal e lexítima República Bolivariana de Venezuela!